• Compostela Aberta lembra que o Goberno ten manifestado ao mesmo tempo a súa vontade de consensuar o modelo e a súa intención de concesionar o servizo a 25 anos
  • Marta Lois advirte que “un servizo concesionado e xestionado pola mesma empresa durante 50 anos foi o que nos deixou unha rede con numerosas deficiencias”

O grupo municipal de Compostela Aberta levará ao Pleno deste mes unha proposición na que volve reclamar a constitución dunha comisión que determine a maneira máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento de auga e saneamento. A concelleira Marta Lois insistiu en que “un Goberno en minoría como é o de Bugallo non pode adoptar unha decisión que vai hipotecar ás catro próximas corporacións municipais, sen cando menos realizar un estudo serio sobre as opcións alternativas a un contrato a 25 anos como o que tén anunciado”. A edila incidiu, ademais, en que “non se entende que o alcalde defenda a xestión indirecta como única posibilidade para a realización dos investimentos precisos na rede, cando ese é o modelo que leva vixente en Santiago 50 anos e que o que nos deixa unha rede con enormes deficiencias”.

Compostela Aberta defenderá no Pleno a necesidade de crear unha comisión que determine a forma máis sostible e eficiente de xestionar o ciclo da auga, na que estean representados todos os grupos políticos da Corporación e os servizos municipais que se estime necesario, tales como os de Contratación, Persoal, Asesoría Xurídica ou a Oficina Orzamentaria. Ademais, o grupo municipal de CA pide que esa comisión impulse un foro para socializar os traballos feitos e abrir un debate público coa cidadanía de Santiago.

Medio século de xestión indirecta

Tal e como lembrou Marta Lois, o servizo da auga está concesionado en Santiago desde o ano 1971, e foi sempre a mesma empresa a que se encargou da súa xestión, ainda que con diferentes nomes ao longo deste medio  século. A concelleira incidiu en que xa no ano 1998, o contrato con Aquagest foi prorrogado ata a actualidade baixo a xustificación de que era preciso realizar un investimento de 53 millóns de euros para solucionar as deficiencias na rede. Para a edila, “é moi significativo que vinte anos despois, outra vez un alcalde do PSOE sosteña que a rede de auga e saneamento precisa de actuacións moi custosas que só se poderán financiar a través dunha concesión, cando este é o precisamente o modelo que deixou as infraestruturas en mal estado”. Nesa liña, Lois reiterou que “se é certo o que tén asegurado Bugallo de que son precisos entre 120 e 140 millóns de euros para solucionar as deficiencias da rede, ou a xestión indirecta non foi o modelo máis acaído ou o Concello non puido ou non quixo exercer o necesario control sobre o contrato da auga”.

Estudar modelos alternativos

Para Compostela Aberta, “é preciso que se estuden outras formas para a xestión do abastecemento e saneamento da auga, fuxindo de calquera posición prefixada e deixando a un lado os intereses particulares ou empresariais”. Marta Lois incidiu en que “CA non está a pedir que o servizo se municipalice, non temos unha posición ideolóxica apriorística, senón que estamos a pedir que se analicen os diferentes modelos de xestión para que a decisión se adopte en base a criterios de eficacia e eficiencia”. Ao contrario do que intentan trasladar, explicou, “son outros grupos municipais os que teñen unha posición ideolóxica prefixada e son reacios a estudar as diferentes alternativas, apostando por unha concesión millonaria antes de avaliar outras fórmulas”. Por iso, Marta Lois defendeu que “o Concello de Santiago debe analizar os exemplos doutros concellos como A Coruña, onde a xestión da auga se realiza a través da empresa pública Emalcsa, ou o de Teo”. Do mesmo xeito, avogou por estudar o camiño aberto por outras cidades do Estado, como Valladolid, Badalona ou Terrasa; ou europeas, como Berlín, París ou Turín. A concelleira de Compostela Aberta lembrou que “nalgúns deses casos, as cidades teñen gobernos socialistas, e hai outros municipios gobernados polo PSOE que sí están a analizar os diferentes modelos, como é o caso de Ames”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies