- CA leva ao Pleno unha moción en solidariedade cos traballadores e traballadoras das aeroliñas, que se mobilizan para reivindicar dereitos laborais básicos como os 22 días hábiles de vacacións ao ano
Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción para que a Corporación municipal traslade a súa solidariedade ao persoal de cabina de Ryanair, diante das mobilizacións coas que veñen reivindicando a equiparación dos seus dereitos laborais cos do resto da clase traballadora. A portavoz municipal de CA lembrou que “os traballadores desta aeroliña estanse mobilizando para conseguir cuestións tan elementais como teren dereito a 22 días hábiles de vacacións ao ano, dúas pagas extras, ou mesmo reducións de xornada por garda legal ou coidado familiar”. Para Marta Lois, “non se pode seguir permitindo un modelo turístico que se basea na precarización dos e das traballadoras”.
A folga convocada pola tripulación de cabina de Ryanair “tiña como obxectivo defender a aplicación dos dereitos laborais básicos, e mesmo de sentenzas xudiciais previas, así como demandar a sinatura do que sería o primeiro convenio colectivo na compañía, a única empresa internacional en España que carece deste instrumento”. A portavoz municipal de Compostela Aberta incidiu en que “non é entendible que a día de hoxe o persoal de Ryanair teña que chegar á folga para demandar cuestións elementais que son dereitos de todos os traballadores, como os 22 días hábiles de vacacións ao ano e 14 festivos estatais, o cobro de dúas pagas extraordinarias, ou a redución de xornada por garda legal e/ou coidado familiar”. Marta Lois incidiu en que “este persoal nin sequera ve respectada a normativa de Prevención de Riscos Laborais, e mesmo denuncia que a empresa non lles facilita auga nos avións”.
Marta Lois, que lamentou os prexuízos que a folga está causando nos usuarios polos atrasos ou cancelacións de voos, lembrou que “a actividade turística non pode ser un eido económico que promova a precarización da clase traballadora, e en Santiago debemos ter unha especial sensibilidade niso precisamente polo peso que o sector turístico tén na economía e na xeración de emprego na nosa cidade”. A portavoz municipal incidiu en que “esta precariedade laboral só xera riqueza para as grandes multinacionais, pero no ámbito local non beneficia a ninguén a longo prazo, e por iso urxe combatela e apoiar a quen se mobiliza contra estes modelos”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA APOIAR AS REIVINDICACIÓNS DAS TRIPULACIÓNS DE CABINA QUE OPERAN NO AEROPORTO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA-ROSALÍA DE CASTRO