Compostela Aberta levará ao Pleno unha moción para que a Corporación Municipal inste ao Ministerio de Tranportes, Mobilidade e Axenda Urbana a asumir vellas demandas da cidade de Santiago co Goberno central, como a humanización da rotonda de Conxo, a restauración integral da SC-20, a humanización da N-525 ao seu paso polo Eixo e a mellora da N-550 a altura de Marantes e Enfesta. O concelleiro Rafael Peña explicou que, con esta proposta, “CA pretende que o alcalde Bugallo non esqueza estas actuacións nas súas reclamacións ao ministro José Luis Ábalos, con quen dixo querer falar do orbital e da estación intermodal, dous proxectos xa encamiñados durante o pasado mandato”.
Rafael Peña explicou que “o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ten ainda moitos compromisos pendentes con Santiago, obras que poden ser menores en termos de orzamento pero que son demandas históricas para mellorar a vida da veciñanza”. Entre elas, o concelleiro citou a humanización da rotonda de Conxo, “para a que xa existe un acordo asinado en novembro de 2018 e un orzamento estimado de 240.000 euros, pero que segue sen ser afrontada polo ministerio”. Para o concelleiro, “xa non hai excusas para que o Goberno estatal acometa esta obra, e o alcalde Bugallo así debe reclamalo”.
Melloras viarias
Ademais, na moción que se debaterá no Pleno, úrxese ao Goberno estatal a acometer melloras en diversos viarios que son da súa titularidade. É o caso da SC-20, para a que veñen de licitarse uns traballos de rehabilitación por pouco máis de 240.000 euros. Rafael Peña considerou que “esta dotación orzamentaria é totalmente insuficiente para poñer a punto o periférico, un viario que xa tén 25 anos e no que non se teñen acometido obras de mellora importantes máis alá de malos parcheados”. Como exemplo, o edil recordou que “o ministerio vai destinar a amañar todo o periférico o mesmo orzamento que o Concello de Santiago dedicou, no pasado, a arranxar un único carril no Cruceiro da Coruña”.
Ademais, Rafael Peña lembrou outras dúas “demandas históricas da veciñanza que non poden quedar esquecidas nin polo ministerio nin polo alcalde”, como son a mellora da N-525, fundamentalmente ao seu paso pola parroquia do Eixo, e a humanización da N-550, ao seu paso polas parroquias de Marantes e Enfesta.
As grandes actuacións, xa desbloqueadas no pasado mandato
O concelleiro de Compostela Aberta lembrou que “foi no pasado mandato, baixo o Goberno de CA, cando se desbloquearon grandes proxecto que levaban anos encallados con entón Ministerio de Fomento”. Entre eles, citou o proxecto da estación intermodal, “unha infraestrutura pola que levabamos anos esperando e que agora por fin se está a executar”. Tamén quedou desbloqueado o proxecto do orbital, para mellorar a conexión dos polígonos do Tambre e da Sionlla coa AP-9 e a A-54, “que xa está a ser licitado polo Goberno central, e que o Concello tén que velar que se executen con celeridade porque é unha infraestrutura imprescindible paa a odesenvolvemento industrial e urbanístico de Santiago”.
PODES LER AQUÍ A MOCIÓN DE CA PARA INSTAR AO MINISTERIO DE TRANSPORTE, MOBILIDADE E AXENDA URBANA A REALIZAR ACTUACIÓNS URXENTES PARA O EQUILIBRIO TERRITORIAL E PENDENTES EN SANTIAGO