• A concelleira María Rozas lembra que Bugallo anunciou en decembro do 19 o inicio da licitación do servizo, pero non se tramitou ata once meses despois
  • As queixas dos traballadores e traballadoras da EMM polo desleixo do Goberno súmanse ás do persoal dos servizos de recollida do lixo, transporte urbano e Servizo de Axuda no Fogar 

Compostela Aberta demándalle ao Goberno local que actúe coa máxima dilixencia para poñerlle fin á situación do persoal da Escola Municipal de Música, que vén de denunciar o atraso no cobro dos seus salarios. A concelleira María Rozas levará ao próximo Pleno un rogo neste sentido, tras recibir onte un comunicado dos traballadores e traballadoras do centro. Para a edila, “é inadmisible que nun servizo municipal, e nun momento especialmente crítico coma o actual, se permitan atrasos no pago desde hai xa medio ano, sen que conste que o Goberno local teña adoptado ningunha medida ao respecto”. Rozas lamentou que “os mesmos que hai pouco se poñían detrás das pancartas e utilizaban a Escola de Música de maneira partidaria, son os que agora calan mentres os traballadores e traballadoras ven atacados os seus dereitos”.

O grupo municipal de Compostela Aberta rexistrou onte mesmo un rogo para o próximo Pleno, tras ter coñecemento da situación que atravesa o persoal da Escola Municipal de Música. Tal e como deunciaron a través dun comunicado, os traballadores e traballadoras da EMM  levan sen cobrar unha nómina completa desde o mes de setembro, e acumulando diferentes atrasos desde o mes de maio, a pesar de estar prestando o servizo con total normalidade. O persoal denuncia, ademais, que son os únicos que están a asumir a responsabilidade real do servizo municipal, que sofren unha situación de desatención, “con ausencia de respostas concretas, de solucións inmediatas e de información fluída e veraz”, e apuntan ao atraso no abono das facturas por parte do Concello como causa do impago que veñen padecendo. Por todo iso, teñen anunciado o inicio dunha folga a partir do próximo 1 de decembro.

Vaivéns do Goberno

María Rozas lembrou que non foi ata o pasado 13 de outubro cando a Xunta de Goberno iniciou o procedemento de adxudicación do servizo de Xestión da Escola Municipal de Música. A concelleira de Compostela Aberta salientou que “segundo se recolle no expediente aprobado pola Xunta de Goberno, os primeiros informes para esta licitación son de xullo de 2020, cando o propio alcalde Bugallo anunciou en decembro de 2019 a convocatoria do concurso, explicando que na situación actual a empresa non cubría os custos”. A edila de CA lamentou tamén que, malia que en decembro o alcalde dixo que se lle daría continuidade ao procedemento de lesividade dos anteriores pregos para a licitación iniciado polo Goberno de Compostela Aberta, “en febreiro o mesmo Bugallo asinou a proposta para o desistimento desa acción xudicial argumentando que era preciso poder realizar á maior brevidade posible unha contratación pública para o servizo, contratación que aínda non chegou case un ano despois”.

Para Compostela Aberta, o que está a acontecer co persoal da Escola Municipal de Música “é só unha mostra máis da falta de interese do Goberno de Bugallo polos traballadores e traballadoras dos servizos municipais concesionados”. Ao respecto, María Rozas lembrou que nas últimas semanas estánse a escoitar as queixas pola falta de diálogo do persoal de servizos tan importantes como o da recollida do lixo, o transporte urbano, o Servizo de Axuda no Fogar, “que protagonizaron unha concentración na Praza do Obradoiro coincidindo co Pleno de outubro na que tomaron parte traballadores e traballadoras de dez empresas diferentes”,  e, agora, da Escola Municipal de Música.

PODES CONSULTAR AQUÍ O ROGO DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA GARANTIR A CONTINUIDADE DA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA E O MANTIMENTO DOS EMPREGOS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies