Compostela Aberta pedirá no Pleno da próxima semana que o Goberno poña en marcha as medidas necesarias para mellorar a integración da estación intermodal no barrio da Pontepedriña. A portavoz municipal de CA, Marta Lois, explicou que “a veciñanza da zona tén numerosas demandas relacionadas co impacto ocasionado pola nova estación de autobuses e a pasarela, que serían fácilmente asumibles e que mellorarían significativamente a calidade de vida no barrio”.
Marta Lois e o concelleiro Xan Duro realizaron unha visita á Pontepedriña xunto con representantes da Asociación Veciñal do barrio, que mostrou o seu malestar pola deficiente integración da pasarela da intermodal e da nova estación de autobuses na zona. A portavoz de CA explicou que a veciñanza reclama “actuacións para a humanización do contorno da intermodal, como a instalación de mobiliario urbano na nova praza que dá a Clara Campoamor, a elaboración dalgún mural nos muros de formigón da pasarela, que mesmo poderían ser rebaixados nalgún punto, ou a mellora da sinalización”. Outra das reclamacións tén que ver co tempo que o semáforo lles dá aos viandantes para cruzar o viario Clara Campoamor diante da pasarela, “e que está en verde tan só 22 segundos, un tempo escaso para persoas maiores ou con mobilidade reducida”.
A Asociación Veciñal da Pontepedriña tamén lle pide ao Goberno que chegue a algún tipo de acordo coa propiedade da parcela contigüa á nova praza na que remata a pasarela da intermodal, para que poida ser axardinada e ter un uso público.
PODES CONSULTAR AQUÍ O ROGO DO DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA IMPLEMENTAR VARIAS MELLORAS NA INTEGRACIÓN DA ESTACIÓN INTERMODAL NO BARRIO DA PONTEPEDRIÑA