Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha proposición na que insta ao Goberno local a adoptar medidas para garantir a seguridade viaria e para reordenar a mobilidade no barrio das Fontiñas, atendendo aos cambios nos fluxos de tráfico por mor da nova configuración dos accesos tras as obras de mellora e integración paisaxística da entrada do Camiño Francés. O concelleiro Xan Duro explicou que “o novo deseño derivado desa actuación fai que a rúa Londres se convirta no principal acceso ao barrio desde a Avenida de Lugo, e un maior volume de tráfico pode convertir nun punto negro a confluencia das rúas Londres, Lisboa e Dublín, que só está regulado con sinais de stop”.
Xan Duro explicou que as obras que executa a Xunta na entrada do Camiño Francés “van supoñer novas dinámicas de fluxo de tráfico que é preciso avaliar para garantir unha mobilidade fluída, non só na avenida de Lugo senón en toda a súa contorna e nomeadamente nas Fontiñas”. O concelleiro de Compostela Aberta lembrou que a transformación da rotonda dos Concheiros nunha gran praza “vai acompañada da construción de dúas novas glorietas, unha delas no cruce do Conservatorio de Música e a xa desaparecida estación de autobuses, e a outra no cruce da rúa Londres, que deste xeito se transformará no principal acceso ás Fontiñas desde a avenida de Lugo”. O edil explicou que “a rúa Londres é precisamente onde se atopan importantes equipamentos como o IES Antón Fraguas ou o centro de saúde, de xeito que xa soporta un importante volume de tráfico que agora se verá notablemente incrementado”.
Cruce potencialmente perigoso
Tal e como relatou Xan Duro, “a confluencia entre a rúa de Londres e as rúas Lisboa e Dublín é un cruce con ata 12 xiros posibles, e está regulado unicamente con sinais de stop”. Para o concelleiro, “esta configuración pode orixinar problemas de mobilidade, e de feito xa se están observando retencións na zona, pero tamén se poden dar situacións perigosas polos automóbiles realizando maniobras de cruce, xusto ás portas do instituto do barrio”.
Por este motivo, Xan Duro pídelle ao Goberno local que estude medidas para garantir a seguridade e a fluídez do tráfico e propón que estude a construción dunha rotonda que facilite a mobilidade nese punto, “unha solución de ordenación do tráfico que xa é utilizada no barrio das Fontiñas, mesmo na mesma rúa, e que non requiriría unha obra demasiado complexa nin custosa”.