Compostela Aberta non se integra no goberno da Deputación da Coruña

FOTO ASEMBLEA CA 31.07

  • Segundo acordou, na tarde de onte, a Asemblea cidadá de Compostela Aberta (CA) de cara ao pleno do ente provincial do vindeiro martes.
  • A Asemblea resolveu, asemade, que CA se absteña na proposta organizativa de PSOE e BNG na Deputación.
  • Unhas 50 persoas participaron na xuntanza na que tamén se deu conta da conformación da nova Coordenadora e dos Grupos de Traballo, así como das primeiras accións de goberno do Grupo Municipal de CA.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2015
Arredor de 50 persoas participaron na Asemblea cidadá de Compostela Aberta (CA), que se celebrou na tarde de onte, xoves, 30 de xullo, en Santiago. Na reunión abordáronse tres puntos, o primeiro relativo á organización; no seguinte formulouse a integración si ou non de Compostela Aberta no Goberno da Deputación da Coruña. En terceiro lugar, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, referiu a actividade de goberno desenvolvida polo Grupo Municipal de Compostela Aberta, nestes dous primeiros meses de xuño e xullo.
O concelleiro de Educación e Cidadanía e o único deputado provincial de CA, Manuel Dios, expuxo a proposta que PSOE e BNG fixeron a Compostela Aberta de cara a integrarse no goberno da Deputación da Coruña. Tras a explicación e o debate, os participantes na Asemblea acordaron mediante votación a abstención de Compostela Aberta en relación á proposta organizativa e o non no relativo á incorporación ao goberno da Deputación, de cara ao pleno que está previsto para o vindeiro martes.
Na liña de organización, Pepe Arias, integrante da nova Coordenadora de CA, presentou a conformación da mesma e os diversos Grupos de Traballo: Finanzas; Organización; Loxística; Ligazón cos Grupos de Traballo Temáticos; Territorial; Comunicación e dúas Co-portavocías en paridade.
Nas mesas da Asemblea cidadá tamén interviron Jorge Duarte, concelleiro de Espazos Cidadáns, e Javier Vázquez, membro da Coordenadora de CA, que presentou e moderou a xuntanza.
Accións de goberno 
O terceiro punto da orde do día foi un relatorio da actividade do concello co obxectivo de por en común as primeiras accións de goberno do Grupo Municipal de Compostela Aberta. Interveu o alcalde de Santiago de Compostela.  Martiño Noriega enumerou as decisións tomadas polo executivo local nos dous últimos meses, como a descentralización das actividades desenvolvidas; a eliminación das direccións de área, que suporá un aforro para o concello superior aos 300.000 euros anuais; ou a aposta pola laicidade do goberno, separando os roles institucionais dos asuntos relixiosos.
Noriega tamén describiu as reunións mantidas con Adif en Madrid sobre a execución da estación intermodal. Ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, pediulle o seu apoio para sacar adiante o proxecto e ferramentas que lle dean estabilidade ao financiamento da capitalidade e do Consorcio de Santiago.
Estas entrevistas súmanse as que mantivo con distintos colectivos da cidade, como á USC, a Rede Galega contra a Pobreza; ou Stop Desafiuzamentos. Precisamente, Noriega reuniuse recentemente co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para solicitar un protocolo de actuación que pasaría por notificar á administración os posibles casos de desafiuzamentos para intentar darlle unha solución. O alcalde rematou informando que nos cinco primeiros meses do ano, o anterior executivo gastou 400.000 euros en publicidade e propaganda, deixando esa partida sen fondos para o resto do ano, e sobre a devolución das entradas VIP que chegaron ao concello para o concerto de Mark Knopfler.

Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

CA completa unha lista “feminista, apegada aos barrios e o rural, e comprometida co activismo social e a defensa das traballadoras”

María Rozas presenta o segundo tramo da candidatura, que pechan a presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carminha Naveiro; a escritora e académica Marilar Aleixandre; e o exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo