• Jorge Duarte lamenta que o Goberno galego optara por recorrer á xustiza a modificación da Ordenanza Municipal de ruídos sen diálogo previo entre administracións

Compostela Aberta levará ao Pleno da próxima semana unha moción para instar á Xunta a que recoñeza a música ao vivo como un elemento da singularidade cultural de Santiago, e para que impulse as modificacións normativas que permitan manter esta riqueza da capital galega. O concelleiro Jorge Duarte pediulle ao Goberno galego “que mova ficha, porque está en xogo o futuro dun sector moi importante na capital galega, e nun momento no que xa sofre especialmente os efectos da crise da Covid-19”.

Jorge Duarte explicou que a moción tén a súa orixe na sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que declarou a nulidade das modificacións que o Goberno de Compostela Aberta impulsara na Ordenanza Municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos, vibracións e condicións dos locais, co obxectivo de manter a singularidade e a identidade cultural de Santiago e a súa actividade musical. O concelleiro incidiu en que “o TSXG respondeu a un recurso interposto pola propia Xunta de Galicia, que decidiu recorrer aos tribunais sen previamente manter ningún tipo de diálogo co Concello, e sen nin sequera ter presentado alegacións despois da aprobación inicial da modificación da ordenanza”. O edil lamentou que “unha vez máis a Xunta antepuxo outros intereses aos da cidade, e non intentou procurar ningunha solución para un sector que é vital para a identidade de Santiago, pero tamén para a súa economía, tal e como se está poñendo aínda máis de manifesto durante esta crise da Covid-19”.

O concelleiro de CA reiterou a necesidade de que a Xunta “revise o catálogo de actividades vinculado á Lei de Espectàculos Públicos, para que sexa axustado á realidade das actividades que se poden desenvolver, e non siga estando desfasado”. O concelleiro lembrou que foi precisamente por este desfase polo que o Goberno de Compostela Aberta decidiu modificar as súas ordenanzas municipais durante o pasado mandato, “sempre co obxectivo de simplificar a tramitación administrativa e manter a singularidade e a identidade cultural de Santiago e da súa actividade musical, unha cuestión que agora é aínda máis urxente protexer, porque os sectores hostaleiro e cultural están a ser dos principais damnificados pola pandemia do coronavirus e polas restricións derivadas dela”.

A recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou a nulidade do artigo 44.6 e da disposición transitoria 3ª da Ordenanza Municipal de ruídos, que contemplaba a posibibilidade de que “os establecementos que pretendan ofertar espectáculos, servizos ou desenvolver actividades complementarias ou adicionais que non consten nos seus títulos habilitantes deberán presentar a correspondente declaración responsable”. Atendendo ao recurso da Xunta, o TSXG entende que, deste xeito, se vulneraba a normativa autonómica, de rango superior, que prohibe a música en directo en pubs e cafeterías. Jorge Duarte insistiu en que “o que fixo o Goberno de Compostela Aberta foi eliminar as distincións entre a música ao vivo e a música gravada, porque entendemos que o importante é garantir que se cumpran os límites en canto ao número de decibelios permitidos atendendo ao decreto de contaminación acústica de Galicia”. Do mesmo xeito, apuntou, “eliminouse o requirimento duha superficie mínima esixible para cada categoría de local de hostalería, para garantir que non haxa discriminacións no acceso ás actividades de servizos”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA INSTAR Á XUNTA E AO PARLAMENTO GALEGO A RECOÑECER A SINGULARIDADE CULTURAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies