- Jorge Duarte pide a ampliación da protección patrimonial do Café Derby, e reclama “axilidade” na actualización do Plan Especial
Compostela Aberta reiterou hoxe a súa preocupación pola transformación do tecido comercial da cidade histórica “onde cada día se rexistran peches de tendas tradicionais para acabar convertidas en negocios pensados unicamente para os turistas”. Marta Lois e Jorge Duarte deron conta da proposición que defenderán no Pleno do próximo xoves, para esixir o cumprimento do acordo adoptado pola Corporación en xaneiro de 2020 que incluía diferentes medidas para protexer o comercio tradicional, entre elas o estudo dunha moratoria para a abertura de novas tendas de souvenirs na cidade histórica. Na proposta, CA tamén reclama a ampliación da protección patrimonial do Café Derby, “porque o que semella que vai pasar con este local é a mellor mostra da degradación da zona vella e do fin da súa diversidade comercial”.
Nas últimas semanas foron moitos os peches de establecementos emblemáticos da zona vella de Santiago, desde librarías a zapaterías pasando por tendas de roupa ou mesmo farmacias. A portavoz de Compostela Aberta sinalou que “non hai máis que pasear pola cidade histórica para observar como a súa diversidade comercial desaparece en favor dun ecosistema pensado tan só para o turismo”. Para Marta Lois, “é lamentable que diante desta imaxe o alcalde de Santiago se limite a afirmar que os peches se deben á falta de continuidade de negocios familiares, e á súa falta de adaptación ás novas dinámicas comerciais, porque iso é tanto como botar balóns fóra e trasladar a idea de que as administracións non poden facer nada para frear esta sangría”.
Acordos incumprindos desde hai case dous anos
Lois lembrou que en xaneiro de 2020 o Pleno do Concello aprobou por unanimidade unha proposición, presentada inicialmente por CA pero emendada e transaccionada polos demáis grupos, para fomentar a protección do comercio tradicional na zona histórica. O primeiro punto de acordo, incidiu a portavoz de Compostela Aberta, “era estudar unha moratoria na abertura de tendas de souvenirs no ámbito do Plan Especial, pero 22 meses despois non temos noticias de que o Goberno do PSOE fixera algo nesta materia”. Na mesma liña, explicou a concelleira, “tampouco nos consta que se iniciara a tramitación dunha ordenanza reguladora para a protección do comercio tradicional, nin que se impulsara o Plan de Dinamización do Comercio da Cidade Vella, nin que se creara o Observatorio do Comercio, outros dos acordos adoptados en xaneiro do 20”.
A portavoz de CA lamentou que “nada se tivera feito neste eido nestes dous anos nos que a situación do pequeno comercio aínda se viu máis agravada por mor da pandemia”. Lois advertiu que “o coronavirus non pode servir desta vez de escusa para xustificar o atraso no cumprimento dos acordos, porque estamos a falar de trámites administrativos que se puideron ter levado a cabo, ou cando menos iniciado, nestes case dous anos”
Café Derby
O mellor exemplo da situación que se vive na cidade histórica é, para Jorge Duarte, o peche do Café Derby. O concelleiro de Compostela Aberta sinalou que, tal e como ten denunciado a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, “este local emblemático carece da protección física das súas vidreiras, e non conta coa protección patrimonial precisa de elementos de enorme valor como o mostrador-barra, o zócalo, as cantoneiras ou a decoración”. Para o edil, “estas eivas na protección do Derby resultan máis chamativas se temos en conta que mesmo o Consorcio tén organizada unha exposición sobre este local, actualmente instalada na Casa do Cabido”. Duarte incidiu na necesidade de atender a solicitude feita xa por Apatrigal para ampliar a protección patrimonial do Derby, así como para decretar unha orde de execución inmediata para a protección da vidreira do local ao amparo da Lei do Solo, da Lei de Patrimonio e da Lei de Rehabilitación de Galicia.
Ademais, Duarte sinalou a necesidade de que o Goberno local elabore un catálogo de locais, establecementos e edificios para usos comerciais e de servizos, que favoreza os usos do comercio e servizos de proximidade a aqueles usos mantidos durante alomenos 50 anos. Ao respecto, o concelleiro lembrou que “no pasado mandato os grupos da oposición impediron a actualización do Plan Especial da Cidade Histórica, mais sí quedou aprobado pola Xunta de Goberno o Plan de Xestión que abordaba, precisamente, a necesidade de manter a zona vella como unha cidade viva, con usos residenciais, comerciais e culturais propios”. En definitiva, resumiu Duarte, “o Plan de Xestión ía máis alá da protección do patrimonio construído, para avanzar na protección do usos da cidade histórica, pero o Goberno de Bugallo parece decidido a non dar nin un paso máis nesa dirección”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA A PROTECCIÓN DO PEQUENO COMERCIO NA CIDADE VELLA DE SANTIAGO