- A nova ordenación presentada por Marta Lois e Jorge Duarte conta co visto bo de comerciantes e veciñanza
Compostela Aberta leva á comisión de Peleteiro de hoxe unha nova proposta sobre a ordenación da parcela, “co obxectivo de intentar desbloquear este proxecto fundamental para o Ensanche e para o conxunto da cidade, e lograr unha alternativa que satisfaga a todas as partes”. A portavoz municipal Marta Lois e o concelleiro Jorge Duarte deron a coñecer esta alternativa que xa lle foi achegada ao Goberno, e que mantén a proridade da apertura dunha praza pública cara República Arxentina, incorporando unha nova rúa aberta cara San Pedro de Mezonzo.
A portavoz municipal explicou que “Compostela Aberta quere que a operación Peleteiro quede resolta, porque sabemos que iso é bo para Santiago e, en particular para o Ensanche”. Marta Lois incidiu en que “CA vén mostrando o seu ánimo propositivo desde a primeira xuntanza da comisión, demostrando que non todos somos iguais porque se a modificación do PXOM neste ámbito non está resolta desde o pasado mandato é porque o PSOE así o quixo baseándose unicamente en intereses electoralistas”. Para a concelleira, “o Goberno non pode seguir perdendo o tempo, porque levamos perdidos xa máis de dous anos para resolver algo que Bugallo prometeu ter solucionado en só tres meses, e este atraso débese únicamente á soberbia dun alcalde que non quere dialogar, e que non quere aceptar que a proposta de Compostela Aberta para Peleteiro era a máis acaída, aínda que así llo dixera xa un informe que encargou e no que se gastaron case 18.000 euros de cartos públicos”. É evidente, engadiu Marta Lois, “que o que Bugallo non quere é asumir na súa integridade o proxecto que Compostela Aberta xa tiña consesuado para Peleteiro, porque iso evidenciaría ainda máis que perdeu o tempo para nada”.
Nova alternativa
A proposta que Compostela Aberta leva hoxe á Comisión de Peleteiro mantén a apertura da praza pública de case 1.400 metros cadrados cara a República Arxentina “porque temos o convencemento de que esta é a mellor alternativa, porque é a opción que demanda o tecido comercial e a maior parte da veciñanza afectada, e porque mesmo a propiedade recoñece que esta configuración lle valería para desenvolver este ámbito”. A maiores desa apertura de 30 metros cara República Arxentina, incorpórase a apertura dunha rúa cara San Pedro de Mezonzo, “que tería un ancho de 10 metros, e unha superficie de case 270 metros cadrados”. A praza estaría rodeada por tres bloques, e o que dá cara a rúa da Rosa tería menos altura que os outros dous, de xeito que non prexudicaría aos inmobles xa existentes e sombrearía menos a nova praza púbica. Ademais, “tamén quedaría resolto o problema da medianeira, que quedaría oculta tal e como demandan os técnicos”
Jorge Duarte incidiu en que “o urbanismo en pleno século XXI non debe guiarse unicamente por cuestións técnicas, senón que debe ter en conta os usos da cidade, as demandas da veciñanza, e por iso mantemos que no caso de Peleteiro o Goberno debe escoitar aos colectivos”. Nesa liña, lamentou que Bugallo manteña “a súa teima do soleamento, como se o sol non se movera ao longo do día, como se nas cidades non houbera prazas con diferentes orientacións e nas que os usos dependeran doutros factores máis alá das sombras”. O edil incidiu en que esta nova alternativa xa lle foi presentada ás asociacións de comerciantes e á veciñanza nunha xuntanza celebrada a semana pasada, “e foi ben recibida por todas as partes, que valoran positivamente o esforzo que está a facer o noso grupo municipal para acadar o consenso preciso para que o proxecto saia adiante, un esforzo que contrasta coa actitude inmobilista dun Goberno do que nin tivemos noticias ao respecto de Peleteiro desde o pasado 18 de xuño”.