- A portavoz de CA insta a Bugallo “a aproveitar a visita do seu compañeiro Ábalos para lembrarlle os compromisos que o Ministerio tén pendentes con Santiago, como a humanización da rotonda de Conxo”
Compostela Aberta volverá levar ao Pleno deste mes de abril unha proposición en relación á construción da nova sede do Imelga, para reclamar a súa localización nun ámbito afastado das zonas residenciais “que non poña en perigo o benestar da veciñanza de Santiago”. A portavoz de CA, Marta Lois, mostrou a súa preocupación “polo escurantismo que rodea este proxecto, do que desde o Concello se di que será un edificio meramente administrativo ao tempo que a Xunta difunde que contará con salas de autopsias con alto nivel de bioseguridade”. A concelleira advertiu que “estas informacións contradictorias non fan máis que provocar o temor da veciñanza das Fontiñas, o barrio no que os gobernos local e autonómico prevén construír o inmoble”.
Marta Lois recordou que, grazas á mobilización da veciñanza e ao acordo plenario do pasado mes de marzo a partir dunha proposición de Compostela Aberta, o Imelga non se construirá nunha parcela que forma parte, de facto, do parque Begoña Caamaño. A concelleira lembrou que, nesa proposición, “CA reclamaba que calquera localizacion para o edificio fora consensuada coa veciñanza, algo que o Goberno de Bugallo non parece disposto a facer porque a interlocución que está a ter cos veciños e veciñas das Fontiñas é nula”. Nese sentido, explicou que os residentes no barrio, particularmente no ámbito do Vieiro e as rúas Londres e Riga, “vén con moita preocupación a nova localización que se baralla para o Imelga, nunha parcela situada na esquina entre estas rúas”.
Escurantismo ao redor do proxecto
A portavoz de CA lamentou “o escurantismo co que o Goberno de Bugallo está a abordar este proxecto, que só agrava o temor da veciñanza, e máis cando xorden informacións contradictorias sobre as características que terá a nova sede do Imelga”. Así, lembrou, “mentres o alcalde insiste en que será un edificio meramente administrativo, a propia Xunta difunde unha nota de prensa na que salienta que o inmoble contará con varias salas de autopsias con alto nivel de bioseguridade para garantir a proteción do persoal na realización de autopsias de vítimas de enfermidades de transmisión respiratoria”. Para Marta Lois, “é evidente que os e as profesionais da medicina legal deben traballar con todas as garantías de seguridade e coa maior comodidade, pero isto debe ser compatible coa convivencia co resto da cidadanía”. Por iso, a concelleira de CA mostrou o seu convencemento de que “as características da nova sede do Imelga fan desaconsellable a súa localización nunha zona residencial, que a maiores está a escasa distancia dunha escola infantil, un colexio, un instituto de secundaria, unha ludoteca, un pavillón deportivo e amplas zonas de lecer”
Por iso, no Pleno deste mes, CA reclamará que o Goberno atenda as reivindicacións da veciñanza das Fontiñas que vén reclamando diálogo ao respecto da localización da nova sede do Imelga, e que escolla unha parcela municipal para ese edificio que estea afastada das zonas residenciais, para que non se poña en perigo o benestar da veciñanza de Compostela.
Visita de Ábalos
Noutra orde de cousas, a portavoz municipal de Compostela Aberta referiuse á visita que o ministro de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, realizará esta tarde ao Concello de Santiago. Marta Lois instou ao alcalde Bugallo a aproveitar a xuntanza para “alén da propaganda que agardamos dese acto, reclamarlle ao ministro o cumprimento dalgúns compromisos que segue tendo pendentes con Compostela”. Marta Lois referiuse, en concreto, ao compromiso para a humanización da rotonda de Conxo “unha actuación comprometida polo Ministerio e recollida nun acordo asinado en novembro de 2018, para a que se prevía un orzamento base de licitación dalgo máis de 240.000 euros e que permitiría cubrir o oco da glorieta, recollendo unha demanda histórica da veciñanza do barrio”.
A maiores, Marta Lois lembrou que o Ministerio de Transportes tén pendentes outras actuacións, como son a mellora e humanización da N-525 ao seu paso pola parroquia do Eixo: e da N-550, ao seu paso polas parroquias de Marantes e Enfesta; así como a rehabilitación da SC-20 “unha infraestrutura que precisa algo máis que o lavado de cara que se lle deu recementemente cun repitando, 25 anos despois da súa inauguración”. A voceira de CA lembrou que estas demandas ao Ministerio foron recollidas por Compostela Aberta nunha moción que o Pleno aprobou por unanimidade en xaneiro den 2020 “e desde entón non nos consta que se dera ningún paso para o seu cumprimento, por iso agardamos que hoxe Bugallo teña ocasión de lembrarlle eses compromisos pendentes ao seu compañeiro Ábalos”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA QUE A FUTURA SEDE DO IMELGA SE CONSTRÚA CONTANDO CON CONSENSO VECIÑAL E NUNHA ZONA NON RESIDENCIAL DE SANTIAGO