- A portavoz de CA pídelle ao Goberno que aclare “cal é a situación do aparcamento público do Olvido e que trámites levou a cabo para poder abrir este equipamento”
Compostela Aberta levará ao próximo Pleno as demandas da veciñanza dos Pexigos, “que reclama unha actuación de mellora integral neste ámbito, para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria, e para renovar as redes de saneamento”. A portavoz municipal de CA explicou que “esta unha actuación que o Concello debe acometer a medio prazo e por iso solicitámoslle ao Goberno que encargue xa a redacción dun proxecto que permita ir avanzando nesta liña, ao tempo que pón en marcha outras medidas máis asumibles como a limitación do tráfico só para residentes”. María Rozas e o concelleiro Xan Duro realizaron onte unha visita á zona, na que os veciños e veciñas tamén mostraron a súa preocupación pola situación na que se atopa o aparcamento do Olvido, que segue sen ser posto a disposición da cidadanía.
María Rozas e Xan Duro visitaron onte a zona dos Pexigos acompañados por un grupo de veciños, que trasladaron diferentes demandas relacionadas fundamentalmente con cuestións de tráfico e seguridade. Segundo explicaron, “nos Pexigos existe un problema de seguridade viaria, polo tránsito de vehículos a unha velocidade inapropiada para estas rúas, que son moi estreitas, e polas que pasean persoas de idade avanzada”. Ademais, denuncian que nas horas de entrada e saída dos colexios da zona de Virxe da Cerca “moitos vehículos estacionan por esta zona, en ocasións dificultando o acceso dos residentes porque polos Pexigos apenas caben dous coches”. Para os veciños e veciñas, “é necesario buscar fórmulas que permitan limitar o acceso só a residentes, algo que non semella moi complexo e que se podería solucionar a curto prazo”. Máis a longo prazo, explicou María Rozas, “os residentes demandan a reurbanización das rúas dos Pexigos, contemplando a substitución das tubaxes que son de amianto, e por iso reclamarámoslle ao Goberno que se comprometa á redacción do proxecto”.
Aparcamento do Olvido e outras demandas
Na reunión celebrada onte, a veciñanza tamén se referiu ao aparcamento soterrado do Olvido, construído no ano 2010 ao abeiro da reurbanización da praza de Marcial Villamor e que non chegou a entrar en funcionamento. María Rozas lembrou que “durante o pasado mandato, o Goberno de Compostela Aberta avanzou nos trámites para inscribir o parking no Rexistro da Propiedade como equipamento municipal, para que puidera ser disposto a disposición da veciñanza”. Xa neste mandato, explicou, “a concelleira de Urbanismo afirmou nun Pleno en marzo de 2021 que se estaba negociando cos propietarios da parte privada do parking para poder abrir as instalacións, así como que Tussa xa tiña orzada a obra necesaria para asumir a encomenda de xestión, pero nada máis se soubo transcorridos case dous anos”. A portavoz de CA lembrou que “o obxectivo era que as prazas foran para ser utilizadas polos veciños e veciñas da zona, atendendo a criterios e renda, e non sabemos se se adoptou algunha medida nos últimos anos para logralo”.
Por último, os veciños e veciñas trasladaron outras queixas relacionadas coa localización dos contedores do lixo “que deixaron colocados sobre a beirarrúa da praza do Olvido, cando existe un espazo específico para eles”, e reiteraron a súa preocupación pola situación dalgúns pisos nos que se produce trapicheo de drogas “unha situación que foi abordada ao comezo do mandato co Goberno local, pero na que nada se avanzou nestes catro anos”.
Demandas da veciñanza de Sar
Na moción que se debaterá no próximo Pleno, CA tamén reiterará unha serie de demandas que lle afectan ao conxunto do barrio de Sar “e que xa incluímos noutra proposición que se aprobou hai xusto un ano pero a que, como é habitual, o Goberno parece non ter intención de darlle cumprimento”. Naquela proposta, lembrou María Rozas, “reclamabamos diálogo co tecido asociativo e veciñal para deseñar un programa de actuacións que atendera tanto a grandes obras que ficaron esquecidas neste mandato, como a pequenas cuestións de mantemento, que nin son complexas nin custosas”.
No que tén que ver coas grandes obras, explicou a portavoz de Compostela Aberta, “demandamos que se acometa a reurbanización do segundo tramo da rúa de Castrón D´Ouro que quedou pendente do anterior mandato, ou a intervención integral nas rúas Ponte do Sar, Cruceiro do Sar e Sandino, que prevía unha mellora no entronque coa rúa Diego Bernal, a ampliación de beirarrúas e a creación de espazos comunitarios para a veciñanza”. Este proxecto, explicou, “xa ten os trámites ambientais feitos, e sería fundamental desenvolvelo porque non abonda neste punto con realizar labores de aslfaltado”. Compostela Aberta urxe ao Goberno a desenvolver o anteproxecto de acondicionamento dunha parcela de máis de 40.000 metros cadrados, no denominado Sistema Xeral ZD-6 Zona Deportiva das Brañas do Sar, para a creación dun novo equipamento deportivo que substitúa a plataforma actual e estea mellor integrado paisaxísticamente, e que tamén incluiría unha zona de aparcamento que resolvería o grave problema de estacionamento que sofre a zona de Sar”.
Xa en canto ao mantemento, a veciñanza insiste na degradación da zona de Castrón D´Ouro que foi reurbanizada por mor dos vehículos estacionados nas beirarrúas, dos empozamentos no parque de Marcial Villamor e dos riscos de inundación na rúa do Olvido, de desperfectos no pavimento e nas beirarrúas na rúa das Canteiras e na rúa do Sandino, e da falta de mantemento da ponte da senda do Sar. Para María Rozas, “non se entende a falta de resposta do Goberno diante destas demandas, que as asociacións veciñais levan poñendo sobre a mesa durante todo o mandato”.