Compostela Aberta demándalle ao Goberno local que denegue a petición da Xunta para a construción da nova sede do Imelga nunha parcela do barrio de Fontiñas, que na actualidade está acondicionada como zona verde dentro do parque Begoña Caamaño. O grupo municipal de CA levará ao próximo Pleno unha proposición neste sentido, despois de que a voceira Marta Lois e o concelleiro Jorge Duarte mantiveran unha xuntanza coa veciñanza do barrio. Para Compostela Aberta, existen outras posibles localizacións para o edificio, que serían igualmente funcionais e que non contarían co rexeitamento da cidadanía.
Compostela Aberta pedirá no Pleno que o Goberno local rexeite a localización da nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia no espazo anunciado, e que conta coa oposición veciñal, e tamén que se inicie o procedemento de revisión urbanística para consolidar como zona verde todo o conxunto do Parque Begoña Caamaño, actualizando a ordenación prevista no PXOM. Tal e como explicou Jorge Duarte, “esta parcela está cualificada como dotacional, pero a realidade é que desde hai case 8 anos está a ser utilizada como zona verde, e ese uso debe ser consolidado”. Nese sentido, o concelleiro de CA lembrou que “no pasado mandato, a Xunta quería utilizar este mesmo espazo para construír unha residencia para a terceira idade, e o Goberno de Compostela Aberta procurou unha alternativa para respectar unha zona que é moi desfrutada pola veciñanza”.
Jorge Duarte lamentou que “Xunta e Concello tomen unha decisión sen ter establecido a máis mínima interlocución coa veciñanza, e sen ter en conta que existen alternativas para a localización da sede do Imelga”. Nese sentido, o concelleiro de Compostela Aberta apuntou que nas inmediacións dos xulgados existe unha parcela de maior tamaño que a que inicialmente tiña previsto o Concello para a construción do edificio, na equina entre as rúas Berlín e Lisboa, “que desde hai 30 anos está perimetrada por un talude de pedra e na que o novo edificio podería servir de peche para este ámbito”. Ademais desta, sinalou o concelleiro, existen aínda outras posibles localizacións para o Instituto de Medicina Legal próximas á elixida pola Xunta e o Concello, “que non provocarían ningún conflito veciñal e que permitirían que o Imelga mantivera a súa cercanía aos xulgados e a súa funcionalidade”.
Para o grupo municipal de CA, “é lamentable que o Goberno local actúe de costas ás demandas veciñais, e máis cando a construción do Imelga é un asunto pendente desde o ano 2008, e nestes anos baralláronse diversas opcións para a construción do edificio”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DE COMPOSTELA ABERTA PARA RECLAMAR UNHA NOVA LOCALIZACIÓN PARA O IMELGA