Compostela Aberta oponse á eliminación da fiscalización previa dos grandes contratos que quere impoñer o PSOE

María Rozas advirte da “importante inseguridade xurídica que supón eliminar o control das grandes adxudicacións, xusto cando o Goberno tén pendente licitar o transporte urbano ou a auga”
  • A concelleira de CA lembra que o PSOE “acusou ao Goberno de CA de escurantista por limitar a fiscalización previa aos contratos de menos de 500.000 euros, cando agora pretende estender ese sistema a licitacións de centos de millóns de euros”
  • Compostela Aberta emendará a proposta do Goberno para manter a fiscalización previa nos gastos que pasen polo Pleno e nos maiores de medio millón de euros

Compostela Aberta mostrou hoxe a súa oposición ao cambio que pretende introducir o Goberno no réxime de fiscalización  e intervención  limitada previa sobre os gastos do Concello. A concelleira María Rozas lamentou que “o PSOE queira suprimir calquera tipo de control previo dos contratos, con independencia da súa contía, o que na práctica lle afectaría a adxudicacións tan importantes como a do transporte urbano, que supera os 117 millóns de euros, ou a da auga, que superaría os 450 millóns, que poderían licitarse sen informes previos da intervención municipal”.

María Rozas explicou que a proposta que o Goberno levou hoxe á Comisión de Facenda suporía a aprobación do réxime de fiscalización e intervención limitada previa de requisitos básicos sobre gastos e obrigas para o exercicio da función interventora no Concello e no Auditorio de Galicia. O labor da Intervención municipal limitaríase tan só á comprobación de cuestións como a existencia de crédito orzamentario ou o cumprimento da Lei de Facendas Locais nos contratos plurianuais. Na actualidade, tal e como explicou a concelleira, son fiscalizados todos os expedientes que son de competencia plenaria ou os que supoñen un gasto superior aos 500.000 euros, “unha modificación que introduciu o Goberno de Compostela Aberta para que a fiscalización sexa limitada en gastos máis ou menos correntes, pero completa no caso de contratos dun gran importe”.

A concelleira de Compostela Aberta advertiu que “os plans do Goberno de Bugallo supoñen unha importante inseguridade xurídica, e máis cando pretende introducilos nun momento no que están pendentes de licitar importantes contratos como o do transporte urbano que, polo seu prazo, comprometen a futuras Corporacións municipais”. Para Rozas, “a fiscalización limitada previa nestas grandes adxudicacións pode derivar en máis recursos ás licitacións, cos conseguintes prexuízos para os procedementos”. Tamén advertiu que, aínda que o Goberno teña a obriga de fiscalizar os gastos a posteriori, “a propia concelleira de Facenda recoñeceu hoxe que é algo que non se está a cumprir, pero ademais é probable que haxa cuestións das grandes licitacións que non se poidan corrixir ou anular cando sexan detectadas”.

Emenda de Compostela Aberta

María Rozas anunciou que Compostela Aberta vén de presentar unha emenda ao expediente que levará o Goberno a Pleno, para que a fiscalización limitada non lle afecte “nin aos expedientes que poidan supoñer gastos que deban ser aprobados polo Pleno do Concello nin aos expedientes de contía superarior aos 500.000 euros ou aqueles que superen este importe como consecuencia de rectificacións ou modificacións posteriores á súa aprobación inicial”. A concelleira explicou que “na maioría dos concellos e das Deputacións existe un límite para a fiscalización limitada previa, e non se entende que o Goberno queira facer experimentos xusto neste momento no que hai importantes contratos pendentes”.

As incoherencias do PSOE 

María Rozas denunciou que, unha vez máis, “o PSOE demostra a súa incoherencia, e actúa no Goberno de xeito radicalmente oposto a como actuou na oposición”. Para a concelleira, “cada día que pasa é máis evidente a irresponsabilidade do grupo socialista no pasado mandato, no que todo lle valía para arremeter contra o Goberno de Compostela Aberta, aínda que fora con consecuencias negativas para a cidade”. Nesa liña, Rozas lembrou que no ano 2017 o grupo socialista acusou ao Goberno de “escurantismo e de crear inseguridade xurídica por establecer a fiscalización limitada previa nas bases de execución do orzamento, mais limitada a determinadas contías e conceptos.

Descontrol e falta de respecto á oposición

Por último, a  concelleira de Compostela Aberta tamén denunciou que “a Comisión de Facenda desta mañá volveu evidenciar que estamos diante dun Goberno que vive na improvisación e na chapuza constante, que sempre chega tarde, mal e a rastras cos expedientes e que acaba dificultando o traballo de fiscalización da oposición”. María Rozas explicou que “con este Goberno convertiuse en habitual o que debera se excepcional, que é que se tramiten expedientes como urxencia e que a oposición reciba a documentación por fascículos e incompleta”. Iso motivou, sinalou a concelleira, que quedara sobre a mesa un expediente modificativo de crédito, que terá que ir por urxencia ao Pleno do próximo luns.

PODES CONSULTAR AQUÍ A EMENDA PRESENTADA POR COMPOSTELA ABERTA

Novas
relacionadas

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

“Para CA, o responsable cos veciños era estar no goberno e aportar estabilidade”

Entrevista a María Rozas, concellería de Dereitos e Servizos Sociais e primeira tenente de alcaldesa

María Rozas: “Asinamos un bo acordo para Santiago, que atende ao que nos pediu a veciñanza: un goberno de esquerdas e plural”

Compostela Aberta e BNG asinaron as bases do acordo de goberno transformador para Santiago durante o mandato 2023-2027

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo