Compostela Aberta apoia as mobilizacións convocadas pola Plataforma SOS Sanidade Pública para o próximo 21 de abril, pola recuperación do sistema sanitario público galego tras a pandemia da Covid-19. Así llelo trasladou o concelleiro Jorge Duarte aos representantes da entidade, nunha xuntanza celebrada onte no Pazo de Raxoi na que tamén participarou outros grupos da Corporación municipal. CA comparte que é preciso reforzar a sanidade pública, con máis persoal e menos precariedade, nomeadamente na Atención Primaria, que vén sufrindo anos de recortes dos Gobernos do PP.
Tal e como denuncia a Plataforma SOS Sanidade Pública, “o Goberno de Feijóo está a aproveitar o bo traballo realizado polo persoal da sanidade pública durante a pandemia no seu beneficio político, pero o certo é que a crise sanitaria chegou a un sistema sanitario debilitado polos gobernos do PP, sobre todo no relativo á Atención Primaria que debera ter sido fundamental para o seguimeto, control e tratamento das persoas afectadas pola Covid-19”. A entidade lembra que durante a pandemia “establecéronse barreiras no acceso aos centros de saúde e ás especialidades hospitalarias, coa suspensión de consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas, que acabaron provocando que a poboación recorrera ao sector privado, incrementando así as desigualdades no acceso á saúde”. A Plataforma reivindica a recuperación das consultas presenciais e a actividade normal nos centros de saúde, “sen que iso supoña o regreso á situación de masificación da Atención Primaria”.
Compostela Aberta mostra o seu apoio ás reivindicacións da Plataforma SOS Sanidade Pública, que esixe a elaboración dun Plan para a Recuperación do Sistema Sanitario Público en Galicia e a dotación de orzamento suficiente para incrementar profesionais de maneira estable, mellorar as infraestruturas sanitarias, ou ampliar a investigación en saúde. Por todo iso, CA fai un chamamento á cidadanía para participar na concentración que terá lugar na Praza do Obradoiro o próximo 21 de abril, a partir das 20 horas.