• A portavoz de CA, Marta Lois, e o concelleiro Xan Duro reuníronse esta mañá co presidente de CEGASAL, que reclama reservas de zonas epecíficas para este sector

Compostela Aberta mostrou hoxe a súa preocupación pola situación na que quedan os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social no prego para a licitación do servizo de mantemento dos parques e xardíns que vén de ser publicado na Plataforma de Contratación do Etado. O grupo municipal de CA denuncia que nos pregos elaborados polo Goberno non se prevé a adxudicación directa de determinadas zonas verdes a centros especiais de emprego, senón que o Goberno preferiu que sexa a empresa adxudicataria quen subcontrate a estes centros de iniciativa social, malia a un informe da intervención municipal que alerta de que este requisito podería non ser aplicable. A portavoz de Compostela Aberta recolleu hoxe as queixas de CEGASAL, que denuncia que o Goberno de Bugallo optou por un sistema de subcontratación que non ofrece garantías para os Centros Especiais de Emprego.

A voceira municipal de CA. Marta Lois, e o concelleiro Xan Duro reuníronse esta mañá co presidente de CEGASAL, José Antonio Vázquez Freire, que mostrou o seu malestar polos pregos que veñen de ser publicados. Recollendo as súas queixas, Marta Lois lamentou que “o Goberno do PSOE non teña a sensibilidade necesaria para garantir que os centros especiais de emprego poidan optar directamente a un contrato, senón que teñan que limitarse a ser subcontratadas pola concesionaria, co que iso implicará en termos tanto económicos como sociais”. A concelleira mostrouse especialmente crítica coa responsable de Medio Ambiente “que volve mostrar a súa pouca disposición ao diálogo, e ademais nun asunto que afecta á área de parques e xardíns pero tamén á área do social, da que tamén é a responsable política neste Goberno”.

O grupo municipal de CA explica que no prego para a licitación do Servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arboredo do Concello de Santiago de Compostela, que vén de ser publicado, sinálase que “a empresa contratista deberá subcontratar o mantemento de alomenos o 50% da superficie das zonas de nivel C definidas no prego técnico con Centros especiais de emprego de iniciativa social…entre as que se incluirán, inexcusablemente, as áreas de Selva Negra e Pedra Castro”.  Pero, tal e como denuncia Compostela Aberta, o informe da Intervención Municipal relativo a este expediente advirte que “a obriga de subrrogación de persoal establecida no PCAP, e que como xa indicamos supón a maior parte do orzamento do contrato destinado a cubrir custos laborais, pode limitar a aplicabilidade desta condición especial. É dicir, non podemos determinar se a marxe de custos laborais permite dar cobertura para esta subcontratación de alomenos o 50% da superficiedas zonas do nivel C, en tanto que no estudo económico non se define o persoal mínimo para a realización destes traballos”. Para CA resulta especialmente chamativo que o prego, no seu apartado relativo ás condicións especiais de execución do contrato, que fai referencia tamén a cuestións como a igualdade entre homes e mulleres ou a conciliación, sinale que “O incumprimento destas condicións (exceptuada a relativa á subcontratación dos centros especiais de emprego) considerarase unha infracción moi grave ao abeiro do disposto na cláusula 25 deste mesmo prego”. 

Outras dúbidas sobre o prego

Compostela Aberta tamén expresou hoxe as súas dúbidas sobre outras cuestións dos pregos do servizo de mantemento de parques e xardíns. En concreto, o grupo municipal de CA advirte que no prego técnico que xa se pode consultar na plataforma de contratación do Estado sinálase que a duración do servizo “será de catro anos, contados a partir da data de formalización do contrato. O contrato poderá prorrogarse expresamente ata un máximo dun ano, sendo o prazo máximo de duración do contrato (prórroga incluída) de 5 anos”. Pola contra, no prego administrativo establécese que “o prazo máximo de execución do contrato será de tres anos, que se contarán a partir do día seguinte ao de sinatura da acta de inicio do servizo. O contrato poderá ser prorrogado por acordo expreso do órgano de contratación polo prazo máximo dous anos máis. Esta prórroga será obrigatoria para a empresa contratista sempre que o Concello a avise con, cando menos, dous meses de antelación á data en que finalice a duración do contrato, ao abeiro do disposto no artigo 29.2 da LCSP”

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies