Compostela Aberta pedirá no próximo Pleno a creación dunha Escola de Maiores, que desenvolva unha programación educativa de calidade, con especial atención aos temas relacionados coa saúde, na rede de Centros Socioculturais de Santiago. A concelleira Branca Novoneyra lembrou que en Compostela viven preto de 22.000 persoas maiores de 65 anos,”e é unha obriga impulsar políticas públicas que permitan mellorar a súa saúde física, psicolóxica e emocional, e máis no actual contexto de pandemia da Covid-19”.
Branca Novoneyra defenderá no Pleno deste mes de maio unha moción na que Compostela Aberta propón a posta en marcha dunha Escola de Maiores, “na que se impliquen de maneira transversal diferentes departamentos municipais, como Servizos Sociais, Educación ou Centros Socioculturais”. A concelleira explicou que o desenvolvemento desta iniciativa debería estar vinculada “aos locais da rede de centros socioculturais, uns equipamentos que na actualidade están infrautilizados e que permitirían que as actividades se desenvolveran de maneira extendida por todo o municipio, incluídas as parroquias do rural”. Ademais, apuntou que a Escola de Maiores, “estaría perfectamente amparada polo regulamento dos centros socioculturais, que nos seus primeiros artigos sinala que estes equipamentos están destinados a promover o desenvolvemento integral da persoa, fomentar a convivencia e incrementar a participación da veciñanza na vida do municipio”.
A concelleira de CA explicou que a Escola de Maiores favorecería ó acceso á educación continua e á cultura das persoas maiores, facilitaríalles coñecementos en cuestións como a saúde, e fortalecería os contactos e as relacións entre as persoas participantes. Branca Novoneyra incidiu en que “este programa permitiría afrontar unha realidade que quedou evidenciada nesta pandemia, que é a da soidade non desexada provoca illamento social, aminora o benestar e a saúde individual e incide no aumento da mortalidade”. A Escola, sinalou, estaría dirixida ás preto de 22.000 persoas que viven en Compostela, das que unhas 13.000 son mullleres.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA A CREACIÓN DUNHA ESCOLA PARA PERSOAS MAIORES NA REDE DE CENTROS SOCIOCULTURAIS DO CONCELLO DE SANTIAGO