Unha Candidatura honesta e valente para seguir gañando máis futuro

1. Martiño Noriega Sánchez

1. Martiño Noriega Sánchez

Candidato á alcaldía

44 anos, pai de Mara e Airas, fillo de Isabel e Martín que tiveron a ben namorar en Compostela na segunda promoción da Facultade de Económicas no Campus Norte. Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, especializado en Medicina de Familia no CHUS e no Centro de Saúde das Fontiñas, traballei na Central de Emerxencias do 061. DEA en Saúde Pública. Criado no Ensanche e cunha vida partillada logo entre Teo e Santiago, tiven durante estes catro anos a honra de exercer de Alcalde dunha cidade que leva sendo o meu marco biográfico e a miña paixón dende toda a miña vida.

2. Branca Petra Novo Rey

2. Branca Petra Novo Rey

Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago. Conseguiu o DEA en Educación Artística pola Universidade de Granada e o título de Especialista en Edición pola Universidade Oberta de Cataluña.

Durante unha década dedicouse á creación e á docencia no campo da danza contemporánea desde o Laboratorio de Movementos. Organizou o ciclo de lecturas poéticas Picaversos e traballou no eido editorial. Autora de dous libros de poemas, acredita que a cultura é un tecido vivo que nos sostén a todas, proxecta o pensamento comunitario do pasado cara ó futuro e constrúe unha forma propia de habitar a cidade e o mundo, polo que traballa por conseguir unha democracia cultural real en Santiago de Compostela como concelleira de Acción Cultural.

3. Rafael Peña Vidal

3. Rafael Peña Vidal

Veciño da Lavacolla. Da aldea sempre presente e sempre pendente dela.

Traballador en excedencia do servizo de atención a persoas con mobilidade reducida no Aeroporto Rosalía de Castro da Lavacolla, a miña a casa e a miña paixón. Do Compos e da CIG, branquiazul e vermello a partes iguais.

Por diante efectivizar por fin o equilibrio territorial no noso concello.

4. Marta Lois González

4. Marta Lois González

Veciña do barrio de Fontiñas. Doutora en ciencia política, profesora da USC. Dende 2015 exerzo como concelleira de igualdade, turismo, emprego, comercio e promoción económica.

Estes anos de experiencia e traballo intenso servíronme para impulsar políticas transversais e transformadoras como a campaña Compostela en Negro, Compostela Territorio das Mulleres, sentar as bases dunha gobernanza de turismo, e avanzar no desenvolvemento económico local e de emprego de Santiago.

5. Jorge Duarte Vázquez

5. Jorge Duarte Vázquez

Concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais

Nacín en 1966 en Boimorto. Arquitecto pola ETSA da Coruña, con especialización en Urbanismo e Rehabilitación e Renovación Urbana. Resido en Santiago de Compostela dende principios dos noventa e dende o estudio Atrio Arquitectura abordo proxectos de rehabilitación, de turismo rural, arquitectura bioclimática e tamén proxectos de urbanización. Fun presidente do Colexio de Arquitectos en Compostela e decano do Colexio de Arquitectos de Galicia e coordinei o Manual de Calidade do Proxecto Arquitectónico do Consello Superior de Arquitectos de España.

Contacto: jduartev@santiagodecompostela.org

6. María Rozas Pérez

6. María Rozas Pérez

Nacín en Santiago de Compostela. Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Máster de Estratexias, Axentes e Políticas da Cooperación ao Desenvolvemento polo Instituto HEGOA. Fun voluntaria en varias ONGD’s e participante de movementos asociativos e feministas. Durante 7 anos traballei de consultora de xestión económica para Administracións Públicas nunha empresa de tecnoloxía da información e da comunicación. Nos últimos 4 anos Concelleira de Facenda onde puxen o meu esforzo e coñecementos no obxectivo dunha Compostela social e xusta.

7. Xan Duro Fernández

7. Xan Duro Fernández

No aspecto laboral, son Diplomado en Biblioteconomía e Documentación e funcionario da USC como auxiliar técnico de biblioteca. No aspecto vital, teño parella e son pai de dous nenos de 10 e 12 anos. Levo moitos anos vinculado a movementos sociais, particularmente ao ecoloxista, no que fun presidente de ADEGA e coordenador Xeral de Verdegaia. Nos últimos catro anos fixen parte do Goberno Municipal de Compostela como Concelleiro responsable de Medio Ambiente, Convivencia e Informática, con competencias en Sustentabilidade (Residuos Sólidos Urbanos, Auga, Enerxía, Consumo e Cemiterios), Convivencia (Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Tráfico, Grúa e ORA), Parques e Xardíns, Innovación e Informática e Secretario da Xunta de Goberno.

8. Concha Fernández

8. Concha Fernández

Picheleira de adopción. Aquí estudei Psicoloxía e fixen o doutoramento en Psicoloxía Política e no CIFP Compostela exerzo como profesora de intervención sociocomunitaria.

Nestes catro anos exercín de concelleira de Políticas Sociais, e son candidata CA porque quero continuar o traballo iniciado para construír unha Compostela aberta e diversa, máis social, solidaria e saudable, na que vivir mellor e desfrutar todos os dereitos. Unha Compostela que teña no centro os dereitos fundamentais e a participación da veciñanza e o tecido asociativo de Compostela.

9. Alejandro Castro Botello

9. Alejandro Castro Botello

Crecín e vivín a meirande parte da miña vida no Ensanche Compostelán, barrio do que me sinto parte.

Estudei no CEIP Apóstolo Santiago e despois no IES de Sar. Formeime no ámbito da enxeñería civil na UDC. Participo no activismo ecoloxista e pola mobilidade sostible, así como pola recuperación de servizos para o ben común.

Sempre comprometido coa miña cidade, traballarei para construír entre todas o futuro dunha Compostela que avanza máis.

10. Noa Morales Sánchez

10. Noa Morales Sánchez

Noa Morales. Criada entre o Meditarráneo e o Atlántico, agora veciña da Pontepedriña.

Licenciada en Ciencias Políticas, rama de Relacións Internacionais, na USC e cun máster en Estudos Árabes e Islámicos na Autónoma de Madrid. Alí debullei os procesos de destrución cultural en situacións de conflito armado ata que desembarquei da tese sobre Seguridade Humana para navegar catro anos no Concello De Santiago. Nestes anos levei as áreas de Deportes, Mocidade, un anaquiño de Medio Ambiente e nos últimos dous anos Mercados.

11. Miguel Penas Rodríguez

11. Miguel Penas Rodríguez

Pai de Marinha e companheiro duma educadora social. Da Rua de Abaixo, do López Ferreiro, do Mixto nº5 atual Antón Fraguas, das Fontinhas, e de volta no bairro das Marias. Licenciado em História pola USC, técnico de Turismo polo Rosalia e Máster (demostrável) pola UOC. Trabalhei como asalariado, como autónomo, e até fui empresário.

Fui presidente da AGAL. Nos últimos 20 anos participo ativamente no movimento político, associativo, cultural e social de base. Nos últimos 4 desde o Concelho coordenando o gabinete de Martiño Noriega.

12. Natalia Paleo Mosquera

12. Natalia Paleo Mosquera

Doutora en Ciencia Política, traballo como profesora na Facultade de Ciencia Política da USC e como investigadora do grupo Armela. Traballei como asesora do goberno de Compostela Aberta durante esta lexislatura e teño o convencemento de que mudamos e tratamos de mellorar moitas cousas, pero tamén de que aínda queda moito por facer. Formo parte desta candidatura porque creo que é moi importante que Compostela Aberta poida gobernar outros catro anos máis e consolidar os cambios que xa están en marcha, especialmente no ámbito das políticas sociais e feministas.

13. Iago Raposo Mera

13. Iago Raposo Mera

Son Iago, teño 43 anos e vivo en Mallou, picheleiro. Son profesor de Lingua Galega e Literatura e absoluto defensor do ensino público. Vivín no Reino Unido, Finlandia e Alemaña (aquí como profesor na universidade de lingua e cultura galega).
Tamén traballei como guía de turismo especialmente no Camiño de Santiago. Encántame o deporte, e practiquei o kayak polo, rugby, ciclismo, balonmán…

Son comisario de ciclismo. Fun o coordinador do Grupo de traballo de actividades físicas-deportivas e deportes de Compostela aberta.

Quero un concello vivo, activo, diverso, involucrado no seu propio desenvolvemento. Un concello aberto que aposte polas persoas.

14. María Jesús Iglesias Prado

14. María Jesús Iglesias Prado

Nai de Teresa. Do barrio de Meixonfrío e agora do de Vista Alegre. Con formación musical en piano polo Conservatorio Histórico. Logo de traballar durante 15 anos no sector da artesanía, fíxenme autónoma e abrín Acivro Xoias hai dous. Ourive en formación son membro de Ourives de Compostela. Participo de xeito activo no movemento feminista, cultural e social da miña cidade.

15. Antón Ruanova Fernández

15. Antón Ruanova Fernández

Nacín hai 32 anos en Compostela e son triatleta profesional e licenciado en Economía pola USC.
Despois dos catro anos de bo goberno do equipo de Compostela Aberta na cidade, síntome en débeda con esa gran labor e por iso decido aportar o meu pequeno gran de area no que humildemente poida aportar.

Nun mundo globalizado con moitos intereses poderosos difíciles de combater, son un firme defensor do plano de actuación local. Estes catro anos de bo goberno son unha proba de que se pode facer cidade escoitando e apoiándose nos veciños. Moitas cifras corroboran este traballo, coma a baixada da débeda do concello de 47 a 25 millóns de € ou o aumento do orzamento social por habitante de 71 a 111 €. Honestidade, empatía e traballo duro son para min as achegas de Compostela Aberta polo ben da cidade. Eses son ao mesmo tempo os meus valores e por iso desde a miña independencia identifícome co proxecto de CA e dou o paso para axudar no que poida.

16. Graciela Carro Asorey

16. Graciela Carro Asorey

Nacín en Santiago de Compostela un 25 de Xullo do ano 85. Crecín e crieime no rural Compostelá, concretamente en Marrozos, No seo nunha familia numerosa de clase traballadora.

Estudei en San Xosé de Cluny, no IES Pontepedriña e Ciencias Políticas na USC. Tiven múltiples traballos ocasionais e se cadra por iso unido aos típicos erros de xuventude abandonei a carreira cando xa non me quedaba moito para rematar. Erro este que tento emendar na actualidade.

Traballei nunha Cooperativa agrícola, nun taller de artesanía, na planta de impresión do Correo Galego e Finalmente fixen un plan de formación e o curso Superior de Seguros ata animarme a abrir a miña propia axencia.

Atráeme o lado máis humano da política, faceta que tento desenvolver dende a directiva da AA.VV Francisco García Beiro de Marrozos. Nela tentamos crear unha comunidade veciñal unida que poña en valor o campo, o traballo duro, a cultura do país, o medio ambiente, o papel da muller e asegurar o futuro do noso rural evitando o presaxio da Galiza baleira.

17. Antonio Padua Pérez Casas

17. Antonio Padua Pérez Casas

Son veciño do Barrio de San Pedro e alí participo no movemento asociativo e cultural. Son Físico de profesión pero levo moitos anos traballando como responsable da rede de datos na Área TIC da Universidade de Santiago de Compostela. Tiven polo medio a oportunidade de ser durante 3 anos asesor para a Sociedade da Información do conselleiro de innovación e industria da Xunta da Galicia.

Participo moi activamente na política universitaria, actualmente membro do Claustro e até o ano pasado membro do Consello de Goberno e Consello Social da USC en representación do Persoal de Administración e Servizos (PAS)

Participo en Compostela Aberta dende o principio con especial interese nos eidos de Economía e Facenda, participación social e transparencia.

18. María Luísa Álvarez Garea

18. María Luísa Álvarez Garea

Nacín no Penedo en Conxo hai 50 anos. Cando tiña un ano, marchei a vivir ao “pueblo“ e regresei ao meu barrio de novo hai xa 25. Vivo en familia cando paro pola casa, coa miña filla Carme e o meu home.

Son mestra de Educación Infantil e logo dalgúns anos e moitas boas experiencias en Unitarias da Escola Rural, levo xa 12 anos no colexio da Ramallosa, co privilexio de facer un traballo que me gusta e que gusta ao meu alumnado. A miña vida laboral e mesmo parte do meu lecer estiveron sempre vinculado coa educación.

Apoio a Compostela Aberta por ser unha candidatura popular que ten demostrado honradez e transparencia, que diminuíu a súa débeda municipal, que escoita e ten en conta a opinión cidadá, que aposta por unha cidade feminista, polas políticas sociais, que se interesa por mellorar a accesibilidade e a sustentabilidade. Creo que merece outros catros anos para asentar o seu proxecto malia o acoso e derribo dos medios de comunicación locais, entre outros.

19. Sigrid Campo Regueiro

19. Sigrid Campo Regueiro

Nacín en Ourense, crecín en Lugo e levo anos afincada en Compostela. Feminista dende sempre. Participei en Compostela Aberta dende que cheguei a Compostela e sempre apostei polos espazos de ruptura como o mecanismo para mudar a sociedade galega e a cidade.

Precisamos unha cidade feita dende e para as maiorías sociais. Unha Compostela cos coidados no centro.
Estes catro anos de Goberno amosaron que é posible facer as cousas doutra maneira, que é posible poñer as persoas no centro. Preséntome para continuar axudando ao cambio que xa se demostrou posible.

20. Miguel Vilariño Lorenzo

20. Miguel Vilariño Lorenzo

Son picheleiro, nado na emblemática rúa de Abaixo das Marías, hai 59 anos.

Comecei a traballar moi novo na área do Metal (7 anos) e afiliado desde os inicios da desaparecida INTG.
Botei os últimos 36 anos traballando no Concello de Santiago, 14 deles con responsabilidade na área da Participación Cidadá e os últimos anos, na de Medio Rural.

Aceptei ir nesta candidatura, por ser consecuente coas miñas ideas de vivir nunha cidade ben deseñada, cómoda, con bos servizos, respectando e conservando a súa natureza co fin de deixarlle unha boa herdanza ás seguintes xeracións. Por certo, hai 8 meses que son avó.

Gustaríame acabar coa secular oligarquía da Igrexa na cidade, abrir á cidadanía esos espazos e inmobles que están aí, polos que non cotizan e se seguen lucrando. A cidade non merece quedar atrapada urbanisticamente nesa rede.

21. Comba Campoi García

21. Comba Campoi García

De pequena levábanme merendar ao adro da igrexa das Angustias, e hoxe levo alí á miña pequena. Tamén ao parque de Belvís e ás actividades de Apego. Trato de conciliar maternidade e feminismo, a reivindicar o espazo central dos coidados.
Formeime como xornalista e doutoreime cunha tese sobre os títeres de Barriga Verde na Posguerra.

Traballei como actriz, produtora, guionista, promotora cultural e,desde hai uns anos, como docente. Ensinei primeiro na USC e actualmente no ciclo de Integración Social, no CIFP Compostela. Manteño o vínculo co mundo das artes escénicas, participando na organización do festival Titiriberia de Teo e da procesión da Santa Bolaña en Compostela.

22. Victor Manuel Santidrián Arias

22. Victor Manuel Santidrián Arias

Nacín en Madrid, onde me licenciei en Xeografía e Historia. Despois de vivir e traballar en Vilagarcía de Arousa, Becerreá e Londres, asenteime en Santiago de Compostela, Patrimonio da Humanidade, como dixo un clásico inxustamente esquecido onde me doutorei en Historia Contemporánea.

Traballo no ensino público, o de todas e todos e comparte con xentes de latitudes variadas inquedanzas, proxectos e realidades sobre a educación.

Penso con elas na Historia, coa que intento, non sempre con éxito, entender o mundo. Traballo con elas a Memoria na procura das persoas que, aínda que non aparezan nos libros, son facedoras do mellor que vivimos.

23. María Luz López Pardal

23. María Luz López Pardal

Chámome Mariluz,vivo no barrio de vista alegre co meu compañeiro e os nosos dous fillos.
Traballo no sector de servizos e o tempo que me queda dedícollo a familia e a cambiar o mundo que os rodea para facerllo máis amable.

Son a secretaria da Asociación de Veciñas e Veciños Álvaro Cunqueiro do meu barrio e agardo que esta nova andaina sirva para que a veciñanza a sinta súa e participe.

Outra das cousas que fago é LOITAR polos DEREITOS das persoas sen fogar, xa que son os nosos.

Todo isto é o que me levou a formar parte da candidatura de CA, poder compartir, aprender e batallar coas compañeiras a loita polos DEREITOS de todas.

24. Mónica García Pérez

24. Mónica García Pérez

Aínda que son de Agolada, exerzo como compostelá desde o ano 1983 e de veciña de Os Basquiños desde o 1999.

Son actriz, se cadra coñecédesme por verme nalgunha serie, pero agardo que tamén me teñades visto no teatro, que é ao que me dedico maiormente, moitas das veces da man do Grupo Chévere. Confío no teatro, ademais de como xeito de gañarme a vida, como ferramenta para entreter, concienciar, emocionar, educar, divertir e facer reflexionar á xente. E para defender este oficio, que tanto me gusta, agora mesmo son vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

25. Xosé Ramón Fandiño Veiga

25. Xosé Ramón Fandiño Veiga

Compostelán de nacemento e de residencia, repartida entre o barrio da Almáciga e, maioritariamente, no Ensanche. Como compostelán de toda a vida síntome moi identificado co ideario de Compostela Aberta.

Licenciado en Filoloxía pola USC, fun director da Gran Enciclopedia Gallega e colaborador de Isaac Díaz Pardo no Instituto Galego de Información (en San Marcos), factoría cultural do grupo Sargadelos.
Fun premio xornalístico do V Centenario da USC. Son membro do Padroado do Museo do Pobo Galego e presidente da Fundación do Pedrón de Ouro.


Suplentes

1. María Luisa González Vázquez

1. María Luisa González Vázquez

Licenciada en Filoloxía, traballo no Centro de Linguas Modernas da USC, onde tamén participo no traballo sindical.

Son de Ourense pero vivo nesta cidade, da que namorei a primeira vista dende os dezaoito anos, cando viñen a estudar aquí. Vivín en moitos barrios pero formei parte do barrio de Sar, ao que lle teño moito cariño, e agora son da Pontepedriña, onde levo case dez anos.

Teño tres crianzas, Antía, Otto e Rebeca. E precisamente da man do neno e a nena máis pequenos, comecei a participar en pequenos e grandes activismos: colaboración cun grupo de apoio á lactación materna que, naquel momento comezaba a organizarse, participación na Anpa e o consello escolar de dous colexios e un instituto (lembro con morriña a mobilización pola construción dunha nova escola no barrio de Sar ou a creación do comedor), formei parte do grupo fundacional da Federación de Anpas Compostela na que participei moi activamente durante varios anos (canta loita contra o decreto do bilingüismo ou a LOMCE!). Agora formo parte da Asociación de veciños da Pontepedriña porque me gusta formar parte do lugar que habito e interactuar coa xente e contorna que me rodea.

En todas estas pequenas aventuras tiven a sorte de coñecer a xente viva e preciosa que se move por esta cidade fermosa mesmo nas súas imperfeccións.

2. David Domenech Labandeira

2. David Domenech Labandeira

A pesares do meu primeiro apelido, pouco común por Galicia, son nado en Compostela no ano 1979. Sempre vivín nesta cidade no entorno da Avenida de Lugo – Fontiñas, salvo na época na que estiven estudando en Ferrol (daquela aínda do Caudillo).

Traballo para unha multinacional tecnolóxica sita na cidade, aínda que as miñas obrigas lévanme de cotío por toda Galicia. Inicialmente fun autónomo, pero nestes momentos son asalariado.

Levo implicado en política máis activamente dende o 2014, coa aparición de Podemos nas Europeas dese ano, e tamén dentro de Compostela Aberta xa en 2015. Ambos procesos amosan que outra forma de facer política é posible, aínda que sempre serán considerados coma intrusos.

Formei parte de varias Coordinadoras de CA, incluída a actual, e son Secretario Xeral de Podemos Compostela. O meu obxectivo e axudar o máximo posible a que a xente de Compostela sigan a ter un goberno que realmente os poña no foco e no centro das decisións.

3. Anxos Paz García (Nine)

3. Anxos Paz García (Nine)

Compostelá de adopción desde hai máis de trinta anos: anteriormente veciña en San Pedro, Almáciga, Meixonfrío e As Fontiñas  e actualmente no Castiñeiriño.

Son docente de lingua francesa no ensino público e desde a miña mocidade participo activamente en movimentos sociais en defensa das menos favorecidas.

4. Iván Rodríguez Iglesias

4. Iván Rodríguez Iglesias

Teño 24 anos, son Graduado en Filosofía pola USC e agora preparo oposicións. Vivo na Cidade Vella e como tanta mocidade non teño moi claro con que seguridades vou poder afrontar o meu futuro.

Fun Portavoz da organización estudantil ANEGA e representante do Estudantado no Consello de Goberno e no Consello Social da USC. Agora son responsable local de Anova e Portavoz nacional de Espiral.

5. Anxela Fernández da Silva

5. Anxela Fernández da Silva

Graduada en Ciencias Políticas e da Administración e mestrado en Igualdade, Xénero e Educación, pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente tamén estou matriculada no Programa de Doutoramento en Márketing Político, Actores e Institucións nas Sociedades Contemporáneas.

Complementei a miña formación con xornadas e cursos de diversa índole e temática, especialmente relacionados con xénero e diversidade, á vez que fun colaborando con empresas de consultoría social, o Grupo de En Marea no Parlamento de Galicia, a Oficina de Igualdade de Xénero da USC e como persoal técnico de apoio á investigación na Facultade de Ciencias Políticas.

Desde a miña chegada a Compostela asistín aos últimos anos dun goberno que castigara á cidadanía, pero tamén aos primeiros doutro que ten demostrado que hai unha forma diferente de facer política, que se pode traballar para as máis e que nos fai entender, con orgullo, o verdadeiro sentido de cidade. Non é tempo de volver atrás

6. Adrián Dios Vicente

6. Adrián Dios Vicente

Aínda que está de moda chamarnos Millenials, gústame pensar que son da Xeración Xabarín. Tamén da Xeración do Nunca Máis, que tiñamos que escapar do instituto para ir ás manifestacións contra o chapapote que representaban Fraga e Aznar. Esa xeración que estivemos acampados no 15M, porque a crise económica pasaba por riba de nós e queriamos berrar ben alto que non aspiramos a ser unha Xeración Perdida, que sabiamos perfectamente onde estabamos.

Son Doutor en Historia Económica e na actualidade traballo como investigador (precario) na USC, traballo que compaxino con ser adestrador de baloncesto no meu barrio, Fontiñas. Teño participado do movemento estudantil e xuvenil, e na actualidade son activista tamén no cooperativismo eléctrico galego.

7. Pilar Pérez Rey

7. Pilar Pérez Rey

Nacin hai 59 anos en Ames. Con 13 anos vin vivir a Santiago, na rua do Pino, barrio da Almaciga. Cando expropiaron na zona para construir as vivendas de protección oficial fun vivir noutras zonas da cidade. Desde 2004 volvin ao barrio da Almaciga. Son funcionaría do Concello de Santiago. Fun delegada de persoal Pola CIG. Participei desde nova en varias organizacions sociais, en especial no movimento feminista, formando parte actualmente da Asociación Andaina de Mulleres.

8. Diego Gabriel Horschovski Emilio

8. Diego Gabriel Horschovski Emilio

Natural de Bos Aires, levo vivindo en Santiago dezasete anos. Músico, intento de poeta e de escritor, son tamén dinamizador cultural na cidade; na cal levo a cabo diversas actividades que teñen lugar en espazos de encontro social. Todas as actividades que dinamizo teñen como obxectivo principal fomentar o carácter aberto e popular dos encontros, facendo que a participación das veciñas e vecinos sexa o maior posible. Para iso é importante que o plantexamento das actividades permitan o dinamismo de grupos amplos, e que os contidos sexan tratados de xeito accesible para diversos perfis de público.

Entre ditas actividades dirixe o grupo de debates filosóficos “Filosofía a Pé de Rúa” que teñen como obxectivo a divulgación da filosofía fóra da Facultade. Asimesmo, son o iniciador e organizador –agora tamén xunto co editor Marcelo Saffores – dos encontros poéticos “Poesía e Microrrelato Compostela”

Por outra banda, codirixin a revista de divulgación filosófica Revista LUME, agora non operativa, e actualmente son o director do Poetry Slam Compostela, sendo Compostela a única cidade galega federada no circuito de Slam España.

Entre os meus estudos se atopa o de Grao en Filosofía pola USC, para o cal estou a facer o traballo de investigación de fin de grao sobre as dinámicas e naturezas dos poderes simbólicos que operan nas sociedades occidentais, partindo do pensamento do sociólogo francés Pierre Bordieu.

Traballei como asalariado e como autónomo, e sempre conxuguei os meus estudos cos meus diversos empleos. Veciño compostelán, gústame escribir, tocar a guitarra e dinamizar culturalmente aquelas disciplinas que están ao alcance das miñas mans e das artistas e profesionais que viven Compostela e que tamén pensan que o coñecemento e as artes son ferramentas para pensar, sentir e expresar o social.

9. Esperanza Peña Mejuto

9. Esperanza Peña Mejuto

10. Jesús Rivera Armán

10. Jesús Rivera Armán

Vivo no bairro das Marias e trabalho de auxiliar administrativo num concelho. Colaboro num centro social em manter viva a memória histórica e na defensa e promoção do património. Também boto uma mão na comissão de festas da rua de Abaixo. Nos próximos quatro anos gostaria de ver nas ruas mais bicicletas, mais gente bailando e mais crianças a falar em galego.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies