- Compostela Aberta demanda a devolución dos importes cobrados ás empresas pola tarifa fixa da taxa do lixo, que non foi anulada polo Concello
A concelleira de Compostela Aberta María Rozas demandoulle hoxe ao Goberno do PSOE “que faga un maior esforzo para axudar á veciñanza e aos sectores máis golpeados pola crise derivada da Covid-19, a través de medidas de compensación nas taxas municipais”. A edila defenderá no Pleno de mañá unha moción na que o grupo municipal de CA reclama a aprobación de novas exencións fiscais nas taxas relativas ao saneamento e depuración de augas residuais e o servizo de subministración de auga, así como a devolución dos importes xa cobrados pola taxa da recollida do lixo ás empresas afectadas polo confinamento e os peches obrigatorios por mor da pandemia, nomeadamente ás de hostalería.
María Rozas explicou que “as medidas adoptadas ata o de agora polo Goberno demóstranse insuficientes, porque as restricións derivadas da pandemia estánse a alongar máis do que se prevía no mes de marzo, e non temos claro un horizonte temporal para a volta á normalidade, como se vén de demostrar co paso atrás na desescalada que acaba de dar Santiago onte mesmo”. Por iso, a concelleira de CA urxiu a Bugallo “a non acomodarse e a non crer que xa fixo todo o posible polos sectores máis damnificados pola crise, porque quedan moitas cuestións que atender e toda axuda para eles é pouca no actual escenario”.
Saneamento e subministración de auga
Unha das medidas que vai reclamar Compostela Aberta no Pleno de mañá tén que ver coas taxas polo saneamento e depuración de augas residuais e polo servizo de subministración de auga e conservación de contedores. A moción presentada por CA reclama a súa modificación, para engadir ovas exencións ás xa existentes. María Rozas explicou que o obxectivo debe ser que “as empresas que viran afectada a súa actividade en como mínimo o 20% a causa da declaración do estado de alarma ou polas restricións adoptadas en relación á pandemia tanto polo Goberno central como pola Xunta de Galicia”. Esa porcentaxe, explicou a concelleira, é a mesma que utilizou o Concello nas convocatorias de axudas para a hostalería e o comercio.
Ademais, CA reclama unha bonificación nas taxas de saneamento e subministro de auga para as persoas afectadas por un ERTE relacionado coa crise da Cvid-19, sempre que non recibiran complemento salarial adicional á prestación por desemprego; e para autónomos e traballadoras por conta propia. Neste caso, deben cumprir unha dobre condición: ser perceptores da prestación extraordinaria por cese de actividade para os afectados pola declaración do estado de alarma, e que a renda do conxunto da súa unidade familiar, con posterioridade a esa declaración da estada de alarma, non exceda de 2,6 veces o IPREM de 14 pagas, equivalente a 1.400 euros en cómputo mensual.
Taxa da recollida do lixo
Ademais, na moción de Compostela Aberta reclámase a devolución dos importes cobrados da taxa do servizo de recollida do lixo á hostalería e ás empresas afectadas polas diferentes restricións, “como xa fixeron numerosos concellos”. María Rozas explicou que a Lei de Facendas Locais recolle, no seu artigo 26.3, que “Cando por causas non imputables ao suxeito pasivo, o servizo público, a actividade administrativa ou o dereito á utilización ou aproveitamento do dominio público non se preste ou desenvolva, procederá a devolución do importe correspondente”. Ese artigo, apuntou a concelleira, “permite suspender o cobro da taxa na súa totalidade, e non só da tarifa variable, que foi o que fixo o Concello de Santiago, devolvendo só unha parte do recibo, a diferencia doutros concellos como o de Vigo”