Compostela Aberta impulsará un Programa Municipal de Canguraxe para facilitar a conciliación ás familias

María Rozas: “Queremos un Santiago dos coidados, e iso implica apostar de verdade polos programas de conciliación”

Compostela Aberta porá en marcha un Programa Municipal de Canguraxe para favorecer a conciliación familiar e laboral, que prestará atención a nenos e nenas de ata 12 anos tanto a domicilio como en diferentes instalacións municipais. Explicouno hoxe a candidata á alcaldía,  que reiterou que “para CA é unha prioridade atender os coidados e as familias, e para iso urxe que o Concello teña un papel máis activo”. Nesa liña, María Rozas tamén se comprometeu a reforzar os programas municipais de conciliación “para darlle a estabilidade e continuidade que faltou nestes catro anos para desesperación das familias de Compostela”.

María Rozas lembrou que o Programa Municipal de Canguraxe é unha proposta que Compostela Aberta defendeu ao longo de todo este mandato, “e de feito foi incorporada no acordo para a aprobación dos orzamentos co Goberno, que o PSOE finalmente incumpriu”. A candidata de CA explicou que a iniciativa consiste na posta en marcha dun servizo de atención ás crianzas de ata 12 anos, con prioridade para as familias con dificultades, escasos recursos ou monomarentais; que se prestará tanto a domicilio como en diferentes instalacións municipais como os centros socioculturais, as ludotecas ou os espazos deportivos. Rozas apuntou que “o obxectivo non é atender situacións puntuais nin limitarse aos periodos vacacionais, senón ofrecer un servizo permanente que atenda as necesidades diarias e ordinarias das familias”.

A candidata de Compostela Aberta explicou que “o programa municipal de canguraxe funciona con éxito noutros municipios, como poden ser A Coruña ou Barcelona”. Na cidade herculina, o servizo funciona desde 2007, e na actualidade atende a máis de 400 familias e uns 600 nenos e nenas en tres modalidades distintas: a atención a domicilio, os espazos de atención á infancia, e as ludotecas coeducativas. En Barcelona, o programa de canguraxe púxose en marcha en 2020, e atende anualmente a unhas 1.500 familias.

Ademais do Programa Municipal de Canguraxe, María Rozas apostou por reforzar os servizos de conciliación nos centros educativos “que deben estenderse ao longo de todo o curso escolar, con maior énfase na época estival e especialmente en agosto, porque hai nais e pais que tamén traballan nese mes e precisan solucións”. Para a candidata de Compostela Aberta, “o fundamental é que o programa sexa estable, que as familias saiban cando se convocan as prazas e cando se resolven, porque a improvisación é inimiga da conciliación, e iso comprobámolo ao longo destes catro anos de caos no servizo”. 

Comedores escolares

María Rozas tamén se referiu ao servizo de comedores escolares, “que entedemos que tén que ser reformulado, pero somos realistas e, ao contrario do que fan outros partidos, non faremos promesas que sabemos que non se poden cumprir”. Nesa liña, explicou que Compostela Aberta aposta por poñer en marcha un plan piloto para a instalación de cociñas nos propios centros, en colaboración coas direccións e coas ANPAS, “sendo conscientes de que non todos os colexios cumpren os requisitos para albergar estas instalacións, e sabendo que as asociacións de nais e pais non poden asumir a responsabilidade dun servizo que non é a súa competencia”. Ademais, Rozas referiuse “ás dificultades coas que se atopan moitas familias que teñen dereito ás bolsas de comedor, pero que cobran as axudas a destempo por mor das dificultades burocráticas, unha situación que moitas veces afrontan as ANPAs facendo de entidades bancarias e facendo préstamos a estas persoas”. A solución, apuntou, “pasa por fórmulas como o anticipo de pago, que sería aplicable tamén a outras subvencións municipais  alén das bolsas de comedor, e que xa funciona en moitos municipios para este tipo de axudas sociais”

Outras medidas

María Rozas adiantou outras medidas do programa de Compostela Aberta, como o pulo á creación do Colexio Rural Agrupado para dotar ás tres escolas rurais de Santiago dun marco de estabilidade “que impida que en cada curso escolar os centros estean coa incertidume de se conseguirán o número de matrículas requiridas para non seren pechadas”. Ademais, explicou, “buscaremos as fórmulas para que estes colexios sexan máis atractivos para as familias, “incluíndoos na oferta de servizos fundamentais para a conciliación como o comedor escolar ou os madrugadores”.

Por último, María Rozas comprometeuse a ampliar o programa Colecamiños de Camiños Escolares Seguros “que neste mandato tamén se deixou esmorecer malia que había interese dalgúns novos colexios para a súa implantación”.

Novas
relacionadas

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo