- Branca Novoneyra lembra que desde 2016 diferentes compañías profesionais prepararon preto de 40 montaxes no espazo do Centro Cívico de Santa Marta
- Compostela Aberta pide que a convocatoria se estenda ao auditorio do Centro Cívico do Romaño
Compostela Aberta pedirá no Pleno desta semana que o Concello publique a cuarta Convocatoria de Residencia de Artes Escénicas da Sala Agustín Magán, mantendo unha iniciativa que se iniciou en 2016. A concelleira Branca Novoneyra presentou hoxe a proposición que se someterá ao debate da Corporación e que tamén insta ao Goberno a integrar na convocatoria o auditorio do Centro Cívico do Romaño.
Novoneyra lembrou que desde 2016 a Sala Agustín Magán “convertiuse no primeiro espazo de residencias escénicas municipais de Galicia, un lugar no que se facilita e apoia o traballo das compañías profesionais, que puideron desenvolver alí ata un total de 37 montaxes”. A concelleira lembrou que no pasado verán “foise un paso máis alá, e o auditorio do Centro Cívico do Romaño sumouse ás residencias para lle dar acubillo á compañía Matarile Teatro, para a preprodución da súa última montaxe, Daimon y la jodida lógica”. Por iso, na proposición presentada hoxe, Compostela Aberta pide non só que se manteña a convocatoria de Residencias de Artes Escénicas na Sala Agustín Magán, senón que se integre definitivamente o auditorio do Romaño como segundo espazo escénico para a convocatoria. Ao tempo, tal e como explicou Branca Novoneyra, pídese que “os próximos orzamentos municipais contemplen a dotación técnica básica suficiente tanto para a Sala Agustín Magán como para o auditorio do Centro Cívico do Romaño”. Deste xeito, inicidiu a concelleira, “facilitarse a extensión aos barrios de manifestacións culturais que antigamente sucedían exclusivamente nos contedores culturais centrais de Compostela”.
Por último, na proposición que se debaterá no Pleno do xoves, Compostela Aberta pide a convocatoria dunha bolsa de investigación para iniciar un arquivo das artes escénicas de Santiago na biblioteca do Centro Cívico do Romaño, con especial atención á memoria das publicacións físicas e dixitais das compañías históricas de Santiago e documentación -textual, visual e audiovisual- das propias residencias municipais activas desde o seu inicio en 2016.
Podes consultar AQUÍ a PROPOSICIÓN PARA DESENVOLVER UNHA PLANIFICACIÓN DAS RESIDENCIAS ESCÉNICAS MUNICIPAIS NA SALA AGUSTÍN MAGÁN CONVOCANDO A CUARTA CONVOCATORIA DE RESIDENCIAS ESCÉNICAS MUNICIPAIS QUE INCLÚA O AUDITORIO DO CENTRO CÍVICO DO ROMAÑO CUNHA DOTACIÓN TÉCNICA PROPIA