Compostela Aberta vén de manifestar o seu apoio á Plataforma SAF Galiza, que tén convocadas diferentes mobilizacións neste mes de decembro para denunciar a precariedade que sofren estas traballadoras, e para darlle visibilidade ás súas demandas. O grupo municipal de CA levará ao próximo Pleno unha moción para que a Corporación Municipal se pronuncie tamén en favor do persoal do Servizo de Axuda no Fogar que, entre outras cuestións, vén reclamando a negociación dun novo convenio colectivo para o sector.
A portavoz municipal de Compostela Aberta lembrou que “as traballadoras do SAF levan moito tempo denunciando a súa situación de precariedade, que se viu agudizada desde o comezo da pandemia da Covid, na que estas mulleres se sentiron absolutamente desprotexidas porque as súas empresas nin sequera lles facilitaban as EPIs precisas para garantir a súa seguridade e a das persoas usuarias do servizo”. Marta Lois explicou que o Servizo de Axuda no Fogar “leva dez anos sen actualizar o convenio colectivo, que ademais de ser obsoleto está a ser continuamente incumprido por parte da patronal”. As traballadoras do SAF levan anos denunciando a súa situación de precariedade “con baixas retribucións, con contratos a xornada parcial e temporais que derivarán nunhas pésimas condicións de xubilación”. A todo iso súmanse as carencias de medios para desenvolveren o seu traballo, “que fan que moitas destas mulleres sufran problemas de saúde, tanto músculo-esqueléticos como relacionados con depresións e ansiedade”.
Por todos estes motivos, Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que insta á Corporación a mostrar o seu apoio ás reivindicacións das traballadoras, e á mobilización convocada pola Plataforma SAF Galiza en Santiago para o próximo día 19 de decembro. A manifestación partirá ás doce do mediodía da Alameda.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA DAR APOIO ÁS REIVINDICACIÓNS DAS TRABALLADORAS DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR (SAF)