- Compostela Aberta pídelle a Bugallo que aclare por que se tén mostrado favorable a outorgar unha nova concesión dos estacionamentos cando no próximo mandato remate a actual, que xa dura 50 anos
Compostela Aberta propón que o Concello asuma a xestión directa dos aparcamentos da praza de Galicia e da praza de Vigo, “aproveitando que a súa concesión remata no próximo mandato para utilizar ambos recintos como ferramentas para desenvolver políticas de mobilidade beneficiosas para a veciñanza”. A candidata de CA á alcaldía incidiu hoxe en que “o Concello de Santiago non pode volver caer en erros do pasado e apostar por modelos que están únicamente ao servizo de grandes empresas privadas”. Para María Rozas, ”non hai ningún motivo para volver concesionar eses parkings e hipotecar o seu futuro e o da cidade” , tal e como tén manifestado Bugallo que é a súa intención se continúa na alcaldía. A recuperación dos parkings é unha das “propostas de goberno realistas e concretas” que a candidata de Compostela Aberta irá presentando nos vindeiros días.
A concesión do aparcamento da Praza de Galicia á empresa Interparking España remata en xullo de 2025, e un ano despois, en outubro de 2026, finaliza a concesión do estacionamento da Praza de Vigo a Aparcamientos Sar. Para Compostela Aberta, “o fin destas concesións abre unha fiestra de oportunidade para poder desenvolver políticas públicas en materia de mobilidade e axudar a solventar os problemas que tén Compostela en canto ao tráfico e o aparcamento”. Nesa liña, María Rozas incidiu en que “a xestión directa destes recintos permitirá que o Concello decida as tarifas e estableza determinados descontos ou vantaxes para a veciñanza, ben para os residentes no ámbito dos aparcamentos, para a veciñanza do rural, ou para aquelas persoas que utilizan os parkings para faceren as súas compras no comercio local do Ensanche e na Praza de Abastos”. Tamén posibilitaría, apuntou, que se estableceran acordos para que as familias poidan estacionar de balde no horario de entrada e saida dos colexios próximos, “contribuíndo a paliar os atascos e a reducir os vehículos mal aparcados, seguindo o modelo que xa funciona no parking de Xoán XXIII en relación ao CEIP López Ferreiro”.
A candidata de Compostela Aberta incidiu en que “non estamos inventando nada, porque o Concello xa xestiona directamente, a través de Tussa, outros aparcamentos como o de Belvís ou o de Xoán XXIII, nos que xa existen unhas tarifas que non son equiparables ás dos parkings concesionados e nos que non se penaliza ás persoas que botan pouco tempo aparcadas como sí acontece nos parkings concesionados”. Para María Rozas, “a xestión directa dos aparcamentos da praza de Galicia e da praza de Vigo sumaríase á xestión directa da ORA e do guindastre, que impulsou o Goberno de CA e que tén demostrado ser un modelo valioso, que permitiu medidas positivas para a veciñanza como a de suspender o cobro da zona azul durante a pandemia”. Nesa liña, “a aposta de Compostela Aberta é a de convertir Tussa nunha gran empresa municipal de xestión da mobilidade, que xestione a ORA, os aparcamentos en superficie de Conxo e da Pontepedriña, e os aparcamentos de Xoán XXIII, Belvís, a praza de Galicia e Belvís”-
María Rozas invitou a Bugallo a “aclarar cal é a súa proposta para os aparcamentos da praza de Vigo e da praza de Galicia, porque resulta incomprensible que o alcalde defenda que se prolongue unha concesión que xa dura 50 anos”. Para a candidata de Compostela Aberta, “non nos vale a desculpa de que esa nova concesión permitiría reurbanizar a Praza de Galicia, porque o Concello tén outras vías de financiamento que non acaban repercutindo negativamente na veciñanza, nin tampouco entendemos que Bugallo considere a posibilidade de suprimir ese estacionamento, que pode ser moi útil para a cidadanía se é xestionado desde o público”. Nese sentido, lembrou que “a Bugallo e ás súas concesións xa lle debemos situacións como a do aparcamento do Hospital Clínico, que se construíu sobre terreos municipais pero no que o Concello non terá nada que dicir sobre as súas tarifas ata 2059, ainda sendo escandalosamente caro en comparación con outros equipamentos similares”.