A educación pública, universal e gratuita é a única garante do dereito universal á educación en condicións de igualdade e democracia, e base dunha sociedade máis xusta conformada por unha cidadanía máis libre e máis crítica.
Esta proposta defende unha educación pública galega, de calidade, inclusiva e laica. Laica, porque a neutralidade da escola é esencial para garantir un marco convivencial democrático, con independencia da relixión de nenos e nenas e das súas familias.
Entendemos a educación dun xeito amplo, non pensamos restrinxila a un departamento do concello, queremos que estea presente en todas as rúas, os parques, as dependencias municipais, as parroquias,… en todo o concello. Ten que empapar a vida diaria das compostelás e dos composteláns. Como se recolle nesta proposta, pretendemos intervir planificando, facendo prospección educativa, conservando e mellorando a calidade dos centros escolares, garantindo a escolarización plena, o equipamento e os recursos didácticos das escolas municipais, colaborando na programación de novas necesidades, promovendo o desenvolvemento dos servizos educativos complementarios, as funcións socioformativas, as compensadoras, combatendo a desigualdade, a pobreza e a exclusión tamén desde a educación, a aprendizaxe e o goce da música e a danza, a función orientadora, a extraescolar, o lecer formativo ou a alfabetización audiovisual, entre outras.
VALORES OU PRINCIPIOS FUNDAMENTAIS NOS QUE SE BASEA ESTA PROPOSTA.
- Educación Pública.
- De calidade.
- Laica.
- Promotora da Igualdade.
- Participativa.
- Inclusiva.
- Galega Cooperativa
RETOS EDUCATIVOS DA CANDIDATURA PARA A LEXISLATURA
1. Reto 1: Unha educación aberta a toda a cidadanía.
Facer dos centros escolares auténticos espazos de encontro e participación educativa complementarios da actividade lectiva, con programas educativos, culturais, deportivos e sociais, deseñados e programados pola cidadanía e a comunidade educativa.
Apostar decididamente pola participación do profesorado, dos pais e as nais, o alumnado, o persoal non docente e a propia administración municipal no Consello escolar do centro, para ser o nexo de unión entre a escola e o entorno, achegando os centros ao concello e viceversa, para velar polo cumprimento dos dereitos de todos os sectores da comunidade educativa, representados e activos no Consello escolar municipal, participando conxuntamente no seguimento dos Consellos escolares, na elaboración e no desenvolvemento dos Poxectos educativos dos centros e na promoción das escolas de pais e nais.
Promover a creación e pór a funcionar estructuras estables de participación política en materia educativa, desenvolvendo as competencias do Consello escolar municipal, á súa consulta imprescindible e a participación activa de todos os sectores.
Liña estratéxica 1: Redimensionar a dotación do departamento de educación municipal acorde coa relevancia, xestión, programas e servizos que ten que desenvolver. Incremento sostido dos orzamentos en materia educativa para programas e servizos. Impulsar á planificación e diagnose de necesidades.
Acción 1.1: Priorizar a área de educación e a xestión do departamento cos recursos materiais e humanos necesarios establecendo plans e programas transversais en asuntos como: lingua, deportes, mocidade, ocio e lecer, igualdade de xénero, cultura de paz, formación, educación ambiental, espazos públicos e municipais, convivencia…
Acción 1.2: Incrementar os orzamentos municipais en materia educativa, de forma progresiva e sostible ao longo da lexislatura.
Liña estratéxica 2: Mellorar e favorecer a participación da cidadanía nas decisións en materia educativa.
Acción 2.1: Reunir de maneira estable e desenvolver as competencias do Consello escolar municipal para elaborar e acordar nos primeiros tres meses, un novo Regulamento de Funcionamento e un programa de medidas urxentes coparticipado pola comunidade educativa.
Acción 2.2: Potenciar a creación e fortalecemento de escolas de nais e pais municipais, entendidas coma un espazo de formación, prevención e participación democrática.
Liña estratéxica 3: Optimización do uso dos centros educativos e mellora das instalación que nos competen, aumentando o número e a titularidade pública na medida do posible.
Acción 3.1: Plan de utilización dos centros educativos públicos fóra do horario escolar acordado no Consello escolar municipal para o desenvolvemento de actividades pedagóxicas, lúdicas e sociais.
Acción 3.2: Ampliar e dotar de escolas infantís municipais ao longo da lexislatura, empezando por Santa Marta e o Castiñeiriño.
Acción 3.3: Plans Plurianuais de Mantemento e mellora dos centros escolares, garantir a equidade e a non discriminación. Ditos Plans serán discutidos e elaborados de forma participativa polo Consello escolar municipal con protocolos concretos de mellora da rede escolar.
Acción 3.4: Potenciar o uso da escola municipal de música mellorando a súa infraestructura e equipamento, e facilitando o acceso á mesma e a máxima colaboración cos centros escolares. Implantar estudios de danza, teatro e artes escénicas.
Acción 3.5: Apoiar á Escola oficial de idiomas para a construción dun novo edificio.
Liña estratéxica 4: Empregar a educación como axente potenciador da igualdade.
Acción 4.1: Abrir, no seu caso, os comedores escolares durante os períodos vacacionais.
Acción 4.2: Mellorar a convivencia escolar, igualdade de xénero, interculturalidade e mediación. Atención á educación afectivo-emocional.
Acción 4.3: As comisións de escolarización teñen que funcionar con claridade de criterios, evitando a zonificación, equilibrando as matrículas para evitar casos de densificación ou casos de redución.
Acción 4.4: Plan de medidas especiais contra da discriminación e atención á diversidade e á inclusión.
Liña estratéxica 5: Priorizar a defensa e potenciación da escola pública coma garante da igualdade, en todos os escenarios nos que sexa posible.
Acción 5.1: Elaboración dun Plan director de coordinación de servizos educativos para evitar os actuais desequilibrios entre a escola pública e a privada concertada para así evitar desigualdades e aplicar a lexislación vixente en condicións de equidade.
Acción 5.2: Recuperar a xestión pública do persoal de servizos, onde sexa posible, daqueles centros onde estea externalizada a unha contrata privada.
Acción 5.3: Ampliar a rede de escolas infantís municipais. Reestructuración do mapa escolar en base a un criterio de equilibrio na súa distribución xeoespacial, adecuándose a oferta na rede pública á demanda existente.
Acción 5.4: Atención preferente ós comedores escolares, inclusión no prego de condicións, a defensa do comercio de proximidade, os plans de nutrición, a utilización de produtos ecolóxicos e a formación específica do persoal de comedor.
2. Reto 2: Un concello educador nunha Cidade educadora
Queremos que Compostela sexa un concello educado e educador, (xa que, só no papel, forma parte da rede internacional de Cidades educadoras desde hai anos), unha cidade coñecida e recoñecida polo seu alumnado porque, efectivamente, a cidade educa e a cidade edúcase coa participación activa da súa cidadanía no coñecemento da súa historia propia, da súa lingua e cultura, do seu patrimonio cultural e artístico,
Compostela aberta á educación, á universidade e ao mundo. Non sacamos o suficiente partido á nosa singularidade histórica, cultural e artística. Somos, como dixemos, unha cidade educadora, unha cidade patrimonio da humanidade, unha cidade distinguida pola UNESCO, unha cidade que di defender a cultura dos dereitos humanos, que forma parte do eixo atlántico ou que ten asinado, entre outras declaracións, a de Aalborg, a Axenda 21 para a sostibilidade… Nada se fixo en relación coa función educativa e educadora do noso concello.
Toda a comunidade que vive nun concello participa da dimensión educadora. Aí, no espazo público, sexa cal sexa a súa entidade, é onde se activan os valores que se adquiren. Tendo en conta a implicación, a formación, o coñecemento e a participación daremos forma ao Proxecto de concello educador.
Liña estratéxica 1: Recuperar e pór en marcha o programa “Compostela cidade educadora”.
Acción 1.1: Espazo público educador: parques e xardíns, prazas públicas teñen un enorme potencial educador. Programas especiais de animación á lectura, escenificacións de guiñois, xogos de cooperación, dinámicas teatrais, maxia servirán para converter estes espazos en escenario de cohesión social e cultural.
Acción 1.2: Cumprimento dos estándares internacionais de Santiago de Compostela como cidade intelixente.
Acción1.3: Incorporación a programas europeos de especial interese para a cidade, como por exemplo, o de turismo patrimonial ou o Learning da UNESCO sobre comunidades de aprendizaxe.
Liña estratéxica 2: Compostela coma espazo de cultura de paz, convivencia e dereitos humanos. Colaboración con entidades e asociacións que traballen nestes ámbitos.
Acción 2.1: Impulsar á sensibilización e divulgación das cartas e declaracións internacionais: dereitos humanos, carta da terra, tolerancia, democracia…
Acción 2.2: Potenciar a educación para a cooperación e o desenvolvemento en colaboración coa Coordinadora galega de ONG«s para o desenvolvemento.
Acción 2.3: Pór en marcha prácticas municipais en políticas de paz: desarmar e desmilitarizar o concello, non colaboración con suxeitos políticos ou sociais que perpetúen a cultura da violencia, que os valores de paz ocupen os espazos públicos, colaboración internacional entre concellos en materia de paz, etc.
Acción 2.4: Implementar plans educativos de inclusión e contra da pobreza. Axudas específicas a familias sen recursos para material escolar e actividades extraescolares.
Liña estratéxica 3: Planificar, elaborar e pór en práctica unha programación educativa complementaria ao sistema educativo e que cubra as súas carencias.
Acción 3.1: Programa de educación ambiental. Impulsar o coidado ambiental e social. Ampliar a oferta do programa anual de hortos escolares, ciclo da auga, xestión de residuos…
Acción 3.2: Itinerarios artísticos e culturais, realizar festivais de música, teatro e danza; como procesos de dinamización socioeducativos no concello e na rúa.
Acción 3.3: Oferta pública de programas educativos e formativos municipais sobre educación artística, musical e audiovisual.
Acción 3.4: Programa de educación nos valores cívicos e democráticos, na educación vial, educación para a paz, igualdade, convivencia, cidadanía, dereitos humanos, desenvolvemento, cooperación, interculturalidade, educación ambiental…
Acción 3.5: Impulsar programas de alfabetización e de formación das persoas adultas.
Acción 3.6: Ampliar a oferta de educación para o lecer e o tempo libre con escolas de verán, nadalxogo, campamentos urbanos, en galego e en inglés, nos periodos non lectivos, para contribuír e facilitar a conciliación entre a vida laboral e persoal.
Acción 3.7: Impulsar a educación para a saúde con actividades dirixidas ó alumnado pero tamén a pais e nais, por medio das escolas de nais e pais, sobre alimentación saudable, actividade física e deportiva, afectivo emocional, prevención de enfermidades alimentarias, dependencias, etc.
Acción 3.8: Fomentar o coñecemento do concello, do seu patrimonio material e inmaterial, desde a música tradicional ós xogos populares, así como os seus valores artísticos e culturais, co obxecto de promover o coñecemento do significado de vivir nunha concello patrimonio da humanidade e facilitando, por medio de intercambios educativos e culturais, o coñecemento doutras cidades patrimonio.
Liña estratéxica 4: Colaborar con entidades e asociacións facilitando a vertebración da sociedade civil.
Acción 4.1: Apoiar ás entidades da sociedade civil e á súa vertebración.
Acción 4.2: Impulsar o cooperativismo e á cooperación en materia educativa, universidade, centros educativos, entidades sociais.
Acción 4.3: Fomentar a divulgación e intercambio de recursos educativos en materia de paz, dereitos humanos, convivencia escolar, cooperación ao desenvolvemento e interculturalidade.
Acción 4.4: Impulsar o recoñecemento das boas práticas en materia educativa, cooperación e a solidariedade entre a cidadanía por medio de premios específicos que recoñezan o labor social das entidades e persoas.
Acción 4.5: Crear unha Universidade popular, de xeito cal que calquera persoa poida ser docente dunha materia na que sexa experta(Cociña, costura, idiomas, manualidades, etc…)
Liña estratéxica 5: Colaborar e apoiar á USC.
Acción 5.1: Solicitar á Universidade a posta en marcha de horarios nocturnos para persoas traballadoras.
Acción 5.2: En colaboración coa Universidade, recuperar os campus para o lecer cidadá.
Acción 5.3: Apoiar á USC nas suas xustas reivindicacion diante da Xunta de Galicia en materia de financiamento, titulacions ou recuperacion de alumnado.
Acción 5.4: Contribuir a poñer a Universidade no centro da cidade e de Galicia mediante acordos de colaboración, sensibilización e apoio en servizos e programas, especialmente, de aqueles que permitan o desenvolvemento económico.
Acción 5.5: Recuperar os campus como espazos de lecer municipal, empezando polas grandes avenidas da Residencia colaborando no seu mantemento. Eliminación progresiva do aparcadoiro en superficie coa construcción de aparcamentos soterrados.
Acción 5.6: Pór en marcha un transporte público intercampus.
Acción 5.7: Incentivar Santiago como concello congresual.
Acción 5.8: Apoiar a proposta de implantación dun Campus da cidadanía.
Acción 5.9: Asinar convenios marco de colaboración para a utilización conxunta de espazos universitarios.
Reto 3: A Cidade dos nenos e nenas
Compostela vense convertendo nos últimos anos nun concello na que os coches e o cemento vanse impoñendo e gañando os espazos principais das zonas públicas, volvéndose un concello “enemigo” das persoas, principalmente dos nenos e das nenas.
Nesta proposta tentamos recoller o proxecto de “Cidade dos nenos” de Francesco Tonucci e recuperar a cidade, as rúas para as persoas, tomando como parámetro do plantexamento urbanístico o neno e a nenaa, en lugar do adulto ou adulta. Trátase de aceptar a diversidade intrínseca do/a neno/a como garante de todas as diversidades, xa que una cidade apta para os nenos e as nenas, seráo para todas as diversidades.
Que os nenos e as nenas poidan saír sos e soas de casa, que poidan percorrer as rúas sos e soas, vivir experiencias propias, que podan ir visitar os seus amigos e as súas amigas, parentes, que poidan ir nos autobuses do rural á cidade e viceversa.
Liña estratéxica 1: Dar a palabra os nenos e as nenas, para que sexan escoitados e escoitadas e tidos e tidas en conta na administración.
Acción 1.1: Crear do consello escolar da infancia.
Liña estratéxica 2: Repensar a cidade para facela axeitada os nenos a as nenas cambiando o seu plantexamento.
Acción 2.1: Pór en marcha o programa “Camiño da escola” para facilitar que nenos e nenas recuperen a volta á clase camiñando, empezando polos CEIP Pio XII, As Fontiñas e López Ferreiro para logo
Acción 2.2: Facer estudios de mobilidade para os nenos e nena, peonalización de rúas.
Acción 2.3: Mellora dos parques infantís, deseñados de costas á diversión e á experiencia dos nenos e nenas e que buscan a falsa sensación de “seguridade”
Acción 2.4: Inmediata posta en funcionamento do Centro de recursos á lectura e ó xogo de Fontiñas (Ludoteca)
Acción 2.5: Establecer protocolos de actuación entre os centros de primaria e os institutos de referencia que faciliten a transición, a acollida e a integración do alumnado.
COMPOSTELA ABERTA AO DEPORTE. UNHA CIDADE EN BOA FORMA.
- As actividades deportivas son unha das principais actividades de lecer e de busca de calidade de vida no noso Concello. Un ocio que repercute positivamente no benestar, na saúde e na propia calidade de vida de quen o practica alén de ser un dos principais campos de socialización e desenvolvemento do asociacionismo. Tampouco esquecemos a importancia que supón para Santiago contar con varios clubes que compiten en categorias de alto nivel á hora de promocionar a imaxe, como elemento de fomento da identificación coa cidade por parte dos seus propios habitantes e como exemplo positivo para animar a maior número de persoas a se iniciar nas prácticas deportivas.
- Entendemos que o papel do Concello debe ser o de facilitar e fomentar as prácticas deportivas, tanto a través do fornecemento de dotacións infraestructurais como de programas de promoción, así como o de colaborar cos clubes e federacións radicados na cidade.
- Un compromisso ético co deporte.
- A nosa concepción das políticas deportivas está inspirada polos mesmos valores que impregnan e orientan o conxunto do noso programa político. Neste senso é lóxico que un dos nosos obxectivos sexa o de superar os erros que anteriores gobernos municipais teñam cometido, especialmente no referente a prácticas de dubidosa ética e absolutamente faltas de transparencia.
- Temos a vontade de axudar a consolidar o tecido deportivo de Compostela mais achamos absolutamente contraditorio con esta intención o emprego de atallos que a medio e longo prazo poidan repercutir negativamente neste obxectivo.
As nosas propostas.
Infraestruturas deportivas
- O Concello tenderá a recuperar a xestión directa das diferentes infraestruturas actualmente xestioandas por subcontratas.
- Elaborarase un estudo sobre o uso e demanda das infraestruturas existentes para planificar a sua xestión e a necesidade de novas dotacións.
- Actuación prioritaria sobre o mantemento e mellora antes da construción de novos equipamentos.
- Adecación das instalacións existentes e deseño das novas que se constrúan aplicando critérios de sustentatibilidade e aforro enerxético, accesibilidade para persoas con discapacidade e criterios de usos mixtos da instalación desde a perspectiva de xénero.
- Cobertura wi-fi nas instalacións deportivas.
Participación
- Crearanse canais de comunicación co tecido asociativo da cidade vencellado ao deporte no camiño de facilitar a codecisión de todos os agentes implicados nas políticas deportivas.
- Recuperaremos o Consello do deporte de Compostela, cunha representación de todos os deportes presentes no Concello. Con capacidade consultiva e como control a área de deportes do Goberno.
- Orzamentos participativos por áreas ou deportes.
Promoción
- O Concello desenvolverá programas de promoción da práctica do deporte específicos atendendo ás diferentes franxas de idade.
- Prestarase especial coidado á franxa da terceira idade para implicalos nunha práctica deportiva acaída para a súa condición e que redunde nunha maior calidade de vida.
- Darlle pulo aos deportes minoritarios e emerxentes. Conseguir que haxa unha variedade maior de especialidades deportivas que se practiquen de xeito regular no noso Concello. Para isto o Concello disporá dunha bolsa de equipamento deportivo que poderá prestar a estas entidades de nova creación.
- Máis aló disto, facilitarase, na medida do posíbel, o uso dun local municipal como sede do equipo e para xuntanzas do mesmo e o uso das instalacións municipais para competicións e adestramentos.
- Aplicaranse políticas de fomento da práctica deportiva como factor de integración de colectivos desfavorecidos e marxinalizados.
- Apoiar con todos os recursos posíbeis os deportes femininos e mixtos, tanto a nivel prefesional como a nivel non competitivo asociado ao lecer ou á calidade de vida.
- Creación da feira do deporte de Santiago. Na que unha vez o ano todos os clubes e practicantes do deporte no Concello amosen ao resto da poboación os seus clubes ou deportes.
- En colaboración cos diferentes equipos ciclistas da cidade realizar unha campaña de conscienciación e potenciación do uso da bicicleta e de seguridade vial.
- Marcar circuitos e percorridos de BTT no Monte Pedroso e outros montes do Concello de diferentes niveis de dificultade coa colaboración dos propios clubes ciclistas. Isto complentaríase con circuitos de cicloturismo e rotas de sendeirismoo por todo o Concello o que axudaría ao coñecemento das diferentes parroquias do rural e como potencial uso turístico.