Compostela Aberta lamenta “que o Goberno asuma a súa incapacidade para elaborar unha nova normativa de artes na rúa a tempo para o Xacobeo”

Branca Novoneyra: “Que en setembro se acorde prohibir as artes de rúa no primeiro trimestre de 2021 significa que o Goberno do PSOE non tén interese en atender as necesidades do sector"

A concelleira de Compostela Aberta Branca Novoneyra foi moi crítica hoxe co Goberno de Bugallo, “que vén de asumir a súa incapacidade e a súa falta de interese para resolver os problemas da cidade”. Para a edila, “só así se entende que no mes de setembro o concelleiro de Mobilidade aprobe un decreto no que prohibe as artes de rúa no primeiro trimestre de 2021, para modificar a actual normativa pola que se rexe esta actividade”. Novoneyra lembroulle ao Goberno a delicada situación que atravesa o sector cultural por mor da pandemia da Covid-19, e recriminoulle ao alcalde que “mentres fía a recuperación económica de Santiago unicamente ao Xacobeo, péchalle esta fiestra de oportunidade ao colectivo dos artistas de rúa, que na nosa cidade aglutina a ducias de persoas”.

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que lle pide ao Goberno que presente antes de que remate este ano 2020 unha nova normativa de artes de rúa, que estea consensuada co colectivo de artistas. No texto que defenderá Branca Novoneyra tamén se urxe ao Executivo de Bugallo a garantir que non haberá discontinuidade no outorgamento trimestral dos permisos para desenvolver as actividades de artes de rúa, deixando polo tanto sen efecto o decreto asinado polo edil Gonzalo Muíños o pasado 22 de setembro. A concelleira de Compostela Aberta insistiu en que “hai tempo abondo para elaborar un estudo e para consensuar a normativa co sector, que xa tén presentado propostas concretas ao respecto”. Para Novoneyra, “a nova normativa debe desenvolver disposicións arredor de horarios, tipos de permisos e solicitudes, selección de aspirantes ou emprazamentos, cunha disposición especial que recolla os axustes da actividade aos protocolos sanitarios pola Covid-19”.

A concelleira de Compostela Aberta denunciou que o decreto aprobado en setembro “contradí a moción conxunta que o Pleno da Corporación aprobou no pasado mes de febreiro, a partir dunha moción de CA, na que se instaba ao Goberno local a planificar estratéxicamente as actividades culturais de rúa durante o Xacobeo”. Para Branca Novoneyra, “suspendendo as artes de rúa durante o primeiro trimestre do 2021, o Goberno do PSOE fai xusto o contrario daquelo ao que se comprometeu no Pleno, e faino ademais por desleixo e sen ter en conta a difícil situación que atravesa o colectivo”. A concelleira de CA mostrou o seu convencemento de que “o Goberno de Bugallo volve actuar como o fixo coas praceiras do Mercado de Abastos: sen apurar a procura de solucións para colectivos que lle son incómodos e que non encaixan no modelo de cidade deste PSOE”.

Novas
relacionadas
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

Branca Novoneyra: “O Goberno de Bugallo ten unha última oportunidade para autocorrixirse e apostar polos artistas locais na programación das festas”

Compostela Aberta leva ao Pleno unha moción para esixir un plan de contratación de artistas e empresas culturais locais para a Ascensión e o Apóstolo, cunha dotación mínima de 250.000 euros

CA reitera o seu apoio á creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago

María Rozas e Branca Novoneyra reuníronse coas representantes da Plataforma que leva anos reclamando este centro “para o que existe unha enorme demanda en Compostela”

CA reclama a redacción do I Plan Estratéxico da Cultura

Branca Novoneyra denuncia que Santiago caeu ao posto 15 no informe “Lo mejor de la Cultura 2022”, no que ocupaba o posto 10 en 2016

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo