Compostela Aberta achégalle ao Goberno as súas propostas para os orzamentos do 2021, “centradas nas Políticas Sociais e na reactivación económica”

Marta Lois incide en que “para nós é unha cuestión ineludible que o 10 por cento do total do orzamento sexa para Políticas Sociais”
  • CA lamenta “a pasividade do Goberno, que tardou 12 días en contestar un mail no que solicitabamos xuntanzas para falar de cuestións concretas do orzamento e segue sen achegar a documentación completa sobre as contas”
  • Compostela Aberta pide partidas para novas convocatorias de axudas á hostalería e ao comercio, e que se executen os compromisos adquiridos para o orzamento do 2020

Compostela Aberta vén de remitirlle esta mañá ao grupo de Goberno unha serie de propostas de cara aos orzamentos municipais de 2021, “á espera de que o PSOE facilite a documentación que lle foi solicitada, e de que se produzan xuntanzas de traballo con algúns concelleiros e concelleiras, tal e como o grupo municipal de CA tén solicitado”. Así o explicaron hoxe Marta Lois e María Rozas, que lamentaron “a pasividade coa que o equipo de Bugallo vén afrontando o proceso de elaboración das contas e as negociacións coa oposición, imprescindible para que un Goberno en minoría aprobe os orzamentos”. As concelleiras explicaron que as demandas de Compostela Aberta teñen que ver fundamentalmente coas políticas sociais, “que deben supoñer un 10 por cento do importe total do presuposto”, e coa necesaria reorientación da economía de Santiago, “para frear a turismodependencia que nos deixou nunha situación tan delicada na pandemia da Covid”. Ademais, CA reclama algunhas melloras en equipamentos e servizos municipais, “na súa maioría cuestións que xa defendimos no Pleno ou que foron incluidas no acordo dos orzamentos de 2020 pero non executadas”.

A portavoz municipal de Compostela Aberta sinalou que o grupo municipal remitiulle as propostas ao Grupo de Goberno “como unha mostra máis da nosa vontade de non dilatar os tempos, porque somos conscientes de que Santiago debe ter uns orzamentos canto antes, pero non calquera orzamento”. Marta Lois explicou que “CA mantivo unha única xuntanza de traballo co PSOE sobre os orzamentos, e despois dela, o pasado 5 de febreiro, solicitou por escrito unha serie de documentación que non fora facilitada, así como reunións bilaterais con algúns concelleiros e concelleiras para coñecer máis polo miúdo as propostas dos seus departamentos, nomeadamente do de Políticas Sociais”. A concelleira explicou que “non foi ata o pasado mércores, 12 días despois, cando o grupo de Goberno respondeu a este escrito, se ben nin concretou ningunha xuntanza nin entregou toda a documentación requirida”. Para Marta Lois, “é preocupante a pasividade que segue mostrando o Goberno, e é sorprendente que o propio alcalde Bugallo diga en rolda de prensa que está esperando as propostas da oposición, sen responder ás nosas peticións nin de información nin de reunións sobre cuestións concretas do orzamento”. “É aínda máis sorprendente”, engadiu, “cando o Goberno vén de recibir unha importante chamada de atención coa non aprobación dos orzamentos de Incolsa e de Tussa, chamada de atención á que o alcalde parece ter sido inmune nunha mostra máis da súa soberbia”

As Políticas Sociais, no centro

María Rozas incidiu en que “a principal preocupación de Compostela Aberta é que os orzamentos de 2021 permitan facerlle fronte á crise e á situación de desamparo da veciñanza, con solucións progresistas tal e como demandou a cidadanía nas urnas”. Por iso, explicou, “as principais propostas de CA teñen que ver coas Políticas Sociais que, como xa reclamamos en xaneiro, teñen que supoñer un mínimo do 10 por cento do total do orzamento municipal, unha cifra que non se acada no borrador que o PSOE nos tén presentado”.

Así, CA reclámalle ao Goberno do PSOE “que amplíe a actual Ordenanza de Garantía Básica, utilice todas as ferramentas que contempla para atender situacións de vulnerabilidade, e que inclúa nas bases de execución do orzamento a posibilidade de utilizar o sistema do anticipo de caixa fixa para o pago anticipado das axudas sociais. Relacionado con iso, Compostela Aberta pide a publicación da web da Concellería de Políticas Sociais, para reforzar a información sobre a Renda Municipal de Garantía Básica Cidadá e das Prestacións de Rescate Social, “porque non se entende que non se estean a conceder máis axudas municipais cando moitas entidades sociais de Santiago están denunciando que non logran atender as peticións de axuda desde o inicio da crise da Covid-19”. Aínda en materia de axudas sociais, o grupo municipal de CA volve demandarlle ao Goberno que impulse a aprobación da Renda de Garantía Infantil, un compromiso que xa adquiriu no acordo para a aprobación dos orzamentos municipais de 2020 “pero non deu ningún paso para o seu cumprimento”.

Aínda relacionado coas Políticas Sociais, Compostela Aberta faille ao Goberno outras demandas “das que xa vimos falando desde o comezo da pandemia”, como a baixada dos prezos dos programas municipais de conciliación “que coa Covid-19 son en Santiago os máis caros de Galicia”, a recuperación do servizo de comedor escolar universal, a posta en marcha dun programa municipal de canguraxe que facilite a conciliación e os coidados, ou o deseño dun plan municipal de xuventude, “que lle dea unha resposta conxunta ás necesidades dos mozos e mozas en materia de emprego, vivenda, educación ou acceso á creación cultural”. Por último, CA demándalle ao PSOE “que recupere o proxecto do Centro Municipal de Atención Integral para Persoas sen Fogar de Belvís, porque é evidente que non teñen aínda definido para que vai servir o anunciado Centro de Inclusión”.

Reactivar e reorientar a economía

O segundo paquete de propostas de Compostela Aberta “tén que ver coa necesaria reactivación e reorientación da economía de  Santiago, que tal e como evidenciou a crise da Covid-19, non pode seguir dependendo unicamente do turismo e do Xacobeo”. Para a reactivación económica, CA reclama un plan de axudas directas ao sector turístico e da hostalería, un plan de axudas directas e un plan de dinamización do pequeno comercio, e a posta en marcha dunha convocatoria para a contratación directa de proxectos culturais de autónomos, cooperativas e empresas culturais de Santiago. María Rozas lembrou que “a día de hoxe o alcalde segue vendendo unhas axudas que non son novas, senon que xa estaban nos remanentes, e nos orzamentos non figuran partidas importantes para estas convocatorias”.

En canto á reorientación, Compostela Aberta reclama un plan de incentivos económicos para a reindustrialización, impulsando un programa que favoreza a creación e crecemento de empresas dos sectores da biotecnoloxía e a madeira que queiran asentarse no Polígono da Sionlla; así como un programa de axudas directas ás actividades industriais máis innovadoras. Ao tempo, e en relación ao turismo, CA demanda “unha clara reorientación das políticas e das actividades de Incolsa, algo que non vimos na proposta dos seus orzamentos para este ano, absolutamente continuistas coas fórmulas da prepandemia, e que por iso mesmo non contaron co apoio dos grupos da oposición”.

Ademais, Compostela Aberta require outras medidas como a posta en marcha dun servizo de apoio á economía social, a creación dun programa de microcréditos a empresas, para achegar recursos ás  persoas emprendedoras; e un programa de liderado empresarial feminino, que ofreza formación e acompañamento a profesionais, directivas e emprendedoras. O grupo municipal de CA tamén demanda que os orzamentos contemplen un programa de produción e economía de proximidade e un plan de axudas á economía circular.

Mellora de servizos e equipamentos

Por último, nas súas propostas para os orzamentos de 2021 Compostela Aberta demanda unha serie de melloras en equipamentos e servizos municipais, “cuestións que nalgúns casos xa foron aprobadas polo Pleno da Corporación e polo tanto entendemos que o PSOE xa debera ter atendido, e noutros casos son acordos dos orzamentos de 2020 que non chegaron a ser executados”. 

Relacionado co departamento de Educación, CA pide que as contas incorporen unha serie de melloras nas escolas infantís municipais e un plan plurianual de actuacións nos CEIPs “que recollimos nunha ampla auditoría que o Goberno xa tén no seu poder desde outubro”. En canto ao departamento de Deportes, Compostela Aberta volve reclamar a construción da nova piscina de Santa Marta, a mellora das pistas de atletismo do estadio Verónica Boquete e da USC para a súa homologación; a dotación dunha zona deportiva no barrio de Sar, ou a posta en marcha dun plan de mellora e mantemento das instalacións deportivas. Ademais, nas peticións remitidas ao Goberno volven figurar a construción de espazos cubertos sociocomunitarios nos barrios e parroquias, e o acondicionamento do novo centro cívico da cidade vella, “porque a veciñanza da zona histórica segue agardando, despois da decisión do Goberno de destinar a Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega a outros fins”.

Novas
relacionadas

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

“Para CA, o responsable cos veciños era estar no goberno e aportar estabilidade”

Entrevista a María Rozas, concellería de Dereitos e Servizos Sociais e primeira tenente de alcaldesa

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo