Compostela Aberta creará unha rede pública de bicicletas eléctricas

Xan Duro e Miguel Penas presentaron as propostas de CA en materia de mobilidade “un dos principais retos de futuro de Santiago xunto coa vivenda”

Compostela Aberta creará unha rede pública de bicicletas eléctricas “para avanzar na nosa aposta por unha mobilidade máis sostible e para reducir a presenza de vehículos no centro da cidade, dándolle cumprimento así ás directivas europeas”. Explicouno Xan Duro, número 2 da lista de CA, que hoxe presentou as medidas incluídas no programa electoral en materia de mobilidade, nunha rolda de prensa na que tamén participou o número 4 da candidatura, Miguel Penas. Para Compostela Aberta, “a mobilidade é, xunto coa vivenda, un dos principais retos de futuro de Santiago, e por iso centraremos os esforzos en facer de Tussa, a actual empresa municipal de transportes, a gran empresa municipal da mobilidade de Compostela.

Xan Duro lembrou que para Compostela Aberta “sempre foi unha prioridade fomentar o uso dos modos brandos e transporte, e desde o Goberno adoptamos diferentes medidas nesa dirección”. Este tamén foi o espírito, incidiu, “do Pacto Local pola Mobilidade aprobado no pasado mandato, que debía sentar as bases dun Plan de Mobilidade Urbana Sostible que o Goberno de Bugallo demorou máis do desexable e polo que seguimos agardando”. O candidato tamén lamentou que “nos últimos anos, o Goberno gastou milleiros de euros en estudos sobre o uso da bicicleta en Santiago, estudos que non tiveron ningunha aplicación práctica, nin sequera nos carrís bici que se acondicionaron no mandato, e que son manifiestamente mellorables”.

O candidato de Compostela Aberta explicou que a nova rede pública de bicicletas que propón Compostela Aberta “terá unha vantaxe principal con respecto ao sistema que estivo implantado en Santiago entre 2008 e 2011, que é que se utilizarán bicis eléctricas que facilitarán o seu uso por parte de diferentes perfís de usuarios e usuarias”. O obxectivo é dotar á cidade “dunha rede ampla de estacións de recollida, que cubran todo o ámbito urbano e con puntos en lugares estratéxicos como a intermodal, os aparcamentos disuasorios, e tamén a futura rede de vías ciclistas urbanas e interurbanas”. Ademais, prevense condicións vantaxosas de uso para os residentes, e para colectivos determinados como o dos estudantes universitarios.

Ainda relacionado cos modos brandos de transporte, Xan Duro tamén explicou que Compostela Aberta porá en marcha un programa para recuperar os sendeiros tradicionais e camiños reais, “para conectar peonalmente lugares e aldeas do rural, servir de acceso a espazos natrais e históricos, e actuar como itinerarios de ocio para o conxunto da veciñanza”.

Transporte público e aparcamentos

Pola súa banda, Miguel Penas explicou que “garantir unha mobilidade sostible depende tamén de termos unha boa rede de transporte público”. O candidato de CA lamentou “os catro anos perdidos por Bugallo, e sobre todo a súa falta de diálogo, non coa oposición, senón co conxunto da veciñanza, antes de iniciar a licitación do transporte”. Nese sentido, lembrou que “Compostela Aberta deixou unha caracterización das liñas que non era unha proposta de partido, senón que estaba acordada coa veciñanza”. Miguel Penas explicou que “os pregos aprobados polo Goberno de Bugallo non están consensudos, e polo que vimos estudando cremos que se empeoran non só a configuración das liñas senón tamén as frecuencias que deixara previstas o oberno de CA”.

Por último, Penas reiterou que “Compostela Aberta non apoia que se fagan máis aparcamentos no centro de Santiago, nin no Campus Sur nin na contorna da zona histórica, sexa en Belvís ou sexa na Praza de Abastos como propoñen outras candidaturas”. Para o número 4 da lista de CA, “construir máis parkings vai en contra da liña de retirar os vehículos privados do centro, que debe ser un dos obxectivos prioritarios das políticas de mobilidade”. Pola contra, salientou, “sí defendemos o acondicionamento de novos aparcamientos disuasorios nos barrios, nos que ademais existe demanda, e sobre todo esixímoslle á Xunta que asuma a construción do aparcamento do Hospital Clínico”. En materia de aparcadoiros, Miguel Penas insistiu en que “a nosa proposta principal é asumir a xestión directa dos parkings das prazas de Galicia e de Vigo para impulsar políticas que favorezan a residentes veciñanza e ao comercio, e alegrámonos de que outros grupos municipais entendan agora que esta é unha medida beneficiosa para a cidade”. Estes aparcamentos, apuntou, deben estar xestionados por Tussa “que pasará a ser a gran empresa municipal da Mobilidade en Santiago”.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo