- As súas primeiras decisións mostran que volve “o PSOE de sempre, que goberna para os amigos e en complicidade coas contratas”
Os cen primeiros días do Goberno de Bugallo no Concello de Santiago demostran o escoramento á dereita do PSOE, “que volve ser o de sempre, o que goberna para os amigos e de costas á veciñanza, e o que mantén unha estreita relación coas contratas”. Para o grupo municipal de Compostela Aberta, este comezo de mandato estase caracterizando polos pactos dos socialistas co PP, “acordos que nunca son gratuítos, e que están supoñendo a demolición dos avances dos últimos catro anos fundamentalmente no social, na participación da cidadanía e na transparencia da administración local”.
Cumpridos os cen primeiros días do Goberno de Bugallo, Compostela Aberta mostra a súa preocupación “por unha deriva cara a dereita que non representa o sentir das urnas, que en maio mostraron unha clara maioría de esquerdas que non se está a respectar”. Para o grupo municipal de CA, “o alcalde está a chegar a acordos co PP que lle obrigan a borrar a pegada de Compostela Aberta, como demostrou eliminando dos seus orzamentos os proxectos aprobados pola veciñanza nos Orzamentos Participativos, abandonando o compromiso coa laicidade das administracións públicas, ou expresando a súa firme vontade de suprimir o proxecto do Centro Municipal de Atención Integral para Persoas sen Fogar para aumentar a dependencia da Igrexa en temas asistenciais”. Do mesmo xeito, Bugallo mostra o seu lado máis conservador cando expresa a súa intención de seguir fomentando o turismo a granel no canto de escoitar a preocupación da veciñanza pola turistificación e os problemas de convivencia, e no canto de promover iniciativas relacionadoas coa gobernanza do turismo. Na mesma liña, CA lamenta a eliminación das retransmisións por streaming das sesións do Pleno municipal e das comparecencias para dar conta dos acordos da Xunta de Goberno, que se tiñan instaurado e consolidado no pasado mandato como exercicio de transparencia da actividade municipal.
Bugallo, “padrastro” dos proxectos que CA deixou ben encamiñados
Nestes cen primeiros días de Goberno tamén quedou constatado o que Compostela Aberta presaxiara desde a mesma toma de posesión de Bugallo: o alcalde reclama agora a paternidade de proxectos que durante a campaña electoral foron fortemente cuestionados polo PSOE e que, tal e como demostran os feitos, estaban ben encamiñados. O caso máis paradigmático é o da reforma do viario Clara Campoamor, “que Bugallo tildou de disparate e que se comprometeu a modificar aínda que tivera que pagar indemnizacións porque comprometía o futuro da cidade, para meses despois presentar un proxecto calcado do de CA, con tres carrís de circulación, regulación semafórica para o acceso á estación de autobuses, e unha praza con prioridade peonil”. Na mesma liña, o alcalde ten recoñecido publicamente que “o proxecto da estación intermodal estaba máis avanzado do que el pensaba, só meses despois de afirmar que Santiago non ía ter esa infraestrutura”.
Do mesmo xeito, o alcalde está a falar nestes días dos avances para a construción da EDAR da Silvouta “seguindo o procedemento de diálogo competitivo que quedou definido no pasado mandato, grazas a que o Goberno de CA presentou unha solución viable para a construír a depuradora no espazo que ocupa a actual EDAR da Silvouta, máis económica e con menor impacto ambiental”.
O PSOE dos amigos e das contratas
Compostela Aberta tamén cuestionou que Bugallo “non realizou ningunha modificación na xestión de servizos sobre os que quixo crear alarmismo no pasado mandato, como a recollida do lixo, que segue funcionando de maneira idéntica a como o facía antes das eleccións de maio, ou os comedores escolares, para o que o Goberno do PSOE deu unha orde de continuidade á empresa Serunión cando podía ter iniciada unha nova licitación”.
Por último, o grupo municipal de CA mostra a súa preocupación pola volta “do PSOE de sempre, que goberna para os amigos e de costas á veciñanza, e que mantén unha estreita relación coas contratas municipais”. Ao respecto, Compostela Aberta lembra que o Goberno de Bugallo vén de declarar a caducidade dun expediente sancionador a Ferrovial polo incumprimento do contrato para a xestión dos Centros Cívicos ao tempo que cesou á comisión técnica que controlaba a concesión; ou decidiu darlle un novo destino á Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega que ía ser convertida no novo centro cívico da zona vella, tal e como tiña acordado o Goberno de Compostela Aberta coa veciñanza e coa Universidade de Santiago.