• A portavoz de CA pídelle ao Goberno que “escoite as peticións dos barrios e cumpra os acordos do Pleno”
  • Os remanentes de 2021 superan os 23 millóns de euros, pero 16 millóns xa están comprometidos “para pagar os gastos da mala xestión de Bugallo”

Compostela Aberta pedirálle ao Goberno que destine o groso dos remanentes de 2021 a manter as axudas fronte á situación de crise e a programas e investimentos en obras “pensadas para a veciñanza e non para o turismo, algunhas delas longamente comprometidas e nunca executadas”. A portavoz municipal de CA, Marta Lois, incidiu en que “a prioridade teñen que seguir sendo as persoas, nun momento no que ainda estamos lonxe de recuperar a normalidade da prepandemia e no que moitas familias e negocios están afogados por mor da crise económica”.

Axudas ás persoas e ao pequeno comercio

Marta Lois explicou que “Compostela Aberta quere que os remanentes volvan servir para habilitar axudas para os sectores máis damnificados pola crise que se iniciou coa pandemia da Covid e que nos últimos meses non fixo máis que agravarse polo contexto mundial”. Así, CA reclamará máis axudas para persoas desempregadas, para o sector da cultura e para o pequeno comercio, “cunha convocatoria específica de Bonos Corazón para a Praza de Abastos, que contribúa a paliar os efectos que tivo unha aplicación nefasta da peonalización de Mazarelos”

Ademais, a portavoz de Compostela Aberta explicou que “proporemos que se habiliten liñas específicas de axudas para proxectos de economía circular e para proxectos de economía social, dous modelos que deben ser alternativa para avanzar cara estruturas sociais e económicas máis xustas para todas as persoas”. Marta Lois lembrou, nesa liña, que “Santiago foi designada Capital da Economía Social, pero seguimos sen percibir que esa designación do Gobeno central vaia acompañada de medidas concretas no local, senón que máis ben parece que o Concello está desaproveitando a oportunidade de poñer o foco nese tipo de sociedades e cooperativas”.

Marta Lois salientou, ademais, que Compostela Aberta seguirá demandándolle ao Goberno que habilite medidas para axilizar o pago das axudas, a través do sistema de anticipo de caixa fixa. “porque non podemos permitir que se repitan as dinámicas deste ano, no que se conceden as subvencións pero entre a súa aprobación e o seu pago efectivo pasan longos meses de trámites para as persoas e negocios beneficiarios”.

Programas e investimentos

No que ten que ver cos investimentos, a prioridade de Compostela Aberta “volverá ser atender demandas reais da veciñanza, esquecer as obras para os turistas e pensar nas actuacións que realmente reclama a xente de Santiago”. Marta Lois incidiu en que “os barrios seguen tendo moitas necesidades que en ocasións non requiren de grandes orzamentos, senón máis ben dunha labor de escoita como a que vimos facendo desde o grupo municipal de CA coas asembleas abertas coa veciñanza”. Froito destes encontros, Compostela Aberta reclamará destinar parte dos orzamentos á redacción do “Plan Conxo”, unha proposta que xa foi aprobada tamén no último Pleno da Corporación; actuacións de mellora da mobilidade en Fontiñas, ou o plan de dignificación do barrio de Sar. Do mesmo xeito, CA pide que os remanentes incorporen unha partida para atender as necesidades do barrio de Mallou, e investimentos pensados para as familias como equipamentos deportivos no Castiñeiriño ou parques cubertos en distintas zonas do municipio.

A Vía Verde será outras das peticións de Compostela Aberta para os remanentes, “porque non hai xa ningunha xustificación para que o tramo correspondente a Santiago siga sen estar nin sequera en obras, estando xa executado o resto da senda”. Marta Lois lembrou que “esta actuación estaba xa recollida no acordo de orzamentos, pero lamentablemente dubidamos das intencións do Goberno de Bugallo para rematar esta actuación, desbloqueada durante o pasado mandato”. 

Por último, Compostela Aberta pedirá que os remanentes contemplen partidas para programas concretos como a creación da Axenda Cultural da cidade, que CA pediu tamén no último Pleno; o estudo para a implantación da Tarxeta Cidadá, a elaboración dunha auditoría sobre as necesidades do comercio de proximidade, ou para aumentar o orzamento do Espazo Apego.

Goberno incapaz

Marta Lois lembrou tamén que “os remanentes de 2021 son a mellor fotografía dun Goberno incapaz de xestionar o Concello de Santiago”. A portavoz de CA lembrou que os remanentes superan os 23 millóns de euros, “pero as partidas que Bugallo quere negociar coa oposición non suman máis de 7 millóns porque os outros 16 xa están comprometidos para pagar gastos pendentes do Goberno”. Así, lembrou, prevense 6,4 millóns de euros para facturas pendentes, 230.000 euros para a amortización de xuros e comisións que non foron abonadas en prazo, e mesmo 1,3 millóns de euros para intereses de sentenzas pendentes de pagar. Os remanentes tamén servirán para pagar as horas extras da Policía Local e dos Bombeiros que están pendentes de 2021, e que non se abonaron ainda cando da liquidación do orzamento de 2021 se extrae que o Goberno non gastou tres millóns de euros do que tiña orzado no capítulo de persoal; e para afrontar as axudas a diferentes entidades pendentes de abono, e que superan o 1,3 millóns de euros.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies