XESTIÓN DA AUGA

Compostela Aberta non apoiará ningún modelo de xestión da auga que non garanta o control público do servizo 

María Rozas lamenta que a oposición “manteña unha posición prefixada e non contemple ningunha alternativa ao modelo privatizado que despois de máis de 50 anos deixou unhas infraestruturas obsoletas en Santiago e unha preocupante falta de transparencia”. CA defende a fórmula da empresa mixta para avanzar no control público da auga e para garantir que os seus beneficios se reinvistan na mellora do servizo e polo tanto en favor da veciñanza.

Compostela Aberta non apoiará ningún modelo de xestión do ciclo da auga que non garanta un control público real e efectivo do servizo. Reiterouno hoxe a portavoz municipal de CA, María Rozas, tras a reunión da Comisión especial encargada de analizar a forma máis eficiente e sostible para a xestión do ciclo integral da auga. A concelleira lamentou o posicionamento da oposición, “que non contempla máis alternativas que a de manter o mesmo modelo privatizado que leva instaurado 50 anos en Santiago e que neste tempo nin garantiu o control do servizo nin permitiu que teñamos unha rede modernizada e infraestruturas en bo estado”.

Compostela Aberta insiste en que a xestión da auga “non é un debate ideolóxico, senón que vai de datos e de informes técnicos e de fiscalización”. Nese sentido, CA lembra que o propio Tribunal de Contas advertiu en 2003, nun informe sobre a prórroga do contrato acordada en 1998, da ausencia de control económico municipal sobre a xestión do ciclo integral da auga, o que impedía garantir a inexistencia de beneficios extraordinarios e podía traducirse en tarifas superiores ás necesarias para cubrir o custo real.

Retomar o control

Compostela Aberta insiste na urxencia de “retomar o control do ciclo integral da auga” e reitera que hai modelos de éxito que demostran que a xestión pública funciona, como é o caso de Valladolid que pasou dunha xestión privatizada na que a empresa falaba de déficit, a unha empresa pública que cada ano reinviste entre 9 e 10 millóns de euros na mellora da rede.

Para Compostela Aberta, o modelo preferente cara o que debe camiñar o Concello é o dunha empresa pública municipal “que estimamos que podería permitir reinvestir na mellora da rede en torno a tres millóns de euros anuais”. O modelo da sociedade mixta, sempre que tivera capital maioritariamente público e na que a o Concello ostentara a presidencia e tivera voto decisivo, permitiría avanzar no control público do servizo, garantindo ademais a separación entre a xestión do ciclo da auga e a execución das obras na rede, para evitar monopolios e favorecer a transparencia total. 

Falta de transparencia

Compostela Aberta insiste, ademais, en que a experiencia de máis de 50 anos de xestión privatizada demostra que este modelo dificulta o acceso á información, favorece a opacidade e condiciona a capacidade municipal de ordenar investimentos, mellorar o servizo e protexer á veciñanza fronte a custos innecesarios. De feito, os diferentes informes que se veñen realizando ao abeiro da comisión da auga falan de posibles sobrecustos nas obras, gastos excesivos de explotación, dobre contabilización de beneficio industrial, e mesmo gastos xerais e de persoal que duplican o habitual. Con estes estudos, e coas conclusións do propio Tribunal de Contas, sinalou María Rozas, “o PSOE e o PP de Santiago deben explicar por que se manteñen inflexibles na súa posición de manter a xestión privada da auga en Compostela, ao contrario do que estas organizacións defenderon noutras localidades”. 

Para Compostela Aberta, o obxectivo do Concello debera ser “que a cidadanía recupere o control deste servizo esencial e que non se continúe a facer negocio co que é de todas e todos”.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta, BNG, PSOE e as concelleiras non adscritas presentan unha moción conxunta en apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública do 1 de febreiro

Os grupos municipais de Compostela Aberta, BNG e PSOE e as concelleiras Non Adscritas acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes xaneiro, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia para o 1 de febreiro. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.

Compostela Aberta apoia a folga na Atención Primaria

Compostela Aberta manifesta o seu apoio á folga convocada polo persoal da Atención Primaria en Galicia, co obxectivo de protestar contra a precariedade laboral e asistencial que sofre o sistema sanitario galego. Denunciando unha estratexia calculada, por parte do goberno galego, que procura un desmantelamento do servizo público e unha privatización paulatina dun dos que debería ser un dos piares do Estado de benestar galego.

Compostela Aberta súmase á Plataforma “Emerxencia, Dependencia”

María Rozas participou na reunión constitutiva da Plataforma “Emerxencia, Dependencia”, que reúne a organizacións sociais, políticas e sindicais para alertar da situación de emerxencia na que se atopa o sistema de dependencia en Galicia. O próximo 17 de novembro, a Plataforma concentrarase diante do Parlamento.

Os grupos do Compostela Aberta, BNG e GM Socialista presentan unha moción conxunta de apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública

Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e GM Socialista acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes de marzo, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, o próximo 6 de abril do 2025. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo