CA urxe ao Goberno a dialogar co persoal de Tussa “que non tén información do seu inminente traslado polo peche da vella estación de autobuses”

Jorge Duarte acusa ao equipo de Bugallo de “gardar nun caixón o novo convenio colectivo da empresa municipal de transportes, que deixamos moi avanzado en maio de 2019”

O concelleiro de Compostela Aberta Jorge Duarte urxiu hoxe ao Goberno local a abrir un proceso de diálogo co comité de empresa de Tussa, que vén mostrando a súa preocupación pola falta de noticias ao respecto do seu inminente traslado da actual estación de autobuses, onde a empresa municipal tén localizada a súa sede. O edil lembrou que a Xunta tén anunciado o peche do edificio de San Caetano nun prazo de dous meses pola apertura da nova terminal, e “nada se sabe da planificación do Concello ao respecto dos traballadores e traballadoras de Tussa”. Ademais, Duarte reclámalle ao Goberno “que empece a traballar no novo convenio colectivo do persoal da empresa municipal de transportes, que xa estaba avanzado en maio de 2019, e que o equipo de Bugallo parece ter esquecido”.

Jorge Duarte deu conta hoxe da moción que o grupo municipal de Compostela Aberta levará ao Pleno do próximo xoves, para reclamar que se establezan os necesarios mecanismos de diálogo co comité de empresa de Tussa e coa representación sindical dos traballadores e traballadoras. Ademais, CA pide que a Corporación inste á Xunta de Galicia a garantir o acondicionamento de espazos de traballo correctamente habilitados para o persoal da empresa municipal de transportes cando rematen as obras da nova estación de autobuses. Duarte explicou que “o Goberno non mantén ningún tipo de interlocución cos traballadores e traballadoras de Tussa, malia que o comité de empresa así o vén solicitando desde o pasado mes de xuño”. O concelleiro lamentou que “a falta de diálogo sexa permanentemente a estratexia do equipo de Bugallo, tanto coas empresas municipais como co persoal das concesionarias que se encargan de importantes servizos públicos municipais”.

Demandas pendentes

O concelleiro de CA sinalou que os traballadores e traballadoras de Tussa teñen varios temas pendentes de resolver por parte do Goberno, dos que non reciben ningún tipo de retorno. Un deles, apuntou Duarte,  é o seu inminente traslado, “do que nada saben, malia a terse interesado en varias ocasións por este asunto, a última delas en febreiro”. O persoal explica que descoñece como están a ser habilitados os novos locais de traballo, para os que terán que trasladarse nun prazo de tan só dous meses.

Ademais, Duarte explicou que “o Goberno de Bugallo tén abandonada a negociación do novo convenio colectivo, que Compostela Aberta xa deixara moi avanzada en maio de 2019, despois da municipalización da ORA e do guindastre e para responder á incorporación dos seus traballadores, e o persoal segue tamén sen cobrar a suba salarial de 2020”. Ademais, lamentou que “nin o alcalde nin o concelleiro responsable desta área, Gonzalo Muíños, teñan informado da restruturación do servizo de guindastre e das quendas de traballo; nin sobre outras cuestións como a avaliación dos riscos psicosociais no servizo de guindastre”.

Para Jorge Duarte, “o Goberno do PSOE está a vulnerar os dereitos dos traballadores e traballadoras, que se senten desprotexidos pola administración municipal”. Unha vez máis, concluiu o concelleiro, “Bugallo demostra cal é o seu talante, e evidencia que o diálogo non vai con el”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA QUE SE ESTABLEZAN OS PERTINENTES MECANISMOS DE DIÁLOGO COAS E COS TRABALLADORES DA EMPRESA MUNICIPAL TUSSA E A SÚA REPRESENTACIÓN SINDICAL

Novas
relacionadas

“Que dous señores tomen decisións a 25 anos nun despacho, sen escoitar a ninguén, e a dous meses das eleccións, mostra a súa nula calidade democrática”

Compostela Aberta reconducirá os usos anunciados para a Casa do Matadoiro “que non poden depender de ocurrencias de Bugallo en tempo de desconto”

Jorge Duarte: “Hai consenso político e técnico sobre cal é o mellor proxecto para Castrón Douro, e só Bugallo leva a contraria”

Na comisión asesora de hoxe, quedou sobre a mesa a modificación do proxecto da II fase de Castrón Douro por falta de apoios, e Compostela Aberta demandará no Pleno que se manteña o acordado no pasado mandato coa veciñanza

CA esíxelle a Bugallo que manteña o proxecto orixinal para a segunda fase da reurbanización de Castrón Douro

María Rozas e Jorge Duarte reuníronse coa veciñanza da zona, que non foi informada polo Goberno da súa intención de modificar o proxecto que quedara elaborado no pasado mandato

Compostela Aberta abstense na votación da proposta para Peleteiro “que non tiña o apoio da veciñanza e creaba inseguridade xurídica”

Jorge Duarte lamenta “os catro anos perdidos por Bugallo, que en 2019 obrigou a tumbar a única alternativa que logrou o consenso de veciñanza, comerciantes e propiedade en máis de 18 anos”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo