CA urxe a Bugallo a “garantir os empregos de empresas municipais e contratas, encargándolles traballos de apoio á cidadanía”

  • O Real Decreto do estado de alarma podería abrir as portas a ese “cambio temporal de funcións dos empregados e empregadas de concesionarias e empresas coma Tussa ou Incolsa”

Compostela Aberta urxiu hoxe ao Goberno local a estudar as fórmulas xurídicas que permitan que empregados e empregadas das empresas municipais e das contratas poidan reforzar os traballos de apoio á cidadanía precisos na situación de crise sanitaria, social e económica polo coronavirus. O grupo municipal de CA entende que deste xeito se conseguiría un dobre obxectivo: mellorar a rede de apoio e os servizos necesarios nestas semanas, e garantir que determinados traballadores e traballadoras teñan asignadas tarefas e non se poña en risco a súa seguridade laboral.

Compostela Aberta incluíu esa demanda no documento que lle foi entregado ao alcalde na última reunión da Xunta de Voceiros, e entende que urxe estudar a súa viabilidade xurídica “para evitar situacións de inseguridade para moitos traballadores e traballadoras, porque son as administracións públicas, tamén a municipal, as que teñen que facer un maior esforzo para non contribuír a que se agrave unha crise inevitable polos peches aos que están obrigadas numerosas empresas e negocios”. Nesa liña, esta medida poderíase aplicar para os traballadores e traballadoras de Tussa que están adscritos aos servizos da ORA, servizo que o Goberno ten dito que ve problemático suspender polas consecuencias laborais que iso podería ter. Tamén os traballadores e traballadoras das contratas como as das escolas infantís municipais, as porterías de colexios ou instalacións deportivas poderían colaborar en labores de apoio, así como as da propia contrata de limpeza das instalacións municipais. Deste xeito, incide Compostela Aberta, dotaríase de carga de traballo a todas estas empresas durante e Estado de alarma. O grupo municipal de CA ven mantendo conversas con representantes dos traballadores e traballadoras e dos comités de empresa de diferentes concesionarias, que mostraron a preocupación pola actual situación, pero tamén a súa dispoñibilidade para prestar outros servizos que sexan necesarios neste contexto e que non precisen dunha especialización.

Real Decreto do Estado de Alarma

O grupo municipal de CA ten realizado consultas a diferentes expertos, que coinciden en que o Real Decreto 463/2020 de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 abre as portas á aplicación desa medida. Nesa liña, no seu artigo 4.3, o Real Decreto sinala que “os Ministros designados como autoridades competentes delegadas quedan habilitados para ditar as ordes, resolucións, disposicións e instrucións interpretativas que, na esfera específica da súa actuación, sexan necesarios para garantir a prestación de todos os servizos, ordinarios e extraordinarios (…) Os actos, disposiciósn e medidas poderán adoptarse de oficio ou a solicitude motivada das autoridades autonómicas e locais copmetentes, de acordo coa lexislación aplicable en cada caso e deberán prestar atención ás persoas vulnerables, Para iso non será precisa a tramitación de procedemento admistrativo algún”.

No mesmo Real Decreto, no seu artigo 8, faise referencia ás requisas temporais e prestacións persoais obrigatorias. En concreto, sinálase que “as autoridades competentes delegadas poderán acordar, de oficio ou a solicitude das comunidades autónomas ou das entidades locais, que se practiquen requisas temporais de todo tipo de bens necesarios para o cumprimento dos fins previstos neste real decreto. (…) Nos mesmos termos poderá impoñerse a realización de prestacións persoais obrigatorias, imprescindibles para a consecución dos fins deste real decreto”

Ademais, Compostela Aberta entende que “os traballadores das empresas e concesionarias municipais poderían poñerse ao servizo do Concello para desenvolver labores relacionadas co abastecemento ou coa prestación de servizos fundamentais, atendendo aos artigos 15.2 e 18.2. No primeiro deles,relativo ás medidas para garantir o abastecemento alimentario, sinálase que “as autoridades competentes poderán acordar a intervención de empresas ou servizos (…) co fin de asegurar o bo funcionamento do disposto no presente artigo”. O segundo, relativo aos operadores críticos de servizos esenciais, sinala que “dita esixencia será igualmente adoptada por aquelas empreass e provedores que, non tendo consideración de críticos, son esenciais para asegurar o abastecemento da poboación e os propios servizos esenciais”

Na Xunta de Voceiros prevista para mañá, Martiño Noriega insistirá nesta demanda e pedirálle ao alcalde que solicite un informe xurídico que avale estas medidas.

Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

CA completa unha lista “feminista, apegada aos barrios e o rural, e comprometida co activismo social e a defensa das traballadoras”

María Rozas presenta o segundo tramo da candidatura, que pechan a presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carminha Naveiro; a escritora e académica Marilar Aleixandre; e o exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo