Os grupos provinciais de Compostela Aberta e da Marea Atlántica defenderán no vindeiro pleno da Deputación, o 28 de outubro, unha moción conxunta contra a apertura dun vertedoiro de residuos industriais en Lousame, que danaría seriamente os intereses sociais, económicos e ambientais deste concello, das aldeas da contorna inmediata e da comarca.

As dúas plataformas cidadás instan á entidade provincial a rexeitar o proxecto “por carecer de garantías ambientais e non atender ás necesidades reais de Galicia” e a ofrecer axuda para facer un estudo sobre o impacto que o vertedoiro podería causar nas augas do río Vilaboa, entre outras medidas “para unha mellor defensa dos intereses dos concellos afectados”: Lousame, Rois, Noia e Brión.

O texto da moción, presentado na Xunta de Portavoces que se celebrou esta mañá, sinala na súa exposición de motivos que o futuro vertedoiro implicaría “soterrar os montes de Lousame, nun hábitat comunitario de interese prioritario situado ao pé do Lugar de Especial Interese Paisaxístico de Monte Culou e do trazado histórico do Camiño de Santiago Inglés pola Ría de Muros-Noia”. Metería baixo terra 770.000 toneladas de residuos industriais nun período de 10 anos.

O pleno do Concello de Lousame xa chegou, o 10 de outubro, a un acordo para rexeitar o vertedoiro promovido por Gestora de Residuos del Noroeste, S.L. E a través desta moción, Compostela Aberta e Marea Atlántica tentan que a Deputación Provincial se sume ás voces contrarias a este proxecto, que tamén contradí o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia (2016-2022).

Nin reválidas, nin LOMCE

Doutra banda, as plataformas cidadás da Coruña e Compostela acordaron unha segunda moción conxunta para debater no Pleno da Deputación, na que se insta á Xunta de Galicia a “eliminar a celebración de reválidas, conscientes das nefastas e lesivas consecuencias que supoñen, por seren un obstáculo para facer efectivo o dereito á educación universal, pública, galega, laica, coeducativa e gratuíta“.

Nesta iniciativa, tamén se lle pide á Xunta que lle reclame ao goberno galego a derrogación da LOMCE e a defender as competencias propias para defender o ensino público, galego e de calidade.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies