Compostela Aberta denuncia as falsidades do candidato Feijóo na súa suposta “rendición de contas” en Santiago

Compostela Aberta denuncia as falsidades nas que incurriu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante un acto preelectoral en Santiago no que dixo querer render contas dos logros do seu goberno na capital do país nos últimos anos. O candidato do PP a reelección presumiu de actuacións que tardou máis dunha década en executar e de compromisos que leva arrastrando varios anos e que nin sequera teñen dotación orzamentaria, e esqueceu falar de vellas demandas que non conseguiu atender nos 11 anos que leva á fronte do executivo galego. Para o portavoz de CA, Martiño Noriega, “Feijóo demostrou ser un gran descoñecedor da cidade na que vive, un gran vendedor de fume, e un perfecto propagandista”.

Educación e Sanidade

Na súa intervención nun almorzo electoral celebrado onte, Núñez Feijóo presumiu das melloras na sanidade que, segundo di, o seu Goberno deixou en Santiago. Entre elas, referiuse “á futura ampliación do centro de saúde de Conxo” que, tal e como recorda Martiño Noriega, “é unha actuación da que xa se falaba no ano 2006 coa suposta previsión de comezar as obras dous anos despois, para a que o Concello cedeu unha parcela no ano 2011, e que desapareceu dos orzamentos da Xunta”. Na mesma liña, o portavoz de Compostela Aberta lembrou que o centro de saúde de Galeras, “do que tamén presumiu onte o candidato do PP, entrou en funcionamento no ano 2016, oito anos despois do prometido pola Xunta”. Ademais, Noriega considera “indecente que Feijóo presuma dos seus logros en materia de sanidade, desoíndo todas as críticas da Plataforma Galega en Defensa da Sanidade Pública e ignorando que hai menos do mes unha persoa falecía nos corredores de Urxencias do CHUS, un servizo completamente saturado”.

En materia de educación, Feijóo referiuse no acto de onte “aos investimentos nas escolas infantís de Tras Parlamento, o Polígono do Tambre, O Castiñeiriño e Santa Susana”. Ao respecto, Martiño Noriega lembrou que “a inauguración das escolas de Tras Parlamento e o Tambre producíronse sendo Bugallo alcalde desta cidade, pero na súa anterior etapa, en 2009 e 2011; a escola do Castiñeiriño foi construída nunha parcela cedida polo Concello de Santiago e nin sequera foi pagada pola Xunta, e a remodelación de Santa Susana estivo pechada desde o curso 2015-2016 ata outubro de 2018, por unhas obras que supostamente ían durar un ano”.

Infraestructuras e capitalidade

O portavoz de CA tamén lle afea ao presidente da Xunta “que sexa capaz de presumir da construción da Variante de Aradas sen poñerse colorado, cando estamos a falar dunha infraestructura de só 1,6 quilómetros, prevista no Plan Sectorial da Rede Viaria de Santiago desde o ano 2003 e que se abriu ao tráfico hai tan só un ano”.

Na mesma liña, Martiño Noriega mostrou a súa sorpresa porque Feijóo “reivindique a finalización da Cidade da Cultura tres días despois de que se coñecera de que o Tribunal Supremo condena á Xunta a pagar tres millóns de euros de sobrecustos do proxecto do Gaiás que, tal e como sinala a sentenza, carecía da necesaria definición”.

Por último, o voceiro de Compostela Aberta lamentou que o candidato do PP á presidencia da Xunta “presuma de manter a achega da Xunta á Capitalidade, cando é de sobras coñecido que a partida orzada nos últimos anos é totalmente insuficiente para que Santiago afronte os custos que lle supón ser capital de Galicia”. Ademais, lembrou que “Feijóo non incrementou esta partida nos seus orzamentos de 2020 malia a estarmos ás portas do Xacobeo, de igual maneira que mantivo os recortes na achega do Goberno galego ao Consorcio”

Novas
relacionadas

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo