Compostela Aberta insta ao Goberno a proxectar unha nova piscina municipal na zona de Santa Marta

CA pide que se cree unha comisión de traballo que defina os usos e características da nova infraestrutura
  • Jorge Duarte: “Todas as melloras no plan Peleteiro das que fala o PSOE eran compatibles coa modificación do PXOM que rexeitaron hai uns meses por electoralismo”

O concelleiro Jorge Duarte presentou hoxe a moción que Compostela Aberta levará ao Pleno da próxima semana para instar ao Goberno a planificar a construción dunha nova piscina municipal cuberta en  Santa Marta, nunha parcela que xa está reservada no planeamento para equipamentos deportivos. O edil explicou que “esta instalación viría dar resposta á saturación das piscinas de Santa Isabel e Fontes do Sar, que suman máis de 300.000 usos anuais”.

Compostela Aberta insta ao Goberno a elaborar unha planificación plurianual, “para que a nova piscina poida ser unha realidade ao longo deste mandato”. Na moción, pídese a creación dunha comisión de traballo municipal, na que estean representados todos os grupos da Corporación, así como os clubes deportivos de Santiago relacionados coa disciplina da natación. Ese órgano, apuntou Jorge Duarte, sería o encargado de “definir as necesidades específicas da nova instalación, que debería estar destinada a clubs de natación, waterpolo e triatlón e aberta a demandas de novas persoas usuarias; e que tamén se podería especializar en cuestións como o uso escolar, ou o uso terapéutico para maiores, bebés ou mulleres embarazadas”.

Na moción, o grupo municipal de Compostela Aberta tamén istar á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña a colaborar co Concello na construción e financiamento desta nova infraestrutura deportiva, que sería  integrada na rede de piscinas públicas conxuntamente coa de Santa Isabel e a do Multiusos.

Disciplinas en auxe

Jorge Duarte xustificou a necesidade de planificar unha nova piscina “nos datos que demostran que os deportes de auga están en auxe en Santiago, con máis de 300.000 usos anuais nas piscinas de Sar e Santa Isabel, dos que 100.000 corresponden con usos de clubs federados que, ademais están a ter moi bos resultados en diferentes competicións, como son o Club Deportivo Natación Cidade SAntiago, o Club Waterpolo Santiago, ou os clubes Triathlon Compostela e Triathlon Arcade”. Estes equipos, incidiu o concelleiro, son usuarios habituais das piscinas públicas de Santiago e están a aumentar significativamente o número de licenzas federativas nos últimos anos.

O edil de Compostela Aberta apuntou que “ademais dos equipos federados, tamén aumenta a práctica da natación por parte da veciñanza, e por iso cada vez é máis palpable a necesidade dunha terceira piscina pública na cidade que permita prestar un bo servizo a todos os usuarios e usuarias”. Duarte lembrou que “o investimento en infraestruturas deportivas é un investimento en saúde e, polo tanto, acaba sendo moi rendible a longo prazo”.

Peleteiro

Na rolda de prensa de hoxe, Jorge Duarte tamén foi preguntando pola modificación do planeamento no ámbito do vello colexio Peleteiro, tras coñecerse que o Goberno de Bugallo retoma o proxecto de Compostela Aberta ao que se opuxera no Pleno de abril. O concelleiro lamentou que “levemos un ano perdido polos intereses electoralistas do PSOE”, e explicou que “todos os usos e todas as alternativas das que está falando agora o alcalde serían perfectamente compatibles co documento rexeitado no Pleno no pasado mandato”.

En concreto, Duarte sinalou que “o uso de ocio do que se fala agora xa está contemplado nas ordenanzas vixentes para o Ensanche, e en canto ao aparcamento a modificación do PXOM fixa un mínimo de 400 prazas, pero non determina un máximo, e de feito a previsión xa era facer un aparcamento público dunhas 150 prazas debaixo da praza pública”. En canto á vivenda, o concelleiro tamén aclarou que o planeamento tén que definir “o aproveitamento residencial e a porcentaxe destinada a vivenda sometida a algún réxime de protección, pero non define en que réxime”. 

Tamén en relación ao anuncio de que o Concello lle pedirá á SAREB que a praza pública sexa cuberta, o concelleiro de CA quixo aclarar que “é insólito que un goberno municipal sobre uns terreos municipais lle teña que pedir permiso á SAREB para facer o deseño que queira”. Para o edil, o Executivo de Bugallo “está intentando branquear o feito de que a súa proposta para Peleteiro é a mesma que a de Compostela Aberta que rexeitou meses atrás, mesturando o que é un documento de planeamento co que é un proxecto arquitectónico, que é onde se definen as características da actuación, e que xa se podería estar elaborando se os socialistas actuaran con responsabilidade no pasado mandato”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE CA PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PISCINA MUNICIPAL CUBERTA EN SANTA MARTA

Novas
relacionadas

“Que dous señores tomen decisións a 25 anos nun despacho, sen escoitar a ninguén, e a dous meses das eleccións, mostra a súa nula calidade democrática”

Compostela Aberta reconducirá os usos anunciados para a Casa do Matadoiro “que non poden depender de ocurrencias de Bugallo en tempo de desconto”

Jorge Duarte: “Hai consenso político e técnico sobre cal é o mellor proxecto para Castrón Douro, e só Bugallo leva a contraria”

Na comisión asesora de hoxe, quedou sobre a mesa a modificación do proxecto da II fase de Castrón Douro por falta de apoios, e Compostela Aberta demandará no Pleno que se manteña o acordado no pasado mandato coa veciñanza

CA esíxelle a Bugallo que manteña o proxecto orixinal para a segunda fase da reurbanización de Castrón Douro

María Rozas e Jorge Duarte reuníronse coa veciñanza da zona, que non foi informada polo Goberno da súa intención de modificar o proxecto que quedara elaborado no pasado mandato

Compostela Aberta abstense na votación da proposta para Peleteiro “que non tiña o apoio da veciñanza e creaba inseguridade xurídica”

Jorge Duarte lamenta “os catro anos perdidos por Bugallo, que en 2019 obrigou a tumbar a única alternativa que logrou o consenso de veciñanza, comerciantes e propiedade en máis de 18 anos”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo