CA urxe ao Goberno local e á Xunta a “escoitar as queixas da veciñanza e a solucionar os moitos erros na execución das obras de Conxo”

Compostela Aberta leva ao Pleno unha moción para reclamar unha auditoría cidadá das eivas detectadas na actuación para lle dar solución no prazo máis breve posible
  • Marta Lois e Jorge Duarte reuníronse cos residentes, que detectan problemas nas obras en materia de funcionalidade, seguridade e accesibilidade 

Compostela Aberta vén de recoller numerosas queixas relacionadas coas obras de mellora da entrada do Camiño Portugués en Conxo, executadas pola Xunta froito dun acordo asinado co Concello de Santiago en 2017. A portavoz do grupo municipal, Marta Lois, e o concelleiro Jorge Duarte, percorreron a actuación acompañados pola veciñanza, que denunciou “a falta de sensibilidade das administracións implicadas neste proxecto, que non mantiveron a interlocución precisa para evitar que o que debía ser unha mellora urbanística para o barrio se convertira nun motivo máis de malestar entre os residentes”. 

As obras de mellora do Camiño Portugués na súa entrada por Conxo forman parte do convenio asinado en 2017 entre a Xunta e o Concello, naquela altura co alcalde Martiño Noriega. A actuación sufriu numerosos atrasos, imputables ao Goberno galego, que non publicou o proxecto final ata marzo de 2019, dous anos despois da firma do acordo. As obras foron adxudicadas en agosto de 2019 cun prazo de execución de nove meses, pero, tal e como denuncia a veciñanza, “eses nove meses convertéronse en vinte, sen que ninguén lles dera unha explicación ao respecto, demostrando unha absoluta falta de sensibilidade”.

Defectos nas obras

A maiores das consecuencias destes atrasos nun barrio que xa padeceu outras demoras por obras importantes nos anos 2014 e 2015, a veciñanza vén manifestando numerosas queixas polo que consideran defectos na execución da actuación, en materia de seguridade, iluminación e mesmo funcionalidade do proxecto. Así, Marta Lois e Jorge Duarte recolleron o malestar dos residentes por cuestións como a redución do espazo de uso colectivo ao pé do centro sociocultural Aurelio Aguirre, a retirada de iluminación no propio CSC así como no muro do cemiterio, ou os problemas de accesibilidade xurdidos en vivendas tanto da praza como da rúa da Benéfica de Conxo. 

A veciñanza tamén mostrou as súas queixas por cuestións que afectan directamente á seguridade, como a falta de varandas en cambios de nivel de máis de 50 centímetros, a perigosidade dos remtes en gradas e escalóns, ou a falta de visibilidade dos pivotes delimitadores diante dos locais de hostalería da contorna. Tamén denunciaron defectos relacionados coa recollida de pluviais na rúa Benéfica de Conxo.

Para Marta Lois e Jorge Duarte, “moitas destas cuestións estarían resoltas se houbera un diálogo fluído coa veciñanza e co tecido social e asociativo de Conxo”. Para os concelleiros de Compostela Aberta, “ainda que a Xunta é a administración encargada das obras, o Concello debería velar pola súa boa execución, porque é a administración máis próxima á cidadanía e porque estes traballos son o resultado dun convenio asinado no seu día entre os gobernos galego e local”.

Así as cousas, Compostela Aberta levará ao Pleno da próxima semana unha moción na que insta ao goberno local a realizar, en diálogo coa veciñanza, unha auditoría que recolla todas as eivas e queixas relacionadas coas obras de mellora do Camiño Portugués en Conxo; e a colaborar institucionalmente coa Xunta de Galicia para solventalas no prazo máis breve posible.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE AS MELLORAS NECESARIAS NAS OBRAS DO CAMIÑO DE SANTIAGO NO BARRIO DE CONXO

Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo