• Marta Lois: “Dous anos despois do derrubamento do noiro, urxe que o Goberno explique por que non actuou e cal é o risco para a seguridade nun punto tan transitado”
  • Os tres grupos da oposición reclaman que se avalíen as causas do atraso, se asuman as responsabilidades oportunas, e se acometan as obras con celeridade

Compostela Aberta, BNG e PP veñen de rexistrar unha solicitude conxunta para que o alcalde convoque un Pleno Extraordinario no que se avalíe “a excesiva e inxustificada demora na execución da obra de consolidación do noiro do Pombal, desde o derrubo rexistrado en novembro de 2019”. A portavoz de CA, Marta Lois, considera que “é urxente que o Goberno dea explicacións sobre o que fixo e o que non fixo nestes dous anos, e que lle aclare á veciñanza cal é a situación real de perigosidade neste punto, habida conta dos informes técnicos que alertan dos riscos de novos desprendementos”.

No Pleno Extraordinario que veñen de solicitar, os tres grupos da oposición reclamarán a convocatoria dunha Xunta de Voceiras na que o Goberno explique cal é na actualidade o nivel de seguridade e risco do noiro do Pombal; así como a constitución dunha comisión de estudo de carácter especial para que avalíe as causas da excesiva demora na execución das obras de consolidación do muro. Por último, na sesión esixiráse a máxima celeridade neses traballos, tanto na parte pública do noiro como na parte privada, para garantir a seguridade na circulación de peóns e vehículos na contorna. 

Para Marta Lois, é evidente que “o Goberno non actuou coa dilixencia esixible no caso do muro do Pombal, porque dous anos despois do primeiro derrubo e rexistrándose aínda un segundo desprendemento meses despois, non foi quen de acometer aínda as obras a día de hoxe”. A portavoz de Compostela Aberta considerou “moi preocupante que o equipo de Bugallo ignorara os informes técnicos que alertaban do risco que supoñía o noiro, que perdera máis dun ano en conversas infrutuosas coa propiedade da parte privada do muro, e que non adoptara medidas para garantir a seguridade nunha zona que é moi transitada da nosa cidade”. Ademais, a concelleira de CA lamentou “a descoordinación que o equipo de Goberno demostrou no que tén que ver con esta actuación, descoordinación que tivo aínda un último exemplo coa instalación dunha varanda na parte privada do muro que o alcalde considerou provisional e pouco acaída, mentres que o concelleiro de Obras deu por definitiva”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies