Compostela Aberta e Marea Atlántica defenden moción na Deputación da Coruña en apoio das pensións dignas

Os grupos políticos de Compostela Aberta e Marea Atlántica, ao abeiro do disposto no regulamento orgánico da Excma. Deputación da Coruña, presentan a seguinte moción en defensa do sistema público de pensións:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) a nosa comunidade autónoma é a máis envellecida do Estado e na provincia da Coruña o colectivo de pensionistas anos supón o 23% da poboación.

Esta poboación envellecida foise empobrecendo progresivamente polo recorte sistemático das súas pensións, o que provoca unha perda de autonomía persoal e acrecenta as necesidades de mantemento dos servizos socio-sanitarios, e unha maior dependencia dos nosos maiores.

Por outra banda, os datos da Enquisa de Condicións de Vida 2016 indican que aproximadamente o 29,5%% das familias teñen a súa principal fonte de ingresos na pensión dunha persoa xubilada e deses ingresos dependen para a cobertura de necesidades básicas das súas familias.

A modificación lexislativa realizada polo goberno do Partido Popular en 2013 (Lei 23/2013, de 23 de decembro, reguladora do Factor de Sustentabilidade e do Índice de Revalorización do Sistema de Pensións da Seguridade Social), desvinculou a actualización das pensións do incremento do IPC e fixou o aumento anual entre o 0,25% e o 0,50%.

Neste contexto, coa actualización dun 0.25% e o incremento do IPC do 1,1% en decembro (evitamos considerar o dato anómalo que sempre adoita presentar o mes de xaneiro), volve producirse un ano máis unha perda de poder adquisitivo que coma sempre prexudica en maior medida ás pensións máis baixas. Na nosa comunidade a pensión media é de 895,49 euros (datos de xaneiro de 2018 para persoas residentes en Galicia), sendo a proporción de pensións por baixo do limiar da pobreza do 63%, cifra que está mais de dez puntos por riba da media estatal, e é a maior de todas as comunidades autónomas.

Esta situación é aínda máis gravosa no caso das mulleres. Segundo datos do IGE as pensionistas galegas cobraban a finais de 2016 (último dato publicado) unha media de 740,73 euros ao mes, fronte ao 1.018,67 euros dos varóns, o que supón unha diferenza de ingresos do 27’01%. O nivel de precarización no colectivo pensionista en xeral, pero no das mulleres é explícito: a media deixa a este segmento por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional. En Galicia, dúas de cada tres mulleres pensionistas cobran menos que a pensión media, mentres que dous de cada tres homes cobra máis que a pensión media.

En 2016, na nosa provincia as diferenzas fanse notables igualmente. Segundo datos do Instituto Galego de estatística a pensión media era 1061’65€ euros a pensión media dos varóns e 758’19 euros á das mulleres, unha diferenza do 28’66%.

Os datos amosan que as mulleres seguen sendo máis vulnerables, e evidencian que o problema da fenda nas pensións é un máis dos obstáculos coas que se atopan dentro do mundo laboral, senón que nin sequera o sistema de pensións realiza a corrección unha vez rematada a vida activa.

O goberno do PP realizou unha reforma laboral que precarizou as condicións laborais e salariais, baleirou o peto das pensións para pagar xuros de Débeda Pública, e rescatar entidades bancarias, empresas construtoras, grandes concesionarias e aos responsables da súa quebra, mentres se recortan salarios e dereitos como os das pensións públicas.

Está en xogo un dereito non só das e dos pensionistas senón tamén da masa traballadora. Se o goberno non busca saídas a esta situación, nos próximos anos pasaremos de ter unha taxa de risco de pobreza moi superior ao 19%, como recolle a Enquisa de Condicións de Vida 2016, e que sen dúbida, xunto co envellecemento, comprometen seriamente o futuro de todas e todos.

Por estes motivos, proponse ao Pleno da Deputación Provincial da Coruña a adopción do seguinte

ACORDO

1.-Mostrar o rexeitamento deste pleno a que o aumento das pensións para este exercicio 2018 non fose parella ao aumento no custe da vida.

2.- Instar ao goberno do Estado para que:

  • Garanta a actualización das pensións de acordo co incremento real do IPC.
  • As pensións públicas vaian a cargo dos Presupostos Xerais do Estado.
  • Se derroguen as reformas das pensións do 2011 e 2013 e se recuperen os dereitos socioeconómicos das persoas pensionistas e a idade de xubilación aos 65 anos.
  • Incremente e equipare as pensións mínimas vixentes ao Salario Mínimo Interprofesional.
  • Se derroguen as dúas reformas laborais, as de 2010 e 2012, debido a que as súas consecuencias nefastas para a calidade do emprego poñen en risco a sustentabilidade e o futuro das pensións.
  • A prohibir, por lei, a libre diposición do Fondo de Reserva das Pensións para situacións de déficit de cotizacións.
Novas
relacionadas

Compostela Aberta non apoiará ningún modelo de xestión da auga que non garanta o control público do servizo 

María Rozas lamenta que a oposición “manteña unha posición prefixada e non contemple ningunha alternativa ao modelo privatizado que despois de máis de 50 anos deixou unhas infraestruturas obsoletas en Santiago e unha preocupante falta de transparencia”. CA defende a fórmula da empresa mixta para avanzar no control público da auga e para garantir que os seus beneficios se reinvistan na mellora do servizo e polo tanto en favor da veciñanza.

Compostela Aberta, BNG, PSOE e as concelleiras non adscritas presentan unha moción conxunta en apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública do 1 de febreiro

Os grupos municipais de Compostela Aberta, BNG e PSOE e as concelleiras Non Adscritas acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes xaneiro, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia para o 1 de febreiro. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.

Compostela Aberta apoia a folga na Atención Primaria

Compostela Aberta manifesta o seu apoio á folga convocada polo persoal da Atención Primaria en Galicia, co obxectivo de protestar contra a precariedade laboral e asistencial que sofre o sistema sanitario galego. Denunciando unha estratexia calculada, por parte do goberno galego, que procura un desmantelamento do servizo público e unha privatización paulatina dun dos que debería ser un dos piares do Estado de benestar galego.

Compostela Aberta súmase á Plataforma “Emerxencia, Dependencia”

María Rozas participou na reunión constitutiva da Plataforma “Emerxencia, Dependencia”, que reúne a organizacións sociais, políticas e sindicais para alertar da situación de emerxencia na que se atopa o sistema de dependencia en Galicia. O próximo 17 de novembro, a Plataforma concentrarase diante do Parlamento.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo