CA volve reclamar a implantación da taxa turística “despois de que varios membros do Goberno local se pronunciaran a favor dese imposto”

Marta Lois e María Rozas levarán unha proposición ao Pleno para “instar á Xunta a habilitar a taxa e ao Concello a estudar un gravame para excursionistas”
  • Un informe elaborado polo catedrático de Economía da USC Luis Caramés estimaba que o Concello podería ingresar por esta vía case 1,5 millóns de euros “que se poderían reinvestir en políticas de turismo sustentable”

Compostela Aberta volverá levar ao Pleno o debate da implantación da taxa turística, cunha proposición que insta á Xunta á habilitar os mecanismos legais para que o Concello de Santiago poida desenvolver esta ferramenta. CA recupera esta proposta despois de que tanto a concelleira de Facenda como o edil de Turismo e portavoz do PSOE se pronunciaran a favor da taxa, que leva anos instaurada en destinos turísticos de todo o mundo, tamén en Baleares e Cataluña.

A portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois, e a concelleira María Rozas deron conta da proposición que se debaterá no Pleno deste mes, para instar á Xunta a impulsar a habilitación dunha taxa turística e para urxir ao Goberno local a presentar unha proposta para a aplicación dun gravame para excursionistas e cruceiristas.Trátase dunha proposta similar á que o Pleno da Corporación aprobou xa en setembro de 2019, a partir dunha proposta de CA que contou cos votos en contra do PSOE.

Marta Lois explicou que “Compostela Aberta recupera esta iniciativa por dous motivos fundamentais: que o sector turístico experimentou certa recuperación tras a pandemia da Covid, e que hoxe sabemos que dentro do Goberno local hai voces que apoian a súa implantación”. Nese sentido, a portavoz de CA lembrou que no Pleno do pasado mes de setembro, a propia concelleira de Facenda avogou porque a Xunta siga o exemplo de Baleares e Cataluña e habilite a posibilidade para que o Concello de Santiago poida aplicar a taxa turística, para incrementar as fontes de financiamento municipais”. Na mesma liña, e días despois, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, afirmaba nunha tertulia radiofónica que el está a favor da taxa turística, e aseguraba que o Goberno está a traballar en incrementar a taxa que pagan os autobuses dos excursionistas que chegan á cidade”.

A portavoz de Compostela Aberta incidiu en que a posición favorable á taxa de Marta Abal e de Sindo Guinarte “está tamén avalada polos estudos en materia de turismo que o Goberno do PSOE encargou desde comezo do mandato”. Así, sinalou que o informe “Modelo de gobernanza e xestión do turismo en Santiago”, elaborado pola empresa Verne en setembro de 2020, apuntaba que “existe un problema xeral de financiamento nos municipios turísticos, polo que é necesario reflexionar sobre cuestións como a aplicación de taxas turísticas”. Lois incidiu en que, ademais da cuestión meramente económica, a implantación deste imposto “sería unha das medidas precisas para a xestión dos fluxos turísticos, que impidan a masificación e que melloren a convivencia entre turistas e veciñanza”.

Compensación dos gastos correntes pola presión turística

Pola súa banda, María Rozas explicou que “a taxa turística sobre os aloxamentos é unha competencia da Xunta, que podería formularse como un imposto que aposte por un turismo sustentable”. A concelleira de CA sinalou que “Bugallo debe exercer as súas obrigas de alcalde e aproveitar esa boa relación con Feijóo da que tanto presume para demandarlle que se habilite o cobro desta taxa que compensaría os gastos aos que se enfronta Santiago por mor da presión turística”.  

Rozas explicou que “a taxa turística é unha realidade desde hai anos en máis da metade dos países europeos, con diferentes contías que ademais se establecen en función da categoría do aloxamento no que pernocta o turista”. No Estado, a taxa só está vixente en Baleares e Cataluña, “pero cada vez son máis as cidades que estudan a súa implantación”. A concelleira lembrou que en Santiago “temos xa feito un traballo previo, cun estudo realizado a finais de 2017 polo catedrático de Economía Aplicada da USC Luís Caramés, que concluía que a taxa turística sería unha medida apropiada, sempre que se aplicara dunha maneira proporcionada tendo en conta as diferentes temporadas e tipos de aloxamento”. O economista, recentemente falecido, realizaba ademais unha cuantificación da achega potencial que suporía a taxa a partir dos datos turísticos de 2016. Utilizando un tipo medio de gravame dun euro e estimación de cinco noites de pernocta, prevía que o Concello de Santiago podería recadar un millón de euros con este imposto. A esa cifra habería que engadirlle tamén unha taxa específica para persoas excursionistas, que no estudo se fixaba en 0,40 euros por persoa, o que suporía unha recadación anual de 450.000 euros. 

A concelleira de Compostela Aberta salientou que “ademais de ser un instrumento para a gobernanza do turismo, a taxa permitiría que exista unha redistribución fiscal e que non sexa a cidadanía compostelá a que teña que afrontar o incremento do gasto corrente municipal por causa do constante fluxo de turistas e visitantes, en cuestións como seguridade ou recollida do lixo”. María Rozas lembrou, ademais, que o obxectivo sería “destinar o recadado a políticas de turismo sustentable, que é cara onde necesariamente deberan camiñar as accións que desenvolva o Concello de Santiago neste eido”.

Orzamentos de 2022

Na rolda de prensa, Marta Lois referiuse tamén aos orzamentos municipais de 2022, “porque o alcalde tén anunciado que nesta semana do 15 de novembro comezarían as negociacións das contas coa oposición, e seguimos sen ter ningunha noticia do Goberno”. A portavoz municipal ironizou cos prazos que anuncia Bugallo “que empezan a recordar ao que acontece coas obras de Concheiros, porque inicialmente comprometeuse a negociar no mes de outubro, e a mediados de novembro nada sabemos dos presupostos”. A concelleira de Compostela Aberta mostrouse convencida de que “non hai ningunha vontade real de negociar, e por iso invitamos ao alcalde a levar os orzamentos ao Pleno cando queira, pero que non use á oposición como escusa para xustificar o atraso na elaboración das contas que tén como único responsable ao Goberno”.

PODES CONSULTAR AQUÍ O INFORME SOBRE A TAXA TURÍSTICA ELABORADO POLO CATEDRÁTICO LUIS CARAMÉS EN 2017

PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A HABILITACIÓN DUNHA TAXA TURÍSTICA EN SANTIAGO PARA A GOBERNANZA DO TURISMO

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo