• O grupo municipal de CA pedirá no Pleno unha compensación para as familias que nesta situación de crise sufriron o encarecemento do servizo
  • O programa para o mes de xullo completo, con almorzo e xantar, custará este ano 135 euros máis que o pasado, e non se prevén descontos pola inscrición de varios irmáns

Compostela Aberta denunciou hoxe o importante encarecemento que sofre este ano o programa de conciliación Escolas de Verán, despois de que a concellería de Educación derivara a súa organización na Federación de Asociacións de Nais e Pais. O grupo municipal de CA pedirá no Pleno que o Concello habilite medidas para compensar ás familias, tanto pola subida dos prezos como pola desaparición dos descontos previstos en edicións anteriores para familias con poucos recursos ou por segundo irmán/á inscrito no programa.

Só unha semana despois de que a concelleira de Educación sinalara na prensa que a situación creada pola Covid-19 e a falta de instrucións “deixaba no aire a organización do programa de conciliación”, o pasado día 12 o alcalde anunciou en rolda de prensa a convocatoria das Escolas de Verán, organizadas este ano pola Federación de Asociacións de Nais e Pais, coa colaboración tanto do Concello como da Deputación da Coruña. Segundo a folla de inscrición difundida pola FANPA, os prezos do servizo sofren un notable incremento con respecto ao ano anterior. Ese encarecemento, tal e como explica a concelleira Marta Lois, “pode xerar serias dificultades para moitas familias, e máis no momento de crise socioeconómica no que nos atopamos por mor da pandemia da Covid-19”. A edil mostrou o seu temor a que “moitas familias non estean en disposición de afrontar os custos das Escolas de Verán, que deberan ser unha ferramenta real para facilitar a conciliación e evitar novas desigualdades no reparto dos coidados”.

Como é habitual, a inscrición nas Escolas de Verán realízase por quendas, e en diferentes modalidades: só actividades, actividades con comedor, actividades con madrugadores, ou modalidade completa con actividades, servizo de comedor, e servizo de madrugadores. No caso da modalidade completa para o mes de xullo completo, o prezo é este ano de 460 euros, fronte aos 324,5 euros de 2019. Tamén para o mes de xullo, a modalidade de só actividades custará este ano 250 euros, fronte aos 148,5 euros de 2019.

Ademais, na información difundida non hai referencias aos descontos previstos en anos anteriores; nin á rebaixa do 50 por cento para familias con poucos recursos (se ben se sinala que existe a posibilidade de participar mediante o programa de bolsas de Servizos Sociais do Concello, previo informe do departamento), nin ao desconto do 20 por cento por segundo irmán/irmá inscrito. Deste xeito, tomando como exemplo o mes de xullo completo e na modalidade de actividades con comedor e madrugadores, unha familia que o ano pasado pagou 584,1 euros pola inscrición de dous nenos/as, este ano pasaría a pagar 920 euros. Na  modalidade de só actividades, esa mesma familia de dous menores, pagaría o ano pasado 267,3 euros, e este ano tería que abonar 500 euros.

O grupo municipal de Compostela Aberta lembra tamén que a decisión de derivar á Federación de Asociacións de Nais e Pais a organización das Escolas de Verán supón a contratación directa da empresa encargada de prestar o servizo, “sen procedemento de licitación previo, sen prego técnico que defina as obrigas da empresa e sen valoración por parte dos técnicos municipais de diferentes ofertas para a xestión do servizo”. Iso non supón un cuestionamento da empresa selecccionada que, lembra CA, é a mesma que se encargou das Escolas de Verán en 2019, pero a uns prezos sensiblemente inferiores.

PODES CONSULTAR AQUÍ O ROGO DE COMPOSTELA ABERTA PARA IMPLEMENTAR REBAIXAS OU COMPENSACIÓNS NOS PREZOS DO PROGRAMA DE CONCILIACIÓN DE VERÁN

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies