Compostela Aberta lamenta o descontrol e a falta de información nas notificacións que obrigan a milleiros de veciños e veciñas a limpar as súas fincas

Marta Lois pide “facilidades á veciñanza para o cumprimento das súas obrigas, habida conta de que non estamos en época de risco alto de incendios”
  • A Lei de prevención de incendios obriga á limpeza das fincas antes de finais de maio, e o Concello deulle 15 días naturais aos propietarios e propietarias “en plenas festas do Nadal”

 Compostela Aberta denunciou hoxe “a falta de atención e a desinformación que veñen sufrindo milleiros de veciños e veciñas de Santiago, que acaban de recibir unha notificación do Concello ordenando a limpeza das súas fincas nun prazo de 15 días, en plenas datas do Nadal, e con moitas dificultades para conseguir unha interlocución coa administración municipal para a resolución das súas dúbidas ao respecto”. A portavoz municipal Marta Lois explicou que “nestes días o noso grupo está recollendo moitas queixas de persoas afectadas, molestas sobre todo porque non son quen de falar con ningún departamento do Concello que lles clarifiquen cales son os pasos a dar para cumprir coa resolución”.

O pasado 30 de decembro, centos de veciños e veciñas de Santiago comezaron a recibir do Concello de Santiago as dilixencias nas que se lles notifica a súa obriga de xestionar a biomasa e retirar as especies arbóreas prohibidas das súas fincas, en función da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Nese mesmo día, o 30 de decembro, o BOE publicou o anuncio de notificación en procedemento de xestión da biomasa forestal e de retirada de especies arbóreas de centos de fincas das que non se puido determinar a identidade da persoa responsable da súa xestión ou das que se descoñece o lugar de notificación. En total, son milleiros os propietarios e propietarias afectadas por estas notificacións, nas que se lle outorga un prazo de 15 días naturais para o cumprimento voluntario da orde ou, no caso contrario, será o Concello quen proceda á execución subsidiaria da limpeza dos terreos repercutindo despois os cursos sobre a persoa propietaria. Nas dilixencias enviadas tamén se advirte aos veciños e veciñas das sancións que se lles poden impoñer, que poden ser dun mínimo de 1.000 euros e un máximo de 100.000, ademais do comiso cautelar da madeira que sexa retirada dos terreos.

Marta Lois explicou que “resulta bastante incomprensible que o Concello realice estas notificacións nos últimos días do ano, en función dunhas inspeccións que se fixeron nos terreos nos meses de xullo, agosto e setembro, e dándolle aos propietarios e propietarias un prazo de só quince días naturais para resolver a situación nunhas datas tan complicadas como son as das festas de Nadal”. A portavoz municipal de CA explicou que “estas datas son aínda máis cuestionables se temos en conta que o artigo 22 da Lei de prevención de incendios á que fan referencia as dilixencias establece que as persoas responsables das fincas deben proceder á execución da xestión da biomasa e á  retirada de especies arbóreas antes de que finalice o mes de maio de cada ano”. Ademais, a concelleira de Compostela Aberta alertou “das dificultades que se xeran para moitas persoas, moitas delas de idades avanzadas, que reciben unha notificación na que só figura unha referencia catastral, que os propietarios e propietarias mesmo poden descoñecer a que finca fai referencia”.

A concelleira de Compostela Aberta urxiu ao Goberno a “adoptar medidas para facilitarlle á veciñanza o cumprimento desta obriga de limpar as fincas, mesmo a través da ampliación dos prazos, habida conta de que non estamos nunha época de risco alto de incendios”. Ademais, reclamoulle ao Goberno que “reforce as vías de atención á cidadanía afectada, porque cónstanos que moitas persoas levan días intentando manter interlocución con diferentes departamentos municipais para clarexar cuestións relativas a estas notificacións e non o están a conseguir”.

Notificación remitida aos propietarios e propietarias
Novas
relacionadas

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

“Para CA, o responsable cos veciños era estar no goberno e aportar estabilidade”

Entrevista a María Rozas, concellería de Dereitos e Servizos Sociais e primeira tenente de alcaldesa

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo