Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción para instar ao Goberno local a “garantir o dereito á información dos grupos municipais da oposición, para que poidan desenvolver de maneira adecuada o seu labor de fiscalización e control”. A concelleira María Rozas lamentou que “a práctica habitual do Goberno de Bugallo sexa a de superar amplamente os prazos establecidos polo regulamento municipal para atender as preguntas por escrito que presenta a oposición, e a de entorpecer o acceso á información solicitada”. Como mostra diso, a edila explicou que CA presnetou en 2020 un total de 21 preguntas para a súa resposta por escrito, e só 7 delas foron atendidas en prazo. No caso das outras 14, o Goberno chegou a dobrar o prazo regulamentario dun mes.
María Rozas denunciou “os atrancos que o Goberno do PSOE lle pón continuamente á oposición, aínda cando o regulamento orgánico municipal do Pleno do Concello de Santiago recoñece, no seu artigo 14, “o dereito das concelleiras e concelleiros da Corporación a obter información que estea no poder dos servizos municipais e sexa precisa para o desenvolvemento das súas funcións de control e fiscalización”. Esa normativa tamén regula as solicitudes de información, “que se entenderán admitidas por silencio administrativa se non se notifica unha resolución expresa denegatoria no prazo de cinco días e, a partir dese prazo, os concelleiros e concelleiras poderán solicitar ao órgano competente que indique a dependencia na que poden realizar a consulta da información solicitada”. María Rozas sinalou que o Goberno “non emite esas resolucións denegatorias, pero tampouco atende as peticións de información ata que son reiteradas por parte da oposición, nos diferentes departamentos e mesmo na alcaldía, que parece ter sempre a última palabra sobre o que podemos ou non podemos consultar”.
A concelleira de CA puxo varios exemplos dos atrancos que vén sufrindo o grupo municipal no acceso á información. Así, un informe sobre a Ordenanza de Garantía Básica solicitado en outubro de 2020 foi facilitado en febreiro, despois de reclamalo ata en seis ocasións. Eses mesmos prazos repetíronse noutras solicitudes, como o dun informe sobre o pago da nómina de outubro ou sobre os expedientes da EDUSI.
Paso atrás en materia de transparencia
María Rozas incidiu en que a actitude do PSOE contrasta coa que o Goberno de Compostela Aberta mantivo no anterior mandato. Ao respecto, lembrou que en abril de 2016 o entón alcalde asinou un decreto que tiña como obxectivo axilizar o acceso á información e atender con maior premura as solicitudes dos grupos da oposición. Nel, indicábase que a información debería ser facilitada dentro dos 5 días seguintes á súa solicitude.
Para a concelleira de Compostela Aberta, “este modus operandi coas preguntas e solicitudes de información forma parte da estratexia do Goberno do PSOE para dificultar o labor da oposición, estratexia que tamén se traduce en cuestións como o atraso no envío da documentación relativa ás diferentes comisións”. Ao respecto, María Rozas denunciou que o Goberno tén chegado a remitir a documentación á oposición con só unhas horas de antelación, como aconteceu recentemente nunha reunión do Padroado da Fundación Refuxio de Animais de Bando, e adoita facelo na véspera de que se celebren as xuntanzas ou comisións “deixando un moi escaso marxe de manobra para as concelleiras e concelleiros da oposición”.
María Rozas sinalou que as queixas por estas prácticas “veñen sendo reiteradas desde os tres grupos da oposición”, e por iso Compostela Aberta demanda do Goberno que garanta o exercicio do dereito á información dos grupos municipais, restaurando os mecanismos de resposta ás solicitude de acceso a información e transparencia vixentes no anterior mandato.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE COMPOSTELA ABERTA PARA QUE SE GARANTA O EXERCICIO DO DEREITO Á INFORMACIÓN PARA A FUNCIÓN DE FISCALIZACIÓN E CONTROL DO GOBERNO POR PARTE DOS GRUPOS MUNICIPAIS DA OPOSICIÓN