- No pasado mandato, desenvolvéronse espazos cubertos en Lavacolla, Berdía e Figueiras, e proxectouse outro en Laraño
Compostela Aberta instará ao Goberno á elaboración dun plan para dotar de espazos sociocomunitarios cubertos aos barrios e parroquias de Santiago. Será a través dunha proposición que será debatida no próximo Pleno da corporación. O concelleiro Xan Duro explicou que esta proposta “xorde da necesidade que tén a capital galega de contar con equipamentos que lle permitan á veciñanza desfrutar ao aire libre, máis acuciante no actual contexto da pandemia”.
Xan Duro incidiu en que “a crise da Covid-19 está a demostrar que é precisa unha nova visión dos espazos urbanos, e sobre todo daqueles que son punto de encontro da veciñanza, que permiten a súa socialización e a construción de comunidade”. Para o concelleiro de CA, “é evidente que as mediidas sanitarias fan máis necesarios os espazos cubertos ao aire libre, que xa eran unha demanda en Santiago por mor das nosas condicións climatolóxicas e das numerosas xornadas de chuvia que temos ao longo do ano”. Tal e como lembrou o edil, “estes espazos cubertos existen xa en numerosas vilas galegas, e a nosa cidade podería ter xa un equipamento deste tipo no barrio de Santa Marta, se non fora porque o Goberno do PSOE quixo tumbar as iniciativas que foran aprobadas pola veciñanza durante o pasado mandato, nos procesos de Orzamentos Participativos postos en marcha polo Goberno de Compostela Aberta”. Xan Duro lembrou que a cuberta de Santa Marta estaba recollida no proxecto de orzamentos municipais de 2019, “e despois de ser solicitada varias veces por CA, por fin foi recollida na proposta de remanentes aprobada onte polo Pleno da Corporación”.
Na proposición que se debaterá no próximo Pleno, Compostela Aberta pide que “a cuberta de Santa Marta sirva de punto de arranque dun plan máis ambicioso para cubrir outro tipo de espazos, como parques infantís ou novos equipamentos multiusos”. Xan Duro lembrou que “no pasado mandato fixéronse espazos cubertos en Lavacolla, Berdía e Figueiras, redactouse un proxecto para Laraño, e estaban tamén previstas as cubertas de parques infantís no Castiñeiriño e Fontiñas, que este Goberno debe executar”. O concelleiro de Compostela Aberta incidiu en que “non é aceptable que nunha cidade como Santiago, a única alternativa para o ocio nas xornadas de chuvia sexan as grandes áreas comerciais, especialmente para as familias con nenos e nenas.”
PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DE COMPOSTELA ABERTA PARA APROBAR UN PLANO
MUNICIPAL DE CONSTRUCIÓN DE ESPAZOS SOCIOCOMUNITARIOS CUBERTOS NOS BARRIOS E
PARROQUIAS DE SANTIAGO