• CA cualifica de alarmante que a FANPA teña que recordarlle ao edil que debe darlle cumprimento aos protocolos da Xunta na volta á normalidade tras a pandemia
  • A concellería María Rozas denuncia que “a curva da aprendizaxe de Prol é inexistente: dous anos despois ainda non sabe nada de como se xestiona o departamento”

Compostela Aberta mostrou hoxe o seu apoio á Federación de ANPAs de Compostela, que hoxe volveu denunciar a inacción da concellería de Educación e a incapacidade do seu responsable. A concelleira María Rozas urxiu ao edil Rubén Prol “a atender canto antes as demandas das familias, que desta vez non teñen que ver máis que co cumprimento das directrices marcadas pola Xunta de Galicia en relación aos novos protocolos nos centros educativos, dentro da volta á normalidade da post-pandemia”.

A Federación de ANPAs Compostela explicou hoxe que o pasado 20 de maio a Consellería de Educación fixou un novo protocolo para os centros escolares galegos que, entre outras cuestións, permite o acceso das familias aos espazos interiores e aos espazos ao aire libre dos centros educativos para a entrada e saída do alumnado e volve a permitir o lavado dos dentes no servizo de comedor. Tal e como indica a FANPA nunha carta remitida ao concelleiro e ao alcalde, pasados 15 días da entrada en vigor dese protocolo, a concellería de Educación non fixo as necesarias adaptacións e non levantou as restricións anteriores. 

Para María Rozas, “as reclamacións da FANPA son máis que xustas e teñen todo o apoio de Compostela Aberta, e o que resulta sorprendente é que as familias teñan que advertir ao concelleiro da necesidade de darlle cumprimento aos protocolos aprobados pola Consellería de Educación”. A concelleira de CA lamentou “este novo exemplo da inacción e de pasotismo de Rubén Prol, que segue demostrando non estar á altura do cargo que ocupa”, ao tempo que urxiu a Bugallo “a escoitar as queixas das familias e exercer a súa responsabilidade como alcalde fronte a un edil de  Educación que nin está nin se lle espera”. Nesa liña, Rozas insistiu en que “Rubén Prol é un concelleiro reincidente, nos dous anos que leva á fronte do departamento a súa curva da aprendizaxe é nula e segue exactamente no mesmo punto no que ao coñecemento sobre a xestión da concellería se refire”.

A concelleira de Compostela Aberta instou ao Goberno “a cumprir os protocolos vixentes e a atender as demandas das familias para que os mecanismos para a entrega do alumnado no servizo de madrugadores e a súa recollida no servizo de comedor volva a situación anterior á COVID, ao igual que o lavado de dentes nos dous servizos”. Ademais, Rozas reclamou que “se informe á FANPA das condicións e dos prazos nos que se vai licitar o servizo de madrugadores e de comedor, que xa foi prorrogado no seu día e que se atopa nunha situación de continuidade á que hai que dar resposta inmediata”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies