- A concelleira de CA pídelle ao Goberno que recupere o programa de residencias artísticas na Sala Agustín Magán, prevendo o auditorio do CSC do Romaño como espazo alternativo
Branca Novoneyra denunciou hoxe “o fracaso da convocatoria de axudas municipais para actividades culturais do tecido asociativo, que volve pecharse con só tres entidades beneficiarias e con só 15.000 euros comprometidos dos 45.000 orzados”. A concelleira de Compostela Aberta recoñeceu que “non son cifras que nos sorprendan, porque levamos todo o mandato advertindo tanto dos erros na convocatoria como da necesidade de formar ás asociacións culturais para facilitarlles o acceso a este tipo de financiamiento”.
Só 9 asociacións solicitaron as axudas municipais para financiar actividades culturais desenvolvidas ao longo de 2022; e 6 delas foron excluídas por diferentes motivos burocráticos. As outras tres entidades sumarán subvencións por 15.000 euros, “sempre que cumpran todos os requisitos tras o prazo de xustificación que remata o próximo día 31”. Deste xeito, explicou Branca Novoneyra, “o Concello deixará sen gastar 30.000 euros que tiña orzados para estas axudas, que se suman aos preto de 40.000 euros que se perderon da convocatoria de 2021 por motivos similares”. A concelleira salientou que “Compostela Aberta leva todo o mandato advertido dos erros nesta convocatoria, e da necesidade de impulsar unha acción formativa para o tecido asociativo cultural que operan en Santiago, que precisa coñecer as claves para a xestión e captación deste tipo de financiamento”. No Pleno de mañá, sinalou Novoneyra, “CA volverá reclamar que se impulse ese tipo de formación, coa vista posta na convocatoria de axudas para 2023”.
Programa de residencias artísticas
Branca Novoneyra anunciou que no Pleno de mañá tamén defenderá unha moción para instar ao Goberno a recuperar a convocatoria de residencias de creación e investigación das artes escénicas na Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta, incluíndo o auditorio do Centro Sociocultural do Romaño como segundo espazo escénico. A concelleira lembrou que esta iniciativa foi impulsada no anterior mandato, “e nas tres convocatorias de residencias feitas ata hoxe facilitouse o traballo de numerosas compañías profesionais censadas en Santiago, con medio cento de montaxes que puideron ver a luz no centro de Santa Marta”.
Na moción, CA tamén pide melloras técnicas para os dous espazos, tanto para a Sala Agustín Magán como para o auditorio do Romaño; e propón a convocatoria dunha bolsa de investigación das artes escénicas municipais relacionada coas creacións que naceron nas residencias convocadas desde 2016 ou co legado das compañías históricas da cidade. Por último, explicou Novoneyra, “pediremos que se reforcen as actividades de mediación de proximidade coas comunidades e colectivos en risco de vulnerabilidade social, apostando pola convivencia e pola expansión aos barrios das manifestacións culturais que ata agora viñan sucedendo exclusivamente nos contedores culturais centrais de Santiago, como o Auditorio ou o Teatro Principal”.
Informe Anual da Cultura
Por último, Branca Novoneyra preguntará no Pleno de mañá polos prazos que prevé o Goberno para a publicación do novo Informe da Cultura Municipal 2022. A concelleira lembrou que foi no pasado mandato cando se publicou o primeiro informe deste tipo, “un estudo pioneiro no país que tiña como obxectivo transparentar estatísticas e dar a coñecer a situación real da cultura en Santiago, así como de dar a coñecer os recursos que o Concello dedica á cultura”. Para Novoneyra, “é urxente analizar a situación da cultura local, e este informe é unha boa ferramenta para que o Goberno tome decisións estrateéxicas de maneira informada e transparente”.