- CA pídelle ao Goberno que apoie á comunidade educativa, que está estudando a posibilidade de crear un Colexio Rural Agrupado cos tres centros rurais de Compostela
Compostela Aberta levará ao Pleno da próxima semana unha moción para que a Corporación municipal traslade o seu apoio á comunidade educativa da Escola Infantil do Gaioso, na parroquia do Eixo, que se atopa en risco de peche se non incrementa o número de nenos e nenas matriculadas para o próximo curso. A portavoz de CA, María Rozas, volveulle reclamar ao Goberno “que adopte as medidas necesarias e que medie diante da Xunta para procurar fórmulas que eviten a desaparición desta escoliña, unha das tres unitarias que sobreviven no rural de Santiago”.
María Rozas vén de realizar unha visita á Escola Infantil do Gaioso, que está organizando xornadas de portas abertas para dar a coñecer o centro entre as familias e tratar de incrementar o número de matrículas para o vindeiro curso. A portavoz municipal de Compostela Aberta lamentou que o centro volva estar nunha situación incerta, como xa lle aconteceu no pasado curso, e lembrou que xa naquel momento “CA reclamara que as administracións adoptaran medidas para garantir certa estabilidade tanto á escola do Eixo como ás outras dúas unitarias do rural que quedan en Compostela, nas parroquias de Marrozos e Laraño”. Para a concelleira, “é preciso poñer en valor estas escolas, que son máis pequenas, teñen máis espazo ao aire libre, contan cunha menor ratio de alumnado que facilita unha atención máis personalizada, e que promoven a convivencia entre crianzas de diferentes idades, beneficiando o seu desenvolvemento”.
Estudar a creación dun CRA
A portavoz de Compostela Aberta instou ao Goberno a apoiar ao profesorado das tres escolas unitarias de Santiago, que están estudando a posibilidade de crear un CRA, un Colexio Rural Agrupado. Esta fórmula, que funciona cun gran éxito en concellos próximos como Vedra e Boqueixón, “permitiría que as tres unitarias formaran unha única escola a efectos administrativos, compartindo recursos e profesorado, pero mantendo as súas instalacións individuais, e facilitaría a procura de solucións para mellorar a oferta das escolas para favorecer a conciliación das familias, unha das eivas que teñen as unitarias do rural para atraer alumnado”.
Por último, María Rozas reclamoulle ao Goberno que acometa de maneira inmediata a actuación de mellora na entrada da escola infantil de Gaioso que solicita a comunidade educativa “para contribuir a que o centro sexa o máis atractivo posible para as familias e axudar a incrementar o número de matrícula que garanta a súa permanencia”.





