• Xan Duro demándalle ao Goberno que se acolla o acordo alcanzado entre a Xunta e a FEGAMP para o uso dos pavillóns dos institutos fóra do horario escolar

Compostela Aberta urxe ao Goberno local a procurar solucións para garantir que os clubs deportivos de base da cidade teñan acceso a espazos dignos para os seus adestramentos. O concelleiro Xan Duro lamentou que “a día de hoxe sigan infrautilizados os pavillóns de centros educativos de Santiago fóra do horario lectivo, mentres ducias de rapaces e rapazas non teñen onde practicar as súas disciplinas, e sen que a Concellería de Deportes faga nada para procurar alternativas para os equipos afectados”.

Xan Duro explicou que “a volta á normalidade despois da pandemia da Covid estase atrasando no que tén que ver coas actividades deportivas, e en Santiago os equipos de base seguen atopándose con serias dificultades para recuperar as rutinas previas á Covid”. Nese sentido, o concelleiro sinalou que moitos equipos de diferentes disciplinas como patinaxe, fútbol sala ou baloncesto, non están tendo acceso aos pavillóns deportivos vinculados a centros de ensino que utilizaban antes desta crise, “e iso complica unha situación xa de por sí precaria, porque tamén existe un grave problema co reparto de horas nos pavillóns municipais”.

O concelleiro de CA lembrou que, en xuño, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias selaron un acordo para regular a apertura das instalacións deportivas dos institutos fóra do horario escolar, para o seu uso por parte da cidadanía. Xan Duro lamentou que “este convenio non estea a dar os seus froitos en Santiago, posiblemente pola pasividade do Goberno local, posto que son os concellos os que deben tramitar diante dos centros educativos esa solicitude de uso”. O edil explicou que o acordo da Xunta e a FEGAMP “especifica que o uso compartido non significa achegas económicas, máis alá de sufragar os gastos derivados da utilización, pero coñecemos algún caso no que as cantidades que se lle requiren aos clubs parecen superar ese simple reparto de custos”.

Diante das queixas que veñen manifestando diferentes equipos da cidade, Compostela Aberta esíxelle ao Goberno local, e máis en concreto á Concellería de Deportes, que adopte as medidas que sexan necesarias, en colaboración cos clubs afectados, para permitir que “os centos de rapaces e rapazas federadas en Santiago en diferentes disciplinas poidan practicar os seus deportes, como mínimo, coa frecuencia e nas condicións nas que o facían antes da pandemia da Covid”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies