- Jorge Duarte: “O Goberno do PSOE fixo que perderamos tres anos, e se non recupera o consenso seguirá atrasando a operación”
Compostela Aberta volverá reclamar no Pleno que o Goberno consensúe co tecido social, veciñal e comercial do Ensanche o futuro plan para a parcela do vello Peleteiro, tal e como se comprometera o alcalde tras a súa toma de posesión. Nesa liña, CA pide que se manteña a configuración da praza acordada no pasado mandato, coa abertura cara a rúa República Arxentina; que se reserve espazo para a construción dun centro de día para persoas maiores; e que se avalíe a posibilidade de construír no solar un aparcamento público de xestión directa. Así o explicaron hoxe a portavoz municipal, Marta Lois, e o concelleiro Jorge Duarte, que volveron lamentar “que Bugallo perdera máis de dous anos para propoñer finlamente un reparto de usos para Peleteiro idéntico ao que o PSOE tumbara no Pleno durante o pasado mandato”.
Marta Lois explicou que, nos últimos días, Compostela Aberta mantivo reunións con representantes do tecido social e veciñal do Ensanche, para coñecer a súa posición despois de que o Goberno local “volvera poñer sobre a mesa o mesmo plan para Peleteiro que no pasado mandato tumbara o PSOE no Pleno”. A portavoz de CA sinalou que os colectivos coincidiron en “lamentar esta perda de máis de dous anos, e en reclamar que se manteña a configuración prevista no pasado mandato, que xa fora consensuada coas entidades comerciais e veciñais do Ensanche”. Ademais, a concelleira lembrou que, á súa chegada á alcaldía, “Bugallo comprometérase a darlle unha solución consensuada a Peleteiro nun prazo de tres meses, e o certo é que aínda non convocou ás entidades a unha reunión da Comisión Especial para informar oficialmente do plan para a parcela, ainda que desde decembro de 2019 sabe que a mellor solución é a que CA defendeu no pasado mandato, porque así llo indicou o estudo que encargou e polo que pagou 15.000 euros”.
A mesma proposta, empeorada
Jorge Duarte explicou que a proposta que lle foi comunicada aos grupos municipais para o documento de avaliación ambiental da parcela Peleteiro “mantén exactamente o mesmo reparto da edificabilidade que Compostela Aberta propuxera no pasado mandato, e que Bugallo entendía que só beneficiaba á propiedade do inmoble pero non á cidade”. O concelleiro sinalou que “ao igual que fixo co viario Clara Campoamor, o Goberno do PSOE fai unha única modificación que só empeora o previsto, neste caso a abertura da praza pública cara a rúa de San Pedro de Mezonzo, que xa se avaliara no pasado mandato pero que foi desbotada porque non lograra o necesario consenso coa veciñanza e co tecido comercial”. O edil lembrou que “no debate no Pleno sobre o documento de avaliación ambiental, en marzo de 2018, os voceiros de todos os grupos, tamén do PSOE, apostaron pola abertura da praza cara República Arxentina, cunha configuración que posibilitaba mesmo que a praza fora cuberta para acoller diferentes actividades durante a época de mal tempo”. Tal e como se constatou nas reunións mantidas nos últimos días, “o asociacionismo segue entendendo que esa é a mellor solución para a veciñanza e para o comercio”.
Ademais, Jorge Duarte reclamou que o plan para Peleteiro incorpore o centro de día “tal e como estaba previsto, para atender á poboación maior que reside no Ensanche, un dos barrios máis avellentados da cidade e con maior demanda deste tipo de equipamentos”. Por último, o concelleiro explicou que Compostela Aberta reclamará no Pleno que o estacionamento que se acondicione na parcela do antigo colexio Peleteiro sexa público e de xestión directa a través de Tussa, nun modelo similar ao do aparcamento de Xoán XXIII que permite que o Concello fixe os seus prezos libremente, fronte a un novo estacionamento en réxime de concesión. Duarte sinalou que “está é tamén a mellor solución, porque no Ensanche hai aparcamentos que non se enchen porque son caros, e non hai capacidade para modificar os prezos mentres dura a concesión, por 50 anos”.
Para Jorge Duarte, “se o Goberno de Bugallo non recupera o consenso que existía en 2019 e que rachou por cuestións electoralistas, será moi difícil que logre a aprobación definitiva do Plan para a parcela de Peleteiro neste mandato”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA QUE A SOLUCIÓN PARA A PARCELA DO VELLO COLEXIO PELETEIRO SEXA CONSENSUADA CO TECIDO SOCIAL DO ENSANCHE