- Marta Lois: “Os residentes de Fontiñas séntense abandonados por este Goberno, que nin atende o mantemento ordinario, nin os escoita nas cuestións extraordinarias como foi a construción do Imelga”
Compostela Aberta levará ao Pleno da próxima semana unha proposición que recolle as demandas da veciñanza de Fontiñas, achegadas pola propia cidadanía nunha asemblea aberta que o grupo municipal celebrou no barrio hai unhas semanas. A portavoz de CA, Marta Lois, explicou que nesa xuntanza “quedou en evidencia que as principais preocupacións dos residentes en Fontiñas teñen que ver coa mobilidade e a accesibilidade, vinculadas tamén á remodelación do nó de Concheiros”. A concelleira instou ao Goberno a “atender estas peticións máis urxentes, e tamén a elaborar unha diagnose das necesidades do ámbito para poder incluilas nos orzamentos municipais nos próximos anos”. Marta Lois incidiu en que “os residentes de Fontiñas séntense abandonados por este Goberno, que nin atende o mantemento ordinario, nin os escoita nas cuestións extraordinarias como foi a construción do Imelga”.
Na asemblea aberta, Compostela Aberta recolleu a preocupación polas consecuencias que ten para o barrio a remodelación do nó de Concheiros, sobre todo porque altera a conexión entre as Fontiñas e San Pedro. Neste sentido, a veciñanza criticou que se eliminara o xiro da rúa de Berlín cara Rodríguez de Viguri, que sí estaba permitido no proxecto inicial das obras de mellora da entrada do Camiño Francés; e tamén a sobrecarga de tráfico da rúa Londres como nova entrada no barrio. Neste sentido, Marta Lois lembrou que “CA propuxo no Pleno unha solución que pasa pola construción dunha nova rotonda na confluencia entre as rúas Lisboa e Dublín coa rúa Londres, que foi aprobada pola Corporación, e que agora foi incorporada ao proxecto de remanentes”. Esta medida impulsada por Compostela Aberta, sinalou a concelleira, “debe vir acompañada doutras actuacións que teñan en conta o aumento do tránsito rodado polo barrio, que ten aumentando sensiblemente desde a apertura do Centro Comercial das Cancelas e que segundo a veciñanza xera problemas de inseguridade polas altas velocidades de moitos vehículos”.
Deficiencias de mantemento e petición de novos equipamentos
Marta Lois explicou que na asemblea aberta celebrada nas Fontiñas, “puidemos recoller tamén moitas queixas polo deficiente mantemento municipal das rúas e das zonas verdes, en particular do parque Carlo Magno”. Os residentes denunciaron problemas na limpeza viaria e na recollida do lixo, “e mesmo a presenza de ratas en moitas zonas do barrio”.
Nesta liña, a veciñanza tamén denunciou a escasa presenza da Policía Local nas Fontiñas, “malia que o Goberno ten anunciado que se implementou a Policía de Barrio neste ámbito, en teoría con 18 axentes para Fontiñas, San Lázaro, Pontepedriña e O Castiñeiriño”
En canto ás demandas de novos equipamentos, a portavoz de Compostela Aberta lembrou “o malestar da veciñanza pola decisión do actual Goberno, de acordo coa Xunta, de mudar a localización da nova residencia da terceira idade que durante o pasado mandato estaba prevista nas Fontiñas, e que finalmente se está a construír no Restollal”. Os residentes demandan agora a construción dun centro de día para persoas maiores no barrio, “que podería estar localizada na parcela reservada inicialmente para o xeriátrico”. En canto aos equipamentos, na asemblea aberta celebrada por Compostela Aberta escoitáronse “outras reclamacións que veñen de vello, como a instalación da cuberta do parque infantil da rúa Lisboa ou a ampliación do Centro de Saúde”.
Recollendo todas estas preocupacións, Compostela Aberta leva ao Pleno unha proposición na que insta ao Goberno a executar unha serie de medidas urxentes para mellorar a mobilidade no barrio, habilitando o xiro da rúa de Berlín con Rodríguez de Viguri, revisando os itinerarios dos autobuses e implementando a Policía de Barrio. Tamén se reclama a elaboración dun diagnóstico de necesidades e demandas do barrio para incorporar esas melloras nos orzamentos dos próximos anos; e que o Goberno inte á Xunta á construción dun cento de día nas proximidades das Fontiñas.