- Marta Lois defenderá no Pleno unha moción na que lembra que a Constitución recolle a natureza neutral do Estado respecto das crenzas relixiosas
- CA lamenta “o enorme paso atrás que supón a presenza do alcalde Bugallo na Ofrenda ao Apóstolo, unha cerimonia recuperada durante a ditadura franquista”
Compostela Aberta levará ao Pleno do mes de xullo unha moción na que insta á Corporación “a declarar publicamente o compromiso do Concello de Santiago coa laicidade e a acordar que os actos organizados polo Concello sexan exclusivamente de carácter civil”. A concelleira Marta Lois presentou hoxe a proposta, que lembra que “a laicidade institucional é un piar fundamental da democracia, recoñece a autonomía da política e a ética pública; e por iso debe ser garantida a presente e futuro no Concello de Santiago”. A vicevoceira de Compostela Aberta mostrouse convencida de que “a neutralidade relixiosa da actuación institucional municipal é unha condición necesaria para que a nosa siga sendo sendo unha cidade referente da pluralidade”
Compostela Aberta lembra na moción que levará ao Pleno que “a natureza neutral do Estado democrático respecto das crenzas relixiosas e opcións de conciencia particulares está recollida no artigo 16.3 da Constitución, e por iso os diferentes poderes públicos precisan delimitar con claridade os ámbitos público e privado”. Marta Lois lembrou que, durante o pasado mandato, “o Goberno municipal cumpriu cos principios fundamentais da laicidade, adoptando un rol institucional laico no relativo á participación en calquera acto de natureza relixiosa, e mesmo o Pleno apoiou que o Concello de Santiago participara na constitución dunha Rede de municipios por un Estado laico”. Esas decisións, lembrou a concelleira, “non impediron que o Goberno de Compostela Aberta mantivera unha relación de cordialidade, colaboración e respecto mutuo coas entidades e institución relixiosas, que entenderon a normalidade democrática de debe rexer a vida municipal”. Nesa liña, Marta Lois lamentou “o enorme paso atrás que supón a confirmación de que o alcalde Xosé Sánchez Bugallo non só participará no acto da Ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo, senón que mesmo actuará como delegado rexio nesa cerimonia de estrito carácter relixioso”. A concelleira lamentou que “se volva diluír a separación entre o ámbito público e o ámbito privado das crenzas relixiosas, e ademais nunha cerimonia que foi recuperada pola ditadura franquista”.
Na moción presentada hoxe, Compostela Aberta pide que se declare publicamente o compromiso do Concello de Santiago coa laicidade e que os actos organizados polo Concello sexan exclusivamente de carácter civil e que non promova nin participe en celebracións ou rituais relixiosos de ningún tipo. Tamén se avoga porque o Concello non se encomende ao santoral, imaxes ou rituais relixiosos, e que se promovan campañas de sensibilización dirixidas a toda a cidadanía sobre o significado da laicidade, a Declaración dos Dereitos Humanos, a tolerancia e a liberdade de pensamento e de conciencia relixiosa.